
Vigo (1984). Militante nacionalista galego, participou e participa de diversos movementos sociais (estudantil, veciñal...). No eido sindical é membro da Executiva Comarcal de Vigo e do Consello Nacional da Federación de Banca, Aforro, Seguros, Oficinas e Telemárketing da CIG. Forma parte tamén da Dirección Comarcal confederal da CIG en Vigo. Colaborador de opinión en diferentes medios de comunicación é autor do blogue Contradiscurso (www.contradiscurso.net).
Se non fose porque no berce do capitalismo mundial, isto é nos EUA, a súa administración en tempos inda do republicano George W. Bush non tivo inconveniente en intervir directamente nos bancos con risco de creba, non só mediante capitalización con cargo a fondos públicos senón facendo que o estado estivese presente nos consellos de administración, a propia idea de nacionalizar a banca seguiría sendo un anatema impronunciábel para moitos.
A crise do capitalismo sorprendentemente, e se cadra de xeito paradóxico, abre un escenario de oportunidades ás teses que sosteñen una maior intervención pública na economía, destacadamente no relacionado co segmento especulativo-financeiro, no que a banca ten un papel central.
A intervención económica, é dicir a inxección de recursos públicos para apuntalar o castelo de naipes no que se configuran as finanzas a nivel internacional, só está xustificada como xeito de evitar que os efectos provocados pola maximización do afán de lucro, mediante a especulación máis salvaxe e afastando a economía da esfera produtiva (a única na que se xera valor e plusvalor), recaian na maioría social (clase traballadora) e no tecido produtivo.
Sería inasumíbel e tremendamente inxusto que o impacto derivado da cobiza do capital financeiro, e as súas prácticas de casino, recaese precisamente naqueles que coa súa forza de traballo (no caso dos traballadores) e coa súa actividade produtiva (no caso das empresas, especialmente as do sector primario e industrial) son o sustento real da economía.
No caso da clase traballadora, precisan de especial protección e garantía os seus aforros, que na meirande parte dos casos unicamente se acumulan como fondo de garantía familiar, sen maior afán de lucro que o de conseguir evitar a depreciación resultante do incremento do IPC. Así mesmo, comezan a ser ineludíbeis políticas públicas destinadas a desafogar ás rendas máis baixas, que a maiores do seu escaso poder de compra cargan coa lousa do endebedamento, maioritariamente de corte hipotecario, así como medidas de extensión e ampliación da protección social que poñan freo aos evidentes riscos de exclusión existentes na actualidade, prestando especial atención aos desempregados.
No caso das empresas que operan no eido da esfera da produción, e de xeito extensíbel ás pequenas e medianas empresas en xeral, debese garantir que o acceso a crédito non se vexa bloqueado, pois en moitos casos a liquidez que pode garantir a súa continuidade depende directamente destes, pero sempre que estas garantan a non precarización das condicións laborais e o mantemento dos postos de traballo.
Fora de consideracións xerais arredor da natureza irracional e antisocial do sistema capitalista, e máis concretamente da súa esfera especulativa, e partindo do feito de que a actual crise constata a necesidade dun cambio xa non de modelo senón de sistema socioeconómico (a sabendas de que a única alternativa en beneficio da humanidade é o socialismo) ten lóxica, por responsabilidade, que neste escenario as administracións públicas, e concretamente o estado, poña todos os recursos necesarios para garantir que as consecuencias da crise as pague o seu responsábel, o capital -concretamente o especulativo-, e non a clase traballadora.
Nese senso é evidente que a intervención pública na banca faise indispensábel, tendo en conta o papel crucial que esta xoga no modelo económico actual, e sendo conscientes da precariedade dun sistema monetario que se alicerza no feble diñeiro-débeda e non no diñeiro-valor, e que se cimenta nun elemento tan flutuante e volátil como é a confianza no propio sistema.
Porén, esa intervención -requira ou non de inxección de fondos públicos cos que respaldar os dépositos-, ten que producirse mediante a nacionalización do sistema financeiro. En síntese: o estado (e non falo unicamente da administración central) debe facerse co control dos bancos, caixas e entidades financeiras. Algo lóxico, tendo en conta que os vai avalar con diñeiro público (provinte da achega impositiva de todas e todos).
Así o propón dende hai meses a CIG, ao presentar as súas alternativas perante a crise, e precisamente así o ven de reivindicar novamente a Federación de Banca e Aforro da central sindical nacionalista, trala recente intervención do Banco de España na Caixa Castilla-La Mancha (CCM). Pero esa nacionalización non pode ter outro obxectivo que o do control público da banca e do sector financeiro. Non sería asumíbel nin útil un control de corte partidista ou centralista.
É urxente tamén a reforma, reclamada historicamente polo nacionalismo galego, da Lei Galega de Caixas de Aforro; normativa caduca, claramente insuficiente e que se deseñou dende o modelo que hoxe coloca en risco de creba ao sistema financeiro internacional, e sen ter en conta as necesidades da nosa nación, que debe ser superada por un modelo de xestión propio, que se afaste das chave neoliberais anteriores, e que poña as caixas ao servizo do país e das súas potencialidades produtivas.
Por outra banda é necesario implementar unha maior supervisión pública e un maior control, mediante unha regulación normativa menos flexíbel coa especulación, sobre o conxunto do sistema financeiro, para evitar de entrada futuras intervencións a costa dos contribuíntes.
Finalmente, é imprescindíbel para dar unha resposta axeitada e completa que evite que as consecuencias da crise recaian en quen non se enriqueceu das súas causas, a creación dunha Banca Pública Galega, que substitúa á lucrativa e irresponsábel banca privada, e que se centre no financiamento da débeda das familias traballadoras e en dispensar o crédito necesario para que as empresas continúen coa súa actividade, para evitar dese xeito situacións dramáticas dende o punto de vista social ou a creba de toda a economía, estimulando o consumo e a produción.
Lamentabelmente nin o actual goberno español de Rodríguez Zapatero, nin a futura Xunta de Galicia presidida por Núñez Feijoo, semellan estar dispostos a actuar nesas coordenadas, máis ben ao contrario.
Haberá pois que forzalos a tomar esas medidas mediante a mobilización social, con todos os instrumentos ao noso dispor, incluída a Folga Xeral.