Expropiado da súa soberanía, o pobo catalán segue a agardar -aparentemente con paciente resignación- que o Tribunal Constitucional español (que, por outra banda, vive unha situación esperpéntica á espera dunha renovación incerta) ditamine acerca da constitucionalidade do Estatut catalán, un texto aprobado en primeira instancia polo Parlament de Catalunya, recortado e sancionado polas Cortes Xerais españolas e finalmente validado en referendo (non demasiado entusiasticamente) polos cidadáns e cidadás do Principat, en xuño de 2006.
Así as cousas, o Alto Tribunal español leva uns catro anos deliberando sobre o Estatut, tras os diferentes recursos presentados á norma catalá, concretamente sete, dos cales os que máis cuestionan o contido do texto son os presentados polo Defensor del Pueblo e mais o interposto polo Partido Popular. Os outros cinco son recursos de menor calado e que afectan a cuestións competenciais, e foron presentados por Comunidades como Aragón, Murcia ou o País Valenciá.
E aínda que varias fontes xornalísticas teimaban en falar da inminencia da resolución do Tribunal Constitucional no que se refire a estes recursos ao Estatut catalán, o certo é que o devandito Tribunal non está a ser quen de consensuar un texto no que se sintan representadas as posicións de todos os seus integrantes, ou cando menos dunha maioría cualificada. Isto é debido a que a decisión do Tribunal Constitucional español é unha auténtica “decisión de Estado”, e polo tanto máis política que técnico-xurídica. Unha decisión que amosará a vontade existente no Estado español a respecto dunha redefinición que futura que contemple, ou non, a actual pluralidade nacional, cultural e lingüística.
O Tribunal Constitucional encalla
A maioría das informacións tamén falan de que o último que se debateu (os días 15 e 16 de abril) xirou arredor do quinto dos relatorios presentados, xa que nos catro anteriores non había acordo, e visto ou visto, á quinta tampouco foi a vencida.
Sexa como for, o que semella incuestionábel é que a resolución do TCE, cando se produza, vai supor unha nova demouca do texto, limitando aínda máis as súas capacidades e impedindo xa non só transcender o marco actual senón tamén imposibilitando unha mellora significativa nos niveis competenciais e identitarios do pobo catalán. E iso que foron os sectores máis posibilistas do nacionalismo catalán os que, no seu momento, acordaron co PSOE no Goberno do Estado un texto que servise a uns e a outros no marco daquela estratexia, a da “España plural”, que un día Rodríguez Zapatero -na súa primeira lexislatura á fronte do Executivo español- puxo en voga, antes de sucumbir á liña máis fundamentalista da dereita españolista, dereita que, máis unha vez, semella condicionar a axenda política dun PSOE cada día máis á valga.
Esquecida e ignorada a estratexia da “España plural”, o que se impón por parte dos poderes do Estado é unha ofensiva recentralizadora que procura, en última instancia, avanzar no proceso de asimilación dos diferentes pobos, linguas e culturas. Porén, esta ofensiva posúe as súas debilidades, derivadas das urxencias que determina a actual crise económica e, así mesmo, dun delicado momento en canto a creto público en que se ve a Xustiza española e institucións como os propios partidos políticos.
Así, á lea do Tribunal Constitucional (neste momento de precaria lexitimidade e incapaz de lle meter o dente definitivo ao Estatut) vén agora a se sumar o rebumbio que está a xerar o “caso Garzón” imputado no Tribunal Supremo. Alén diso, un caso de corrupción como o do “trama Gürtel” está a salferir ao propio Partido Popular ou a sentenza que estes días absolvía os cinco directivos do xornal euscaldún Egunkaria (caso no que hai indicios claros de torturas, alén da demolición de todo un proxecto editorial en prol da lingua vasca) son mostras palpábeis de que o Estado español non está para tirar foguetes.
Eleccións catalás
Neste contexto, e previsibelmente sen unha sentenza por parte do Alto Tribunal español sobre o percorrido definitivo do Estatut, para o outono a sociedade catalá será convocada ás urnas, para elixir un novo Parlament e, se cadra, a conformación dunha nova maioría no Goberno. Non sería descartábel un alto nivel de abstención, dado o cansazo e a desafección que os cidadáns e cidadás de Catalunya veñen amosando ante a situación creada.
Con todo, o problema real non vai estar aí, nunhas eleccións que se producen no marco dunha dobre crise, a económica e a político-institucional. O verdadeiro problema vai ser enfrontar, como pobo catalán, unha nova tentativa de encaixe asimétrico nun Estado español a cada paso máis centrípeto e asimilista. E nesa cuestión, os nacionalismos galego, vasco e catalán, respondendo como respondemos a realidades nacionais diferentes, haberemos de procurar o noso particular “fío de Ariadna” que nos encamiñe a un outro estado de cousas. Para a conquista dese horizonte, farán falta moitas doses de compromiso, de xenerosidade, de lealdade, de intelixencia e de traballo común. Tamén no nacionalismo galego.
[Galiza, 19 de abril de 2010]