
James Petras (nado en 1937) é profesor emérito de socioloxía na Universidade de Binghamton, Nova York. Traballou co Movemento dos traballadores sen terra do Brasil e co Movemento dos parados da Arxentina. É autor de diversos libros, entre os que salientan: The Power of Israel in the United States (2006), Social Movements and State Power: Argentina, Brazil, Bolivia, Ecuador, con Henry Veltmeyer (2005) e Globalization Unmasked: Imperialism in the 21st Century, con Henry Veltmeyer (2001).
A recuperación económica de Venezuela, a través de avanzados programas sociais é unha poderosa mensaxe ao pobo norteamericano: hai unha alternativa ás políticas económicas regresivas “de arriba abaixo”: chámase socialismo democrático e o seu defensor é o presidente Chávez.
Introdución
Dous presidentes en exercicio postúlanse para a súa reelección en 2012: Hugo Chávez en Venezuela e Barack Obama en Estados Unidos. O que dá realce a estas dúas contendas electorais é que representan, en contraste, respostas antagónicas á crise económica mundial. Chávez, co seu programa socialista-democrático, persegue a promoción de políticas de investimento público a gran escala e longo prazo, e un gasto público orientado a crear emprego, benestar social e crecemento económico. Obama, guiado polo seu compromiso ideolóxico co capitalismo financeiro corporativo, canaliza miles de millóns de dólares para rescatar os especuladores de Wall Street, céntrase na redución do déficit público e os impostos, e ofrece subsidios gobernamentais ás empresas coa esperanza de que os bancos presten e o sector privado invista.
Obama espera que o sector empresarial comece a contratar desempregados. A estratexia económica de Chávez diríxese cara ao aumento da demanda popular mediante o aumento do salario social. A estratexia de Obama vai dirixida a enriquecer á elite, coa esperanza de que se produza o efecto de “goteo” (trickle down). O programa de recuperación económica de Chávez baséase nun sector público líder, o Estado, á luz da crise inducida polo capitalismo de mercado e a falta de investimento polo sector privado. A recuperación económica de Obama e o seu programa de emprego dependen totalmente do sector privado, utilizando para iso os agasallos fiscais, a fin de estimular un investimento nacional que xere emprego.
De acordo cos expertos e os políticos, o desempeño socioeconómico de cada un dos dous presidentes será decisivo para determinar quen será reelixido en 2012.
Medir a xestión dos presidentes Chávez e Obama ante as crises económicas
Nos últimos tres anos, os dous presidentes enfrontáronse a unha profunda crise socio-económica que produciu un aumento do desemprego, da recesión económica e das demandas populares de liderado político na formulación dun programa de recuperación económica.
O presidente Chávez respondeu a través dun programa a gran escala do gasto público en programas sociais. Asignáronse miles de millóns de dólares a un programa de vivenda masiva deseñada para crear un millón de fogares nos próximos anos. Chávez reduciu as tensións militares e desactivou os conflitos fronteirizos mediante a negociación dun acordo político co réxime dereitista de Santos en Colombia.
Chávez aumentou o salario mínimo e os pagamentos por pensións e seguridade social, aumentando con iso o consumo entre os grupos de baixos ingresos, estimulando a demanda e aumentando os ingresos das pequenas e medianas empresas. O Estado venezolano embarcouse en grandes proxectos de infraestruturas, especialmente estradas e transportes, e na creación de postos de traballo en actividades intensivas en man de obra. O goberno de Chávez sostivo o nivel de vida mediante o establecemento de controis de prezos de alimentos esenciais e outros, que mantiveron a demanda popular a expensas da especulación por parte dos donos de supermercados. O goberno de Chávez nacionalizou lucrativas minas de ouro e repatriou as reserva o estranxeiro para efectos de financiamento do programa de recuperación económica baseado na demanda, deixando de lado as concesións fiscais aos ricos e os rescates de bancos e empresas privadas en quebra.
Obama rexeitou realizar calquera tipo de investimento público a gran escala e a longo prazo destinada a crear postos de traballo: a súa proposta ‘Jobs for America’ conseguirá, no mellor dos casos, reducir temporalmente o desemprego en menos de cinco décimas dun por cento. Na procura de políticas que beneficien aos posuidores de bonos de Wall Street, Obama involucrouse fondamente na redución do déficit, é dicir, nos recortes a gran escala do gasto público, en particular o gasto social. Obama, de acordo coa extrema dereita, aceptou as súas regresivas propostas de reducir os desembolsos destinados á Seguridade Social e os populares programas ‘Medicare’ e ‘Medicaid’. As súas propostas de financiamento de ‘Jobs for America’ dependen dos recortes á Seguridade Social, o que garante unha redución nos desembolsos e un déficit, ou algo peor, que facilitaría a súa privatización, é dicir, a entrega da seguridade social a Wall Street: un caramelo de miles de millóns de dólares.
Obama ignora ás vítimas das execucións hipotecarias, máis de 10 millóns de familias, que non teñen fogar e a degradación das vivendas, en beneficio do rescate dos bancos e os estafadores hipotecarios.
Obama aumentou o gasto militar e multiplicou as tropas de combate no estranxeiro, as operacións terroristas clandestinas e o aparello de espionaxe interna, aumentando o déficit á conta dos investimentos produtivos en educación, melloras tecnolóxicas e promoción das exportacións.
A diferenza de Chávez, que leva a cabo importantes políticas educativas e laborais positivas a favor dos venezolanos de orixe africana e indíxena, Obama fai caso omiso do 50% de desemprego nas grandes cidades entre os mozos (18-25 anos) afroamericanos e latinos, favorecendo en cambio aos banqueiros brancos de Wall Street.
En contraste con Chávez, que vinculou as pensións e os salarios á inflación e facer cumprir os controis de prezos, Obama conxelou os salarios federais e os pagamentos da Seguridade Social, co resultado dunha diminución do sete por cento dos ingresos reais nos últimos tres anos.
Segundo datos recentes da Oficina do Censo de EE.UU. (setembro de 2011) con Obama máis de 46 millóns de estadounidenses viven na pobreza, a maior cifra coñecida. A media de ingresos dos fogares caeu un 2,3% entre os anos 2009 e 2010. O número de estadounidenses na pobreza aumentou do 13,2% en 2008 ao 15,1% en 2010. Case un de cada catro nenos vive na pobreza en 2010, e máis de 2,6 millóns máis de cidadáns estadounidenses descenderían ao nivel da pobreza nun só ano. No outro extremo, coa política económica do “goteo” de Barack Obama, o número de estadounidenses ricos -persoas con ingresos de máis de 100.000 dólares anuais- sufriron pouco ou ningún impacto: as tendas de artigos de luxo, como Tiffany’s, experimentaron un aumento do 15% nas súas vendas.
O 10% inferior da poboación foi o que máis sufriu, cunha caída nos seus ingresos do 12,1% en 2009-2010, mentres que o 10% con maiores ingresos rexistrou un descenso do 1,5%. Dos 34 países membros da OCDE, EE.UU., xunto a México, Chile e Israel, é o país con maior desigualdade social. As políticas de estímulo de Obama, “de arriba abaixo”, salvaron os banqueiros á conta de sacrificar a clase media e a clase traballadora.
Consecuencias políticas e económicas das diferentes políticas
As consecuencias políticas e económicas das diferentes políticas socioeconómicas -“de arriba abaixo” no caso de Obama e “de abaixo arriba” no de Chávez- son notábeis en todos os sentidos. Venezuela creceu un 3,6% no primeiro semestre de 2011, mentres que EE.UU. se estancaba en menos do 2%. Peor aínda, durante a segunda metade do ano, Obama e os seus asesores expresaron o seu temor de que EE.UU. se encamiñase cara a unha recesión, con crecemento negativo. En contraste, o Presidente do Banco Central de Venezuela prevé un crecemento acelerado para o ano 2012.
Mentres que a porcentaxe de desempregados en EE.UU. segue estando por riba do 9%, que sumado aos subempregados se eleva a máis do 19%, os grandes investimentos públicos en vivendas e obras de infraestrutura venezolanas xeran emprego e reducen as cifras de parados e subempregados no mercado de traballo formal e informal. A compracencia de Obama cara aos banqueiros de Wall Street e os falcóns da redución do déficit, xunto ao enorme aumento das guerras no estranxeiro e do aparello de seguridade nacional, levou á Facenda pública á bancarrota. Pola contra, Chávez nacionalizou minas lucrativas do sector privado, bancos e empresas de enerxía e reduciu a tensión militar incrementando os recursos destinados a programas sociais, como os subsidios aos alimentos. A redución do déficit de Obama levou a despedimentos masivos na educación e servizos sociais.
Os gastos sociais de Chávez aumentaron o número de universidades públicas, escolas primarias e secundarias e hospitais. Millóns de persoas perderon os seus fogares mentres Obama facía caso omiso aos desaloxos forzados dos bancos hipotecarios, mentres que Chávez deu un paso na solución do déficit habitacional mediante a construción dun millón de fogares.
Obama presta diñeiro aos bancos privados a xuros próximos a cero; con ese diñeiro, que os bancos privados non prestan ás empresas produtivas para crear postos de traballo, prefiren especular no estranxeiro comprando bonos do Tesouro (por exemplo, brasileiros) que ofrecen taxas de xuros máis altas. Chávez inviste directamente en programas de infraestruturas produtivas intensivos en traballo, proxectos agrícolas autosuficientes e plantas de procesamento final, refinarías e fundicións.
Como resultado da reaccionaria política económica que practica e as súas ameazas abertas de recortar programas sociais básicos, como Medicare, Medicaid e a Seguridade Social, a popularidade de Obama caeu nos últimos tres anos do 80% ao 40%, e segue baixando. Por outra banda, as súas políticas fiscais e militaristas pro Wall Street -afondando e ampliando as guerras de Bush e Rumsfeld e as operacións terroristas- levaron a unha viraxe do clima político estadounidense cara á extrema dereita. Ante o último trimestre de 2011, Obama parece vulnerábel á derrota electoral.
En contraste, o presidente Chávez, na onda da recuperación económica, con programas positivos de expansión social e investimentos públicos, viu aumentar a súa popularidade do 43% en marzo de 2010 a 59,3% en setembro de 2011. A oposición, apoiada por EE.UU., está fragmentada e debilitada e é incapaz de desafiar a percepción popular esmagadoramente positiva dos proxectos de vivenda e infraestrutura en beneficio dos traballadores, as empresas e os contratistas da construción.
Chávez é vulnerábel en cuestións de seguridade persoal e corrupción e ineficacia administrativas. Pero vese que adoptou importantes medidas para corrixir estes problemas. Os graduados da nova academia de policía proporcionan servizos de policía honestos e eficientes vinculados á comunidade, que, en proxectos piloto, reduciron os delitos violentos nun 60%. Porén, seguen sendo necesarios esforzos para acabar coa corrupción e a ineficiencia burocráticas.
Conclusión
A comparanza entre as presidencias de Chávez e Obama presenta un marcado contraste entre un programa económico ben elaborado e exitoso, de carácter socialista e de tipo “de abaixo arriba”, e un fracasado programa de estímulo capitalista “de arriba abaixo”. Mentres que a poboación estadounidense expresa a súa hostilidade polo saqueo realizado pola banca privada da facenda pública, polas ameazas gobernamentais cara ao que queda da rede de seguridade social, e polo fracaso de Obama para reducir uns niveis persistentemente elevados de desemprego e subemprego, a popularidade de Chávez aumenta xunto coa opinión de “sentimentos positivos” que expresan as tres quintas partes dos electores da súa presidencia. Se o goberno de Chávez continúa e profunda o seu programa de estímulo “de abaixo arriba” e a economía segue crecendo e se el se recupera dun cancro, con toda probabilidade será reelixido cun resultado en 2012.
Pola contra, se Obama segue unido á elite empresarial e financeira e liquida os programas sociais, continuará o seu descenso cara a unha merecida derrota e o esquecemento.
A recuperación económica de Venezuela, a través de avanzados programas sociais é unha poderosa mensaxe ao pobo norteamericano: hai unha alternativa ás políticas económicas regresivas “de arriba abaixo”: chámase socialismo democrático e o seu defensor é o presidente Chávez, que fala e traballa para a xente, en oposición a un estafador Obama que fala para a xente e traballa para os ricos.
[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 19 de setembro de 2011]