Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
Reformas laborais: saída da crise (pola porta falsa)

Parece mentira, pero é certo, a reforma do mercado de traballo ocupa un lugar estelar no debate sobre as estratexias para a superación da crise económica. Pouco importa que esta se incubase no sector financeiro do mundo capitalista desenvolvido, propagándose con rapidez ao tecido produtivo e causando unha profunda contracción do produto e do emprego.

Unha crise global que apuntaba ao corazón mesmo do proceso de acumulación invitaba, case obrigaba, a un debate sobre os modelos de crecemento inspirados na globalización e a financeirización dos procesos económicos. Pois non, mentres que “o casino” segue practicamente intacto -a distribución da renda e a riqueza que o alimenta, os beneficios extraordinarios e a opacidade dos mercados onde operan os grandes xogadores-, o mercado de traballo centra a atención. Coma se a consolidación do aínda magro crecemento económico e, máis aínda, a mellora da competitividade das empresas e as nacións dependese da súa reforma.

Dous son os argumentos que apoian esta formulación. En primeiro lugar, a “rixidez” do mercado laboral é un lastre que dificulta a adaptación das empresas a un contorno cambiante que esixe doses crecentes de flexibilidade. En segundo lugar, o aumento dos custos laborais presiona sobre os prezos, nun contexto onde a competencia global e de xeito moi especial a procedente dos países de baixos salarios é cada vez máis intensa, á vez que mingua as marxes de beneficio, comprometendo a viabilidade do proxecto empresarial.

Deste tronco argumental derivan senllas conclusións. A primeira apunta á necesidade de liberalizar as relacións laborais, converter os custos fixos (salariais) en variábeis, reducir ou mesmo eliminar as interferencias administrativas de maneira que os procesos de contratación e despedimento se xestionen coa maior autonomía e flexibilidade entre as partes afectadas, traballadores e empresarios. A segunda propón moderar o comportamento das retribucións dos traballadores co obxecto de que o seu nivel e evolución sexan compatíbeis coa recuperación dos beneficios, pois estes son o motor do proceso de acumulación e, nesa medida, da reestruturación competitiva das empresas. Se, como resultado de todo iso, a actividade económica se dinamiza e desaparecen os “atrancos” á contratación, aumentarán o emprego e os salarios. En definitiva, todos gañan.

Unha pregunta, se cadra inxenua: por que razón cabe esperar que agora funcione o que antes non deu resultados? Por unha banda, a maior parte dos gobernos europeos introduciron ao longo das dúas últimas décadas diferentes reformas encamiñadas á desregulación do mercado de traballo; por outra, o ritmo de crecemento dos salarios foi inferior ao da produtividade do traballo. A dinámica laboral contribuíu así ao aumento dos beneficios e á mellora da competitividade das empresas... sen que a cambio mellorase o balance ocupacional e se obtivesen bos rexistros en materia de crecemento.

Un momento! Poida que o anterior sexa certo, pero, dísenos, a razón estriba en que o paquete de reformas non se aplicou coa suficiente profundidade, amplitude e contundencia. Pero até onde deben levar esas reformas? en que espello debe mirarse unha Europa que pretende alcanzar altas cotas de competitividade e ao mesmo tempo avanzar na cohesión social e nos dereitos laborais e civís, persoais e colectivos?

Ambas as preguntas introdúcennos no debate sobre o contido e os confíns dos cambios que deberían aplicarse no mercado laboral. Antes de realizar algunhas consideracións sobre o particular, cómpre precisarmos que o mercado de traballo non só é un espazo singular -moi diferente de calquera outro mercado- senón que ademais é unha das pedras angulares das políticas sociais. A obtención dun emprego digno, con dereitos e adecuadamente remunerado, o recoñecemento da negociación colectiva, a prestación dun subsidio do que se poidan beneficiar os traballadores que perden a súa ocupación e a existencia dun salario mínimo constitúen compoñentes básicos das políticas de cohesión social.

Así pois, as reformas laborais que debilitan a presenza das institucións, outorgan espazos crecentes ao mercado e reforzan a posición da capital fronte ao traballo representan unha carga de profundidade dirixida á liña de flotación dos estados de benestar europeos. Estamos ante unha batalla de gran percorrido onde o obxectivo é ampliar os espazos de negocio do sector privado, batalla que, por certo, tamén se está librando noutras frontes, como o das pensións, a educación ou a sanidade.

Máis aló destas consideracións, a concepción dominante da reforma laboral permanece ancorada na xeografía, de xeito evidente insuficiente, da competitividade-custo, omitindo así mesmo o feito de que os custos laborais representan unha parte -variábel segundo empresas e industrias- pero relativamente reducida dos custos totais que enfronta a firma. Ignóranse así outros factores de maior calado estratéxico, distintos do custo e do prezo, que rebordan con moito a esfera laboral; entre outros, a cultura empresarial, o contorno institucional, a calidade das infraestruturas, o armazón educativo ou o sistema de ciencia e tecnoloxía. Pero só desde unha formulación capaz de integrar esta complexidade e de detectar as interaccións e sinerxias que existen entre planos tan diversos será posíbel elaborar diagnósticos acaídos, capaces de acometer con garantías o desafío competitivo.

As políticas de moderación salarial, situadas no corazón das estratexias competitivas, ademais de traduciren un diagnóstico de curto percorrido e, por esa razón, de efectos limitados, presentan, cando menos, dúas derivadas adicionais. A primeira é o seu impacto restritivo sobre a demanda agregada da economía, forzando a instrumentación de políticas de signo exportador, acudindo a espazos onde non deixou de intensificarse a presión competitiva. A segunda -acaso menos visíbel, pero non por iso de menor calado- é que as demandas ou esixencias de contención salarial terminan por impregnar a cultura empresarial; até o punto de que se segue apelando a esa “milagrosa” receita mesmo cando o patrón dominante das últimas décadas foi que os salarios avanzaron (cando o fixeron) por baixo da produtividade do traballo.

Estamos ante un debate de moita transcendencia que non cabe eludir, con implicacións de gran calado para a política económica. En paralelo a crise económica representa unha oportunidade para xermolar novas ideas e estratexias e Europa pode xogar un destacado papel nese proceso renovador. Oxalá a reflexión sobre as reformas laborais se integre nunha máis estratéxica sobre os modelos produtivos, sociais e ambientais.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Sin Permiso’, do 1 de agosto de 2010]

cig.prensa@galizacig.com