Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
20/12/2011

Sociólogo e científico social histórico estadounidense, nado en Nova York en 1930. De filiación marxista, ntre as súas achegas está a teoría do sistema-mundo. Foi profesor de socioloxía na Universidade de Binghamton até a súa xubilación en 1999, así como director do Centro Fernand Braudel para os estudos económicos, sistemas históricos e civilización. Na actualidade, escribe os seus comentarios quincenais no sitio web do Fernand Braudel Center.

Entre os seus numerosos libros pódense salientar: The Modern World-System (vol. 1, 2 e 3), Historical Capitalism (1983), The Politics of the World-Economy. The States, the Movements and the Civilizations (1984), Geopolitics and Geoculture: Essays on the Changing World-System (1991), After Liberalism (1995), Decline of American Power: The U.S. in a Chaotic World (2003) ou European Universalism: The Rhetoric of Power (2006).

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Estados Unidos contra o mundo

Houbo un tempo en que Estados Unidos tiña moitos amigos, ou polo menos seguidores relativamente obedientes. Nos días que corren, parece que non ten senón adversarios, de todas as cores políticas. É máis, non parece estarlle indo moi ben nos encontros cos seus adversarios.

 Fixémonos no que estivo ocorrendo en novembro e a primeira metade de decembro de 2011. Tivo confrontacións con China, Paquistán, Arabia Saudita, Israel, Irán, Alemaña e América Latina. Non pode un dicir que leve a mellor parte nestas disputas.

 O mundo interpretou a presenza e os anuncios do presidente Barack Obama en Australia como un aberto desafío a China, pois díxolle ao Parlamento australiano que Estados Unidos estaba decidido a "destinar os recursos necesarios para manter a nosa forte presenza militar nesta rexión". Para este fin, Estados Unidos está enviando a 250 marines a unha base aérea australiana en Darwin (e posibelmente aumente este número no futuro a 2.500 elementos).

 Esta é só unha de tantas xogadas de despregamento militar semellante na rexión. Así, ao tempo que Estados Unidos se retira (ou se ve forzado a retirarse) de Medio Oriente -por razóns políticas e financeiras- mostra os seus músculos na rexión Asia-Pacífico. É isto realmente críbel, nun momento en que hai unha renuencia crecente da sociedade estadounidense de se involucrar no exterior e hai esixencias urxentes de que reduza os seus gastos, incluídos os gastos militares? Até o de agora, a "resposta" de China foi, virtualmente, non responder, como dicindo que o tempo está ao lado de China, aínda en canto ás súas relacións con Estados Unidos, ou talvez, especialmente para as súas relacións con Estados Unidos.

 Despois está Paquistán. Estados Unidos tirou a luva. Paquistán debe deixar de protexer os seus movementos islamitas. Debe deixar de socavar o goberno de Karzai en Afganistán. Debe deixar de ameazar a India con accións militares en Caxemira. Ou que? Ese é o problema. Aparentemente, segundo documentos filtrados, Estados Unidos pensaba que o último amigo que lle quedaba en Paquistán, o actual presidente Asif Alí Zardari, podía recorrer ao líder do exército, o xeneral Ashfaq Parvez Kayani. En resposta, o xeneral Kayani fixo amaños para que o presidente Zardari fóra a Dubai a un tratamento médico. O golpe potencial, con respaldo de Estados Unidos, fallou. E se Estados Unidos intentase tomar represalias cortando a asistencia financeira, sempre está China para ocupar o seu lugar.

 No medio Oriente, o que prefire o presidente Obama é que nada grave ocorra entre Israel e os palestinos, polo menos até ser reelixido. Isto non satisfai as necesidades de Arabia Saudita ou do primeiro ministro Netanyahu de Israel. Así que ambos continúan remexendo no caldeiro, desde o punto de vista estadounidense. E Estados Unidos quedou na posición de pedirlles, non de esixirlles ou controlalos.

 Despois está Irán, supostamente a principal preocupación inmediata de Estados Unidos (como o é para Arabia Saudita e Israel). Así que Estados Unidos estivo utilizando os seus máis supersecretos avións non tripulados (os drones) para espiar a Irán. Non hai nada sorprendente nisto, agás que parece que dalgún xeito un destes drones aterrou en Irán. Digo "aterrou" porque o punto chave é por que e como foi que o fixo. A CIA, da cal é este drone, intentou, dun xeito pouco convincente, suxerir que houbo algunha falla mecánica que explica a cuestión. Os iranianos suxeriron que o baixaron mediante unha ciberacción. Estados Unidos di "imposíbel", mais pero Debka, a voz por Internet dos falcóns israelís, din que é certo. Eu nisto penso que é probábel. Ademais, agora que os iranianos teñen o drone, traballan en descifrar todos os seus segredos técnicos. Quen sabe? Poden publicar os segredos para que todo o mundo os coñeza. E logo, que tan supersecretos serán os drones?

 Ah, si, Alemaña. Como todo mundo sabe, hai unha "crise" na zona do euro. E a chanceler Merkel estivo traballando moito para facer que os países da zona do euro acepten unha "solución" que lle funcionará a ela, tanto no político, no interior de Alemaña, como no económico no interior de Europa. Ela estivo presionando en favor dun novo tratado europeo que imporía sancións automáticas aos países da zona do euro que violen as condicións deste tratado. Estados Unidos considerou que este era o enfoque erróneo. A posición estadounidense foi que esta era unha acción a medio prazo que non resolvía a situación no curto prazo. Obama enviou o seu secretario do Tesouro, Timothy Geithner, a Europa para insistir nas súas suxestións alternativas. Non importan os detalles, nin quen é máis sabio. O importante é sinalar que Geithner foi ignorado por completo e que os alemáns seguen na súa.

 Finalmente, os países latinoamericanos e do Caribe reuníronse en Venezuela para fundar unha nova organización, a Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños (Celac). Todos os países do continente asinaron, excepto os dous que non foron invitados (Estados Unidos e Canadá). A Celac está deseñada para remprazar a Organización de Estados Americanos (a OEA), que incluía a Estados Unidos e Canadá, e que suspendeu a Cuba. Levará un tempo que a OEA desapareza e que só a Celac se manteña. No entanto, isto non o están exactamente a celebrar en Washington.

 

[Artigo tirado do xornal mexicano ‘La Jornada’, do 18 de decembro de 2011]

cig.prensa@galizacig.com