Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
2/7/2010
Secretario nacional da Federación da Banca.
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Caixas de Aforros, agochar os problemas no Caixón

Por fin sabemos quen manda; semellaba que iso era o único importante da fusión, pero seguimos sen saber cal será o custo económico e social que pagaremos os galegos e galegas por ter unha Caixa. Non tanto polo custo da fusión, senón polo plan de saneamento de ambas as entidades.

Caixa Galicia e Caixanova tiñan problemas (como toda a banca) derivados de erros na xestión, que serán solventados mediante unha fusión, que lles permitirá reforzar os recursos propios con axudas do FROB e polo tanto afrontando un duro plan de axuste vía desinvestimentos en activos e con recortes laborais.

A axuda do FROB engádese ás xa recibidas, inxeccións de diñeiro público por varias vías (Fondo Adquisición Activos Financeiros, emisións con aval público, inxección do Banco Central Europeo, etc.). Axudas que superarán os 8.000 millóns de euros.

Todas as auditorías marcan a necesidade dun novo modelo de xestión, recuperando o modelo de negocio minorista, reducindo a dependencia dos mercados financeiros internacionais (as caixas teñen que afrontar vencementos de débeda que superan os 9.000 millóns de euros ata o 2012) e reducindo a exposición ao ladrillo. Todo isto terá un custo económico moi elevado.

O plan de saneamento inclúe desinvestimentos por valor de 13.000 millóns de euros que poden afectar a outras empresas do sector financeiro galego, coa posíbel venda do Banco Gallego, Banco Echeverría, ou a participación no Banco Pastor. Así mesmo pode afectar á posición que actualmente tiñan as Caixas en empresas estratéxicas para Galiza como “R” ou Pescanova. Por outra banda, a necesaria redución da dependencia dos mercados financeiros levará a que continúen as restricións do crédito ás pequenas e medianas empresas, aquelas que crean postos de traballo. Bo negocio fixemos, pensarán moitos galegos e galegas.

Teremos unha Caixa, pero cun custo en termos económicos e sociais para Galiza excesivo, froito dunha cuestionábel xestión na que estiveron implicadas directamente as persoas que han continuar na nova equipa directiva. Agardamos, que remedio nos queda, que aprenderan dos seus erros. Pero hai que denunciar unha vez máis que se a democracia non chegou ás Caixas evitando que os culpábeis asuman responsabilidades é grazas a impunidade que lles brindou o recurso presentado polo PSOE contra a Lei de Caixas do Parlamento galego.

En definitiva, teremos unha Caixa de Aforros que pagaremos a escote os galegos e galegas, nomeadamente os traballadores e traballadoras aos que as Dirección non informa nin cos que tampouco negocian. Agardamos que despois de todo isto, á volta do verán, o goberno e o Partido Popular non veñan con que hai que privatizalas. Sería o que nos faltaba!

 

[Artigo tirado do ‘Xornal’, 1 de xullo de 2010]

cig.prensa@galizacig.com