Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
20/6/2012

Nada en Lugo (1950) é Doutora en Ciencias Económicas e Empresariais, e profesora titular desde 1989 no departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC). No ámbito académico dirixe o Grupo de Investigación de Economía Pesqueira e Recursos Naturais, cuxas liñas principais de traballo son a Economía Pesqueira, a Economía Feminista, a Economía de Galiza, Enerxía, Recursos Naturais e Medio Ambiente, temáticas sobre as que ten diversas publicacións editadas. Participou activamente nos movementos político-sindicais dos anos 70 como integrante da UTEG (Unión de Traballadores do Ensino de Galiza) e colaboradora do SGTM (Sindicato Galego de Traballadores do Mar), hoxe integrantes da CIG (Confederación Intersindical Galega). Foi Secretaria da Asociación Cultural “O Galo” de Santiago e dirixente da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG) até a súa autodisolución en 1982, participou no proceso de fundación do Bloque Nacionalista Galego (BNG) pasando a formar parte do Consello Nacional desta organización pola que foi candidata en diferentes ocasións.

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Problemas importantes: Como se solucionan?

As reformas emprendidas polo goberno central nos últimos meses lograron modificar un estado de benestar que custou construír 40 anos. Así, por exemplo, a reforma do mercado laboral atinxiu á regulamentación das relacións laborais,  reducindo/anulando direitos adquiridos ao longo de décadas. Direitos que semellaban sólidos e que ficaron fume nun abrir e pechar BOE.

 5.600.000 parados en España, 200.000 na Galiza, caída do consumo, do investimento, da produción, aumento paulatino pero firme da débeda pública e un grave problema  bancario por resolver. A parte boa é que as exportacións medran e que o turismo non nos abandonou.

 Como empezou todo?  É sabido que o modelo de crecemento económico da economía española post-autarquía apoiouse en tres peares fundamentais:o investimento estranxeiro, o turismo e unha mao de obra barata e moi sacrificada (máis ou menos disciplinada e/ou máis ou menos cualificada). As dúas primeiras compoñentes facilitaron un rápido desenvolvemento pero fundamentaron tamén unha certa vulnerabilidade ou dependencia do ritmo exterior tanto comunitario como do resto do sistema capitalista mundial. Cómpre lembrar a orixe dos procesos económicos para lograr perspectiva no presente e realizar un bo diagnóstico da adecuación das medidas de reforma, recorte ou axuste levadas a cabo polo goberno estatal.

 As reformas emprendidas polo goberno central nos últimos meses lograron modificar un estado de benestar que custou construír 40 anos. Así, por exemplo, a reforma do mercado laboral atinxiu á regulamentación das relacións laborais,  reducindo/anulando direitos adquiridos ao longo de décadas. Direitos que semellaban sólidos e que ficaron fume nun abrir e pechar BOE.

 As reformas non se propuxeron e polo tanto non poderán lograr resolver problemas pendentes no mercado de traballo español: a tan cacarexada rixidez non se refire -en termos de análise económica- á facilidade ou dificuldade para os despedimentos, ceses e/ou recambios. A rixidez reside na compartimentación dos postos de traballo definidos polo propio modo de organización laboral das empresas e da Administración pública. De forma fixa  defínense postos e tarefas impedindo cambios e recambios  no emprego dos traballadores, así como os mecanismos de promoción-ascenso no seo da empresa ou organización. Así a cualificación dos traballadores empregados pódese converter nun impedimento engadido para o ascenso,  promoción ou cambio de sector, quer dicer, non é un elemento que contribúa á mellora da produción e da produtividade: provoca de facto subemprego, frustración, abandono ou emigración.

 En España, economía capitalista pura e dura, é case imposibelfacerse a si mesmo. Hai un 90% de probabilidades de permanecer no mesmo posto (igual categoría) de comezo da vida laboral, semella estares condenado a te xubilares no mesmo.Non existe mobilidade  ascendente nen horizontal para mudar de posto ao longo da vida laboral (reitero posto definido, non cualificación de quen o desempeña).

 Hai rixidez horaria e de calendario para poder compatibilizar traballo e estudo. Hai rixidez para compatibilizar estudo e outras adicacións: deporte, artes, voluntariado...Hai rixidez e mesmo penalización para compatibilizar traballo e ocupación procreadora, hai penalización e non direitos para simultanear traballo e coidado aos dependentes.

 Agora ben: o despido é mais fácil e barato cada vez. Disparatada situación que pode rematar por esta vía cando se reúnan na bolsa de paro todos os traballadores:ese si será un mercado flexíbel.

 O empresario pequeno e mediano o que precisa, en materia laboral, é abaratar a contratación, precisa vender o producido -aquí cumpriría definir os termos da competencia-  e contratar traballadores con custos  de contratación favorábeis: para producir e vender non precisa despedir. Claro está que os custos de contratación axeitados non son necesariamente un salario baixo. Os problemas estruturais do aparato produtivo español non se arranxan cun salario baixo: máis baixo que as economías emerxentes non o podemos esperar, xa que os custos  dos bens salariais son como en Europa, non como en Asia; polo tanto, haberá que mudar a composición da produción  con cambios estruturais máis alá de abaratar traballo.

 E tamén convén ir pensando ben en que se hai un problema financeiro, un problema bancario, a solución non se atopa no mercado de traballo.

 

 

[Galiza, xuño de 2012]

cig.prensa@galizacig.com