Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
2/7/2012
Director do Le Monde Diplomatique e profesor da teoría da comunicación na Universidade Denis-Diderot (París VII). Cofundador de Attac e de Media Watch Global.
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Sadismo económico

No Estado español, onde o Goberno de Mariano Rajoy está aplicando políticas salvaxes de austeridade ao límite precisamente do “sadismo”, as expresións de descontento social multiplícanse. E iso nun contexto de enorme desconcerto, no que, de súpeto, os cidadáns constatan que ás crises económica e financeira se suma unha grave crise de gobernación.

 Sadismo? Si, sadismo. Como chamar doutro xeito esa compracencia en causar dor e humillación a persoas? Nestes anos de crises, vimos como -en Grecia, en Irlanda, en Portugal, no Estado español e noutros países da Unión Europea (UE)- a inclemente aplicación do cerimonial de castigo esixido por Alemaña (conxelación das pensións; atraso da idade de xubilación; redución do gasto público; recortes nos servizos do Estado de benestar; diminución dos fondos para a prevención da pobreza e da exclusión social; reforma laboral, etc.) provocou un vertixinoso aumento do desemprego e dos desafiuzamentos. A mendicidade disparouse, así como o número de suicidios.

 Malia o sufrimento social alcanzar niveis inaturábeis, Angela Merkel e os seus seguidores (entre eles Mariano Rajoy) continúan a afirmar que sufrir é bo e que iso non debe verse como un momento de suplicio senón de auténtico xúbilo. Segundo eles, cada novo día de castigo purifícanos e rexenéranos e vainos achegando á hora final do tormento. Semellante filosofía da dor non se inspira no Marqués de Sade senón nas teorías de Joseph Schumpeter, un dos pais do neoliberalismo, que pensaba que todo sufrimento social cumpre dalgún xeito un obxectivo económico necesario e que sería unha equivocación mitigar ese sufrimento aínda que só fose lixeiramente.

 Niso estamos. Cunha Angela Merkel no rol de “Wanda, a dominadora”, alentada por un coro de ­fanáticas institucións financeiras (Bundesbank, Banco Central Europeo, Fondo Monetario Internacional, Organización Mundial do Comercio, etc.) e polos eurócratas adictos de sempre (Durão Barroso, Van Rompuy, Ollie Rehn, Joaquín Almunia, etc.). Todos apostan por un masoquismo popular que levaría os cidadáns non só á pasividade senón a reclamar máis expiación e maior martirio “ad maiorem gloria Europa”. Mesmo soñan con iso que os medios policiais denominan “submisión química”, uns fármacos capaces de eliminar total ou parcialmente a conciencia das vítimas, convertidas sen o quereren en xoguetes do agresor. Mais deberían ir con coidado, porque a “masa” roxe.

 No Estado español, onde o Goberno de Mariano Rajoy está aplicando políticas salvaxes de austeridade ao límite precisamente do “sadismo” (1), as expresións de descontento social multiplícanse. E iso nun contexto de enorme desconcerto, no que, de súpeto, os cidadáns constatan que ás crises económica e financeira se suma unha grave crise de gobernación. Simultaneamente, varios alicerces fundamentais do edificio do Estado se desfán: a Coroa (co tétrico asunto da caza do elefante en Bostwana), o Poder xudicial (co escandalolos caso Dívar), a Igrexa (que non paga o Imposto sobre Bens Inmobles, IBI), o sistema bancario (do que nos afirmaban que era o “máis sólido” de Europa e constatamos que se esfarela), o Banco de España (incapaz de alertar sobre Bankia e outras quebras espectaculares), as Comunidades Autónomas (sumidas algunhas delas en abismais escándalos de corrupción), os grandes medios de comunicación (excesivamente dependentes da publicidade e que ocultaron as calamidades por vir)...

 Sen falarmos do propio Goberno cuxo Presidente, nun momento no que o Estado español (con Grecia) se converteu no eixo dos problemas do mundo, parece avanzar sen compás. E quen, fronte a preguntas fundamentais, ou dá a calada por resposta ou contesta con expresións surrealistas (“Imos facer as cousas como Deus manda”), ou sinxelamente sostén contraverdades (2). Mariano Rajoy e o seu equipo económico teñen unha gran responsabilidade na desfeita actual. Dirixiron a crise bancaria con evidente torpeza; deixaron que se descompuxese o caso de Bankia; transformaron unha clara situación de quebra nun pulso con Bruxelas, o Banco Central Europeo e o FMI; practicaron o negacionismo máis necio, pretendendo facer pasar un rescate de consecuencias gravísimas para a economía española como un crédito barato e sen condicións (“É un apoio financeiro que non ten nada que ver cun rescate”, declarou Luis de Guindos; “O que hai é unha liña de crédito que non afecta ao déficit público”, afirmou Rajoy).

 Todo isto dá a deplorábel impresión dun país que naufraga. E cuxos cidadáns descobren de súpeto que tras as aparencias do “éxito económico español”, pregoado durante lustros polos gobernantes do PSOE e do PP, se agochaba un modelo (o da “burbulla inmobiliaria”) carcomido pola incompetencia e a cobiza.

 En certa medida, comprendemos agora -moi a expensas nosas- un dos grandes enigmas da historia de España: como foi posíbel que, a pesar das montañas de ouro e prata traídas de América polo Imperio colonizador e explotador, o país se vise convertido, a partir do século XVII, nunha sorte de “corte dos milagres”chea de esmoleiros, desamparados e pobres? Que se fixo de tamaña riqueza? A resposta a estas preguntas témola hoxe ante os ollos: incompetencia e miopía dos gobernantes, cobiza infinita dos banqueiros.

 E o castigo actual non terminou. Despois de que a axencia Moody’s, o pasado xuño, rebaixase a nota da débeda española en tres chanzos, desde A3 ata Baa3 (un por riba do “bono lixo”), a prima de risco chegou até límites insostíbeis. A solvencia española está na pendente que conduce a un rescate. E tanto o rescate da banca como o rescate da débeda pública terán un custo social terrorífico. No seu informe anual sobre o Estado español, o Fondo Monetario Internacional, por exemplo, xa está reclamando que o Goberno suba o IVE e que aprobe canto antes unha nova diminución do soldo dos funcionarios para reducir o déficit. Ademais, nun documento de traballo, os expertos do Fondo recomendan a España que rebaixe aínda máis o despedimento, reclaman o contrato único e que se evite a actualización automática dos soldos (3).

 A Comisión Europea recomenda igualmente a subida do IVE, e a adopción de novas medidas “austeritarias”: o atraso da idade de xubilación, o control do gasto nas Comunidades, o endurecemento das prestacións por desemprego, a eliminación da desgravación por vivenda e a redución do volume da Administración Pública. Todo antes de 2013. Xa que non se pode devaluar o euro, trátase de devaluar a todo un país, rebaixando o seu nivel de vida dun 20 a un 25%...

 Pola súa banda, a chanceler alemá esixe que o Estado español continúe coas profundas reformas económicas e fiscais. Malia a canina fidelidade que lle manifesta Rajoy, Merkel oponse con uñas e dentes a calquera medida do Goberno que supoña para España ceder no camiño da austeridade e das reformas estruturais.

 Berlín quere aproveitar o “shock” creado pola crise, e a posición dominante de Alemaña para conseguir un vello obxectivo: a integración política de Europa ás condicións xermanas. “A nosa tarefa hoxe -declarou Merkel nun discurso ante o Parlamento alemán- é compensar o que non se fixo [cando o euro foi creado] e acabar co círculo vicioso da débeda eterna e de non cumprir as normas. Sei que é arduo, que é doloroso. É unha tarefa hercúlea, pero é inevitábel”. Algúns comentaristas falan xa do IV Reich...

 Porque, se se produce o “salto federal” e se avanza cara a unha unión política, iso significa que cada Estado membro da UE terá que renunciar a considerábeis partes da súa soberanía nacional. E que unha instancia central poderá interferir directamente nos orzamentos e os impostos de cada Estado para impor o cumprimento dos acordos. Cantos países están dispostos a abandonar tanta soberanía nacional? Se ceder parte da soberanía é inevitábel nun proxecto de integración político como a Unión Europea, existe porén unha diferenza entre federalismo e neocolonialismo... (4).

Nos Estados sometidos a rescates -o español, entre outros- estas importantes perdas de soberanía xa son efectivas (5). Desmentindo a Rajoy, o ministro alemán de Finanzas, Wolfgang Schäuble, afirmou que a troika (BCE, Comisión Europea e FMI) controlará a reestruturación da banca no Estado español (6). Esa troika gobernará a política fiscal e macroeconómica para seguir impondo reformas e recortes e para asegurar a prioridade do cobro da débeda que os bancos españois teñen coa banca europea, e principalmente alemá (7). España dispón pois, desde xuño pasado, de menos liberdade, menos soberanía do seu sistema financeiro e menos soberanía fiscal.

 Todo iso sen ningunha garantía de saír da crise. Ao contrario. Como o recordan os economistas Niall Ferguson e Nouriel Rubini: “A estratexia actual de recapitalizar os bancos a base de que os Estados pidan prestado aos mercados nacionais de bonos -ou ao Instrumento Europeo de Estabilidade Financeira (IEEF) ou ao seu sucesor, o Mecanismo Europeo de Estabilidade (MEDE)- resultou desastrosa en Irlanda e Grecia: provocou unha explosión de débeda pública e fixo que o Estado sexa aínda máis insolvente, á vez que os bancos se converten nun risco maior na medida en que máis parte da débeda pública está nas súas mans” (8).

  Mais entón, se non funcionan por que se manteñen esas sádicas políticas de “austeridade até a morte”? Porque o capitalismo se puxo de novo en marcha e se lanzou á ofensiva cun obxectivo claro: acabar cos programas sociais do Estado de benestar implementados despois do final da Segunda Guerra Mundial e dos que Europa é o último santuario.

 Pero, como diciamos máis arriba, debería ir con coidado. Porque as “masas” están a ruxir...

___________________________________________________________________

 

NOTAS:

1) Léase Conn Hallinan, “Spanish Austerity Savage to the Point of Sadism”, Foreign Policy in Focus, Washington DC, 15 de xuño de 2012. http://www.fpif.org/ blog/the_pain_in_spain_falls_mainly_on_the_plain_folk

(2) Léase Ignacio Escolar, “Las siete grandes mentiras sobre el rescate español”, Escolar.net, 11 de xuño de 2012. http://www.escolar.net/MT/archives/2012/06/las-siete-grandes-mentiras-sobre-el-rescate-espanol.html

(3) El País, Madrid, 15 de xuño de 2012.

(4) Léase Niall Ferguson, Nouriel Roubini, El País, Madrid, 10 de xuño de 2012. Léase tamén, Ignacio Ramonet, “Nuevos protectorados”, Le Monde diplomatique en español, marzo de 2012.

(5) Unha proba da mentalidade de neocolonizados é o esperpéntico proxecto Eurovegas que se disputan as Comunidades de Madrid e de Catalunya, baseado na especulación urbanística e financeira, e asociado ao “aumento do branqueo de capitais, a prostitución, as ludopatías e as mafias”. Consúltese a plataforma Aturem Eurovegas: http://aturemeurovegas.wordpress.com

(6) El País, Madrid, 14 de xuño de 2012.

(7) Vicenç Navarro, Juan Torres, “El rescate traerá más recortes y no sirve para salir de la crisis”, Rebelión, 15 de xuño de 2012. http://www.rebelion.org/noticia.php?id=151370

(8) Ver a nota 4.

 

___________________________________________________________________

 

[Artigo tirado da edición española de ‘Le Monde Diplomatique’, de xullo de 2012]

cig.prensa@galizacig.com