
Licenciado en dereito, é membro do Gabinete Técnico da CIG. Ademais, representa a central sindical nacionalista no Consello Económico e Social no Estado español, na Comisión Consultiva de Convenios Colectivos e no Comité de Seguimento do Fondo Social Europeo.
Os EREs adoitan ser a punta do iceberg, porque a gran maioría do desemprego se xera a través dos despedimentos que se producen na pequena empresa que opta por esa vía no canto de propor expedientes suspensivos ou extintivos. O despedimento improcedente e en épocas de crises o despedimento obxectivo, doadamente cualificado como procedente, é a causa principal do desemprego, co que se consolida a indemnización de vinte días, aínda máis accesíbel para a empresa se temos en conta a responsabilidade directa do FOGASA polo corenta por cento do total da indemnización.
Estando o Real Decreto-Lei 2/2009 en tramitación como proposta de lei, e antes de entrar no seu concreto contido, permítanme algunhas reflexións sobre o marco xeral de crise económica.
CONSIDERACIÓNS XERAIS.
En primeiro lugar, gustaríame chamar a atención sobre o feito de que todas as crises anteriores -desde 1977- levaron ou provocaron reformas estruturais no dereito do traballo claramente desfavorábeis para a clase traballadora, reformas flexibilizadoras que puñan o acento, segundo as épocas, nun ou outro aspecto determinante para as relacións laborais. Pois ben, as medidas positivas do Decreto-Lei actual non teñen ese carácter senón que son apenas conxunturais, con prazos de inicio e finalización moi precisos, como vostedes. saben. E é necesario chamar a atención sobre iso porque parece que as medidas negativas para a clase traballadora son sempre estruturais mentres que as positivas adoitan ser apenas conxunturais.
En segundo lugar, expresar a nosa preocupación porque nestes momentos se produza o debate e se poñan en cuestión institucións significativas do dereito laboral, como a protección fronte ao despedimento improcedente, a intervención administrativa nas suspensións e despedimentos colectivos, a causalidade na contratación temporal ou mesmo a eficacia normativa do convenio colectivo. En ningún caso nós imos apoiar, conforme a unha hipotética solución desta crise, que como todo o mundo sabe non ten orixe laboral, reformas que signifiquen perda de dereitos e nos sitúen en peores condicións de saída.
A CIG non participa no proceso coñecido como “diálogo social”, ao que nin sequera fomos convocados, vulnerando así a legalidade vixente. Non temos subscrito pactos sociais nin acordos interconfederais que dalgunha forma lexitimaron reformas flexibilizadoras anteriores e que, ao noso ver, provocaron perda de protagonismo e presenza real do sindicalismo como contrapoder. Nós cremos que a xestión laboral do conflito que toda crise comporta debe facerse fundamentalmente desde a negociación colectiva, que ten unha ampla marxe de manobra, e non confiamos en reformas pactadas ou unilaterais que desequilibren aínda máis as relacións laborais en prexuízo da clase traballadora.
En terceiro lugar, debemos explicitar que o anteriormente dito non nega o papel do Estado e das CCAA na crise. Pola contra, é fundamental que se adopten medidas paliativas e de acompañamento destinadas a colectivos específicos e, de igual forma que se conceden axudas a determinados sectores económicos, é necesario asegurar a subsistencia daquelas persoas en paro que esgotasen as prestacións a través, por exemplo, de salarios de inserción laboral.
Consideramos que as CCAA deben ser conscientes da súa función relevante nesta crise. A través das súas competencias de execución da lexislación laboral poden adoptar unha posición proactiva e de xestión política dos EREs, poden tamén consonte ás súas competencias complementar e mellorar as políticas estatais, poden impulsar a coordinación co Estado para a aplicación de concretas medidas asistenciais ou ben aplicalas en solitario e deben facer un maior esforzo en formación profesional e defender e asumir plenamente as súas competencias neste eido.
Entrando en materia concreta do Decreto-Lei 2/2009, este está estruturado en tres capítulos que respectivamente conteñen: 1) medidas para o mantemento do emprego (bonificacións das cotizacións empresariais á Seguridade Social en EREs de suspensión ou redución de xornada con compromiso de mantemento do emprego durante un ano e nova regulación do convenio especial coa Seguridade Social en caso de traballadores afectados por EREs para fomentar a súa permanencia na actividade); 2) medidas para mellorar a protección social dos traballadores (reposición da prestación por desemprego en caso de suspensión do contrato ou redución de xornada nun ERE ao que sucede outro ERE de suspensión ou de extinción e supresión do período de espera para percibir o subsidio de desemprego); 3) medidas para incentivar o emprego de persoas desempregadas (bonificación da cota empresarial por continxencias comúns en caso de contratación indefinida de persoas desempregadas que cobran prestación e modificación do programa de bonificacións no que se refire ao tempo parcial para a súa incentivación).
CONSIDERACIÓNS PARTICULARES AO ARTICULADO.
Ao artigo 1º (bonificación na cotización empresarial á Seguridade Social nos supostos de regulacións temporais de emprego)
Coa primeira medida regulada no artigo 1º, a bonificación do 50% das cotas empresariais por continxencias comúns durante a situación de suspensión ou de redución temporal da xornada, ata un máximo de 240 días, preténdese incentivar economicamente ás empresas ante a ameaza de adoptar medidas extremas como o despedimento, unha vez finalizada a suspensión ou redución de xornada, comprometéndose o empresario a manter o emprego das persoas afectadas durante polo menos un ano.
Como crítica non só a esta medida, senón en xeral ao tratamento dado aos EREs suspensivos, debemos dicir que se botan en falta regras específicas de acción positiva destinadas ás empresas máis pequenas, que realmente non van ser as beneficiarias das bonificacións, xa que para elas vai seguir sendo máis sinxelo e menos custoso acudir ao despedimento, máxime se temos en conta a responsabilidade directa do FOGASA que “subvenciona” ata o 40% do seu custo. Por iso, malia a intencionalidade da norma (bonificar as suspensións para manter o emprego) a súa eficacia vai ser mínima porque non incide na destrución masiva de emprego que se produce a través de despedimentos, fundamentalmente obxectivos, nas pequenas estruturas produtivas.
Ao artigo 2º (convenio especial en determinados expedientes de regulación de emprego)
Consideramos positivo a disposición do artigo 2º de forma que as cotizacións do convenio especial durante o pagamento pola empresa -ata os 61 anos- se a persoa afectada entre tanto traballa, sirvan para o pagamento do convenio especial máis aló dos 61 anos, incentivando a continuidade da actividade. Porén, a ninguén lle escapan as dificultades de colocación destas persoas de maior idade, polo que a efectividade da medida será máis ben escasa.
Ao artigo 3º (reposición á prestación por desemprego)
Coa reposición á prestación por desemprego, contemplada no artigo 3º, parece que se intentase recuperar a antiga regra do art. 8.3 da Lei 31/1984 (*), derrogada pola Lei 22/1992. É unha medida “compensadora” para as persoas desempregadas afectadas por EREs, xa que se todas as medidas desenvolvidas desde o comezo da crise estaban dirixidas a conceder axudas e subvencións ás empresas, un mínimo sentido de xustiza esixía que se tivese en conta tamén á clase traballadora.
Esta medida vén caracterizada polos seguintes trazos:
· Carácter simplemente conxuntural. Introdúcese unha medida de estímulo para os expedientes suspensivos con resolución administrativa ou xudicial de autorización recaída entre o 1 de outubro de 2008 e o 31 de decembro de 2009, aos que segue un despedimento -non necesariamente colectivo, xa que pode ser así mesmo obxectivo- por autorización administrativa ou auto do xuíz do mercantil antes do 31 de decembro de 2011.
· Limitación obxectiva á prestación contributiva, sen que alcance ao subsidio asistencial.
· A non esixencia, no suposto de extinción que segue a unha suspensión, de que a persoa afectada esgote toda a duración da prestación a que tiña dereito, nin de que non se xerou unha nova prestación logo de alzada a suspensión.
· O establecemento dun límite máximo de reposición de 120 días para o caso de que o seguinte ERE sexa extintivo e de 90 días se é novamente suspensivo.
· O dereito reposto é o mesmo, o que implica que a base de cotización e a contía non varían, de xeito que se aplican as do momento da primeira situación de desemprego.
· A reposición concédese de oficio pola entidade xestora ao interesarse polo traballador a continuación da prestación.
A medida é bastante máis complexa que o establecido na citada Lei 31/1984, de protección por desemprego, e xera importantes problemas en relación á extinción que segue a unha suspensión. Se non se consumiu o dereito á prestación por desemprego durante a suspensión, producirase a suspensión prevista no art. 212.1 d) da LXSS. Pero, se se traballa durante doce meses ou máis xérase nova prestación e a persoa afectada ten que optar entre renovar a anterior prestación non extinguida e a nova, perdéndose a cotización daquela pola que non se optou. Polo tanto as cotizacións que se xeraron ata a extinción do seu contrato non se acumularán ás cotizacións que tivese con anterioridade á suspensión. Isto significa que a persoa desempregada só obterá a plena reposición, con mantemento das súas expectativas futuras, no caso de que entre o retorno ao traballo tras a suspensión e a posterior extinción transcorran menos de doce meses, e en caso contrario haberá perda irreparábel da prestación.
Se se analiza o suposto de reposición no caso dunha segunda suspensión, a reposición só se produce se se esgota o dereito e non se xera nova prestación coas novas cotizacións. Nestes supostos tamén está clara a intención limitadora da reposición, xa que só se o primeiro ERE supera os catro meses de duración é posíbel que se repoña a prestación, porque se non alcanza a dita duración, non se terá extinguido a prestación de máis breve duración que puidese concederse.
Parece pois evidente que o Goberno propuxo en termos restritivos o dereito de reposición de forma que se outorga menos cobertura da que a primeira vista aparenta. Por iso agora, na tramitación como lei, isto debe modificarse para garantir un verdadeiro dereito de reposición da prestación.
Ao artigo 4º (eliminación do período de espera)
Consideramos positiva esta medida que facilita o aboamento do subsidio por desemprego sen que opere o prazo de espera dun mes. É criticábel, ao noso ver, o seu carácter temporal de forma que só afecta ás situacións protexidas polo subsidio por desemprego que se produzan ata o 31 de decembro de 2009. Aquelas persoas que estean cobrando prestacións por desemprego durante este ano pero se lles extinga o dereito no 2010 terán que se ver sometidos de novo ao período de espera sen protección social ningunha.
Ao artigo 5º (Bonificacións á contratación indefinida de persoas beneficiarias por desemprego)
Neste caso bonifícase a contratación non de persoas con especiais dificultades para accederen a un emprego, ou en función das súas cargas familiares, senón que esa contratación vai depender da maior protección social que teña esa persoa no momento da colocación. Prímase sinxelamente a colocación das persoas desempregadas que carrexan maior custo económico para o sistema de desemprego.
Como a bonificación pode alcanzar ata tres anos de bonificación do 100 por 100 da cota empresarial por continxencias comúns polo feito de manter á persoa contratada durante polo menos un ano, isto fai que as cantidades a percibir polo empresario poidan ser notabelmente maiores que as que pode obter pola colocación de calquera outra persoa con dificultades de inserción, desequilibrando o cadro xeral de bonificacións configurado no Programa de Fomento de Emprego da Lei 43/2006.
Ao contrario do que sucedía co dereito de reposición, onde as beneficiarias eran exclusivamente perceptoras de prestacións contributivas, aquí se se inclúen as persoas beneficiarias do subsidio por desemprego e as perceptoras de renda activa de inserción, potenciando unha “competencia” entre as persoas desempregadas á hora de acceder a un emprego, en función das cantidades “que tivesen pendentes de percibir”
.
Por outra banda, é difícil de entender por que se impón ás persoas beneficiarias de protección contributiva o percibir a prestación durante polo menos tres meses, o que pode retardar innecesariamente a súa colocación, máis aínda se temos en conta que isto non se esixe ás perceptoras de subsidio por desemprego, nin sequera cando se recoñece directamente tras a extinción do contrato e poida que, segundo os casos, as súas “cantidades pendentes de percibir” sexan moito maiores que as das persoas beneficiarias da prestación contributiva.
Esta bonificación pode ter incidencia negativa no emprego, xa que a obriga do empresario non é manter o emprego existente senón garantir o traballo durante polo menos un ano á persoa contratada, de forma que pode acudir ao despedimento improcedente doutras persoas empregadas. Tamén a empresa pode despedir inxustificadamente á persoa contratada logo de transcorrido un ano, mantendo a bonificación a contía da cal sería máis que suficiente para custear a indemnización de 45 días de salario.
Ao artigo 6º (incremento das bonificacións dos contratos a tempo parcial)
A Lei 43/2006 e nomeadamente o Programa de Fomento do Emprego nela contida modifícase en dous sentidos:
- As persoas que traballan a tempo parcial con xornadas moi reducidas e inferiores a un terzo da xornada habitual a tempo completo, son consideradas desempregadas para os efectos das bonificacións previstas.
- Increméntanse as bonificacións do contrato a tempo parcial, indefinido ou temporal, previstas en cada caso, ata un 30%, sen que poida superarse o 100%.
Trátase, unha vez máis, de fomentar un contrato a tempo parcial que segue tendo escasa acollida entre as persoas que buscan emprego, ao contrario do que sucede noutros estados europeos. Coidamos que a situación seguirá igual, dada a pouca entidade das medidas e a experiencia de abusos existentes na práctica desta modalidade contractual.
CONCLUSIÓNS
A crise económica ten graves consecuencias para as persoas. Os axustes danse principalmente na actividade e no emprego e non tanto nos beneficios empresariais.
Os EREs adoitan ser a punta do iceberg, porque a gran maioría do desemprego se xera a través dos despedimentos que se producen na pequena empresa que opta por esa vía no canto de propor expedientes suspensivos ou extintivos. O despedimento improcedente e en épocas de crises o despedimento obxectivo, doadamente cualificado como procedente, é a causa principal do desemprego, co que se consolida a indemnización de vinte días, aínda máis accesíbel para a empresa se temos en conta a responsabilidade directa do FOGASA polo corenta por cento do total da indemnización.
Esta realidade condiciona notabelmente a eficacia das medidas propostas respecto do fomento dos EREs suspensivos. Deberían, polo tanto, considerarse medidas de acción positiva para o mantemento do emprego a través de EREs suspensivos nas pequenas empresas, especialmente naquelas de tamaño reducido, que son as primeiras esquecidas. E ao mesmo tempo sería necesario introducir medidas correctoras en torno ao despedimento, evitando a utilización fácil desa vía por parte das empresas a través de “pactos” cos traballadores respecto da cualificación do despedimento e do consecuente acceso á prestación do desemprego.
As melloras da protección social dos traballadores e traballadoras deben ampliarse, por unha banda suprimindo o seu carácter temporal e pola outra, garantindo un real dereito á “reposición” de forma que nos dous supostos expostos no artigo 3º se exceptúe a aplicación do artigo 213 d) en relación co artigo 210.3 da LXSS, de forma que a persoa afectada non sexa obrigada a optar entre renovar a anterior prestación non extinguida e a nova. Por outra banda, debe abordarse o grave problema que supón o feito de que xa na actualidade o 40% das persoas desempregadas en Galiza non teñen ningún tipo de cobertura, cifra que alcanza a tres de cada 10 persoas paradas no conxunto do Estado.
Debe evitarse o carácter discriminatorio das bonificacións á contratación indefinida que colocan en risco de exclusión social a colectivos con maiores dificultades para acceder ao emprego.
__________________________________________________________________________
Nota:
(*) Cando se autorice a unha empresa a reducir o número de días e horas de traballo ou a suspender os contratos, de forma continuada ou non, por tempo inferior a seis meses, e posteriormente se autorice por resolución administrativa a extinción dos contratos, os traballadores afectados polas devanditas autorizacións terán dereito á prestación por desemprego sen que se compute para efectos da duración máxima do mesmo o tempo durante o que percibiron o desemprego parcial ou total en virtude daquelas, sempre que non medie un prazo superior a un ano desde que finalizou a suspensión ou redución e a efectividade da extinción autorizada.
__________________________________________________________________________
Luís Burgos é conselleiro do Consello Económico e Social do Estado en representación da CIG.
[Este texto recolle a súa comparecencia no Parlamento español o pasado 27 de maio de 2009, a propósito da tramitación do Real Decreto-Lei 2/2009, do 6 de marzo, de medidas urxentes para o mantemento e o fomento do emprego e a protección das persoas desempregadas.]