Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
20/6/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: banca : : crise : : economía : : Islandia :
Islandia emprende o seu propio camiño para solucionar a crise financeira

Islandia soubo buscar o camiño de saída da crise financeira desde a independencia de pensamento, o sentido común e a soberanía nacional. Liquidou as débedas impagábeis, non só dos bancos, senón tamén da poboación; chegou a acordos cos acredores logrando minimizar os danos que o colapso bancario podía xerar.

Hai uns días principiaba o xuízo contra o ex primeiro ministro conservador islandés Geir H. Haarde acusado de neglixencia grave pola súa actuación antes e durante a crise bancaria do ano 2008. Non é, porén, ese xuízo a única diferenza na xestión que fixo Islandia da crise.

 Este pequeno país do Atlántico norte de pouco máis de 300.000 habitantes e cunha das maiores rendas per capita do mundo estivo a finais do 2008 a piques de colapsar a consecuencia da bancarrota dos tres maiores bancos islandeses: Glitnir, Kaupthing e Landsbanki. Resultou que no balance destes tres bancos xuntos había activos que eran once veces maiores que toda a riqueza do país, é dicir, durante o auxe económico a riqueza financeira multiplicouse sen ningunha relación coa economía real.

 Nesta situación crítica, o Parlamento actuou con rapidez e determinación. O 6 de outubro aprobou a Lei de Urxencia Bancaria pola que se permitía á Autoridade Supervisora Financeira (ASF) tomar o control dos bancos co obxecto de limitar os danos ou o risco de sufrilos. E así o fixeron: a ASF cesou os consellos dos bancos e tomou o control das actividades destes; a seguir, separou os bancos en dúas partes. Os chamados novos bancos quedaron cos activos no interior do país e continuaron coa súa actividade bancaria para evitar o colapso da economía local, mentres que nos chamados vellos bancos se concentrou todo o negocio exterior.

Problemas con Gran Bretaña e Holanda

 Os vellos bancos tamén continuaron coa súa actividade baixo control da Autoridade Supervisora e de acordo cos gobernos doutros países excepto en Gran Bretaña, onde as súas actividades foron conxeladas por parte do Goberno, que utilizou para iso a Lei de Seguridade, contra o Terrorismo e o Crime do ano 2001. A partir de aí, comezaron os problemas cos clientes británicos e holandeses que chegan até a actualidade e que provocaron a convocatoria de dous referendos nos que a poboación rexeitou maioritariamente as propostas de acordo que os acredores querían impor ao pobo islandés.

 Mentres, noutros países os bancos continuaron funcionando con normalidade, o que permitiu unha liquidación ordenada dos haberes dos bancos, a devolución dos depósitos e o pagamento de parte das débedas. O resto das débedas foron asumidas polos investidores como perdas. Unha vez estabilizados os bancos, propúxose aos antigos donos que os comprasen. Dous deles están en mans privadas cunha pequena participación do Goberno. Deste xeito, o Goberno recuperou parte do diñeiro investido na operación.

 (...) A débeda externa chegaría a ser de case 16 billóns de coroas de avalar o Goberno toda a débeda dos bancos, isto é, tres veces máis que a riqueza do país. Porén, grazas a que o Goberno tomou o control dos bancos con problemas, separou as actividades e liquidou ordenadamente os errados, o custo para os contribuíntes foi bastante menor que en Irlanda, por exemplo. Segundo os cálculos do Banco Central de Islandia, o gasto bruto en todo o proceso foron do 67% do PIB, incluíndo os impostos e cotizacións que se deixaron de cobrar pola creba. E o gasto neto, é dicir, descontando o que o estado recuperou coa venda de activos, foi do 41%.

Os créditos hipotecarios

 A xestión da crise bancaria foi seguramente o maior problema co que tivo que se enfrontar o Goberno, aínda que non o único. A crise disparou a inflación, pechou o mercado de capitais e empuxou cara a baixo a cotización da Coroa, o que obrigou o Goberno a tomar outras medidas como establecer restricións aos movementos de capital e intervir na cotización da moeda. Así mesmo, tivo que recorrer ao FMI.

 Neste contexto, o novo Goberno resultante das eleccións de 2009, sostido por unha coalición entre o Partido Socialdemócrata e o Movemento de Esquerdas e Verde, e liderado por Johanna Sigurdardottir, non só continuou o proceso de saneamento dos bancos e de estabilización das finanzas, senón que tamén deu saída ao problema dos créditos hipotecarios. E é que a crise, entre outras cousas, provocou a caída do prezo da vivenda moi por baixo do valor das hipotecas, o que unido ao aumento do paro e da inflación, deixou a moitas familias case na ruína. O Goberno asinou o 3 de decembro de 2010 un acordo cos fondos de pensións e outros prestamistas do país para reducir unhas débedas hipotecarias que son impagábeis e incobrábeis.

 Ese acordo contempla, en primeiro lugar, unha rebaixa nas condicións para poder acceder a este novo financiamento, o que beneficiará a unhas 60.000 familias segundo os cálculos do Goberno. En segundo lugar, facilítase a chamada «vía do 110%», é dicir, redúcese a débeda hipotecaria ao 110% do valor actual da vivenda e establécese que o pagamento mensual máximo non pode exceder o 20% dos ingresos da familia. Para rematar, o Goberno está estudando unha completa reorganización do sistema de tipos de xuros. Este cambio pode supor para as familias que se atopan nunha situación financeira máis comprometida reducir a súa débeda até o 70% do valor actual da súa vivenda.

Perspectivas

 O Goberno de Islandia, presionado pola cidadanía, optou por deixar caer aos bancos en creba para despois liquidalos e así facer fronte a parte das débedas que tiñan; o resto tivéronas que asumir os investidores en forma de perdas, que son parte ineludíbel dos xogos arriscados que saen mal. O Goberno tamén adoptou un plan para repartir as perdas da caída do prezo da vivenda e minimizar a débeda. Descargado en parte o peso que a débeda tiña sobre a economía, as perspectivas desta melloraron substancialmente. No cadro adxunto obsérvase o prognóstico de crecemento do FMI para varios países moi endebedados e para Islandia. A pesar da caída que sufriu a economía, as perspectivas son mellores que as do resto de países.

 E a maior crecemento, maiores posibilidades de facer fronte ás débedas. Se cadra, o que mellor reflicta a confianza nas boas perspectivas da economía islandesa son os famosos CDS, os seguros de cobertura contra falta de pagamentos da débeda. Cando a crise se desatou, os CDS sobre a débeda islandesa disparáronse, pero a medida que o tempo pasa, o prezo destes seguros vai baixando, xusto a tendencia contraria á de Irlanda, Portugal, o Estado español ou Grecia, que non deixaron de subir desde aquela; e o peor, que non se albisca cando poden empezar a baixar.

 Islandia soubo buscar o camiño de saída da crise financeira desde a independencia de pensamento, o sentido común e a soberanía nacional. Liquidou as débedas impagábeis, non só dos bancos, senón tamén da poboación; chegou a acordos cos acredores logrando minimizar os danos que o colapso bancario podía xerar. Recolleron os cascotes que deixou a festa dos bancos e agoran poden ollar cara ao futuro con acougo.

 O único conflito pendente é o dos investidores británicos e holandeses que cada vez parece máis unha manobra do Goberno británico para castigar a independencia deste pequeno país que un intento serio por recuperar certos depósitos de investidores británicos. Mesmo o xefe dos comentaristas económicos do Financial Times, Martin Wolf, recoñece nun artigo publicado o 14 de xaneiro de 2010 que é discutíbel que os islandeses teñan a obriga legal de pagar esas perdas, pero que desde o seu punto de vista non teñen a obriga moral de pagalas. E en canto a se a demanda é razoábel, di que nos países civilizados hai moito que se aceptou un límite na persecución dos debedor, limitouse a reponsabilidade polas débedas e abolíronse as penas de prisión para os debedores. Por iso, ameazar a un pequeno país coa destrución por unha débeda parécelle «vergoñento».

 

[Artigo tirado do xornal vasco ‘Gara’, do 16 de xuño de 2011]

cig.prensa@galizacig.com