
A escala internacional, a corrupción alcanza hoxe, na era da globalización neoliberal, unha dimensión estrutural. A súa práctica banalizouse igual que outras formas de criminalidade corruptora: malversación de fondos, manipulación de contratos públicos, abuso de bens sociais, creación e financiamento de empregos ficticios, fraude fiscal, disimulo de capitais procedentes de actividades ilícitas, etc. Confírmase así que a corrupción é un alicerce fundamental do capitalismo.
O "caso Bettencourt" que abanea Francia co seu vendaval de arrestos, odios familiares, cheques ocultos, gravacións furtivas, trapalladas fiscais e doazóns ilegais ao partido do Presidente Nicolas Sarkozy, está afundindo o país nunha profunda crise moral.
Liliane Bettencourt, unha das mulleres máis ricas do planeta, posuidora dunha fortuna de 17.000 millóns de euros e propietaria do imperio de cosméticos e perfumes L'Oréal, está no epicentro dun alucinante culebrón devido asunto de Estado. Unhas conversas roubadas no seu domicilio revelaron que o ministro de Traballo, Eric Woerth, usou da súa influencia (cando era ministro do Orzamento, e por conseguinte responsábel da administración fiscal) para obter que a súa esposa, Florence, fose contratada pola multimillonaria -cun salario anual de 200.000 euros- para administrar a súa fortuna... De paso, Eric Woerth, que tamén era tesoureiro do partido do Presidente, percibiu presuntamente doazóns de ducias de miles de euros (1) para financiar a campaña electoral de Sarkozy... A cambio, sospéitase que o ministro fixo a vista gorda sobre unha parte do patrimonio oculto da dona de L'Oréal: por exemplo, varias contas millonarias en Suíza e unha illa nas Seychelles valorada nuns 500 millóns de euros...
Este asunto, de seu bochornoso, adquire maior morbo na medida en que Eric Woerth é o encargado de levar adiante a dura reforma das xubilacións que castigará a millóns de asalariados modestos. Nun ambiente de fortes tensións sociais e de motíns de desclasados nos guetos urbanos, o "caso Bettencourt" está reactivando o vello litixio entre as elites e o pobo común. "O clima da sociedade, advirte o filósofo Marcel Gauchet, vese hoxe impregnado de revolta latente e dun sentimento de distancia radical cara aos dirixentes" (2).
Francia non é a única democracia roída pola corrupción dalgúns políticos e pola permanente confusión que moitos deles manteñen entre cargos públicos e beneficios privados. Está aínda fresco nas memorias o escándalo dos abusos dos gastos parlamentarios a expensas dos contribuíntes, ocorrido no Reino Unido e que, xunto con outras causas, provocou a desfeita dos laboristas nas eleccións do 6 de maio pasado. Ou o da Italia de Silvio Berlusconi onde, case vinte anos logo da operación mane pulite que decapitou a gran parte da clase política, a corrupción, a xeito de metástase, volve estenderse ante a impotencia dunha esquerda paralizada e sen ideas. O Tribunal de Contas italiano, no seu último informe, establece que os delitos de corrupción activa dos funcionarios públicos aumentaron o ano pasado en máis de 150% (3). E que dicir do Estado español, desacougado polos múltiples casos de corrupción de cargos públicos asociados aos "señores do ladrillo" enriquecidos polas delirantes políticas urbanísticas. Sen falar do esperpéntico "caso Gürtel" que segue estando de actualidade.
A escala internacional, a corrupción alcanza hoxe, na era da globalización neoliberal, unha dimensión estrutural. A súa práctica banalizouse igual que outras formas de criminalidade corruptora: malversación de fondos, manipulación de contratos públicos, abuso de bens sociais, creación e financiamento de empregos ficticios, fraude fiscal, disimulo de capitais procedentes de actividades ilícitas, etc. Confírmase así que a corrupción é un alicerce fundamental do capitalismo. O ensaísta Moisés Naím afirma que, nos próximos decenios, "as actividades das redes ilícitas do tráfico global e os seus socios do mundo ‘lexítimo’, xa sexa gobernamental ou privado, terán moitísimo máis impacto nas relacións internacionais, as estratexias de desenvolvemento económico, a promoción da democracia, os negocios, as finanzas, as migracións, a seguridade global; en fin, na guerra e a paz, que o que ate o de agora foi comunmente imaxinado" (4).
Segundo o Banco Mundial, cada ano, no planeta, os fluxos de diñeiro procedentes da corrupción, de actividades delituosas e da evasión de fondos cara aos paraísos fiscais alcanza a astronómica suma de 1,6 billóns de euros... Dese montante, uns 250 000 millóns corresponden á fraude fiscal realizada anualmente só na Unión Europea. Reinxectados na economía legal, eses millóns permitirían evitar os actuais plans de austeridade e axuste que tantos estragos sociais están causando.
Ningún dirixente debe esquecer que a democracia é esencialmente un proxecto ético, baseado na virtude e nun sistema de valores sociais e morais que dan sentido ao exercicio do poder. Afirma José Vidal-Beneyto, no seu libro póstumo e de indispensábel lectura, que cando, nunha democracia, "as principais forzas políticas, en plena harmonía mafiosa, se poñen de acordo para estafar os cidadáns" (5) prodúcese un descrédito da democracia, unha repulsa da política, un aumento da abstención e, máis perigoso, unha suba da extrema dereita. E conclúe: "O goberno corrómpese pola corrupción, e cando hai corrupción na democracia, a corrompida é a democracia".
_______________________________________________________________
Notas:
(1) En Francia, a lei de financiamento dos partidos políticos do 11 de abril de 2003, limita as doazóns das persoas físicas a 7.500 euros ao ano.
(2) Le Monde, París, 18 de xullo de 2010.
(3) Clarín, Bos Aires, 17 de febreiro de 2010.
(4) Moisés Naím, Ilícito , Debate, Madrid, 2006.
(5) José Vidal-Beneyto, La corrupción de la democracia, Catarata, Madrid, 2010.
_______________________________________________________________
[Artigo tirado da edición española de ‘Le Monde Diplomatique’, núm. 178, agosto de 2010]