Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
21/1/2011

Viviu 30 anos en Latinoamérica. Estudoso do exilio económico e político galego.

Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O Comandante do DRIL Jorge de Soutomaior.

: DRIL : : Xosé Velo :
L Aniversario da Toma do ‘Santa Maria’ 1961-2011

Xosé Velo coa súa filla Manuela do brazo e Jovita no Brasil.

Esta é a primeira carta escrita por Xosé Velo ao comandante Soutomaior. Mentres Velo sobe ao Santa Maria cun carné de mestre da Escola de Oficiais de Venezuela (non tiña pasaporte venezuelano nin español), Soutomaior sobe coa súa documentación legal e co seu nome verdadeiro: José Fernández Vázquez.

 Concedido o asilo político no Brasil, o comandante Jorge de Soutomaior solicita o asilo baixo este nome e colle un avión coa súa documentación verdadeira cara a Caracas. No Brasil quedarán moitos dos comandos do DRIL, non só Velo e o seu fillo Vitor, senón tamén o propio fillo de Soutomaior, Federico.

 O status de refuxiado político impedía a realización de actividades políticas ou de recadación de fondos, velaí a razón pola que Velo tenta que Soutomaior recade en Venezuela.

 A realidade é que despois do asalto, semanas despois do asilo no Brasil, o Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL) estaba totalmente esfarelado debido, entre outras causas, ás diverxencias entre Xosé Velo e Henrique Galvão e á falta de fondos cos que podía contar o DRIL no Brasil, país cunha inexistente comunidade antifranquista ou republicana exiliada.

 O exilio de Xosé Velo no Brasil servirá para tentar dar un contido ideolóxico ao DRIL e a redacción, por parte de Velo, da Declaración de Principios do 1 de xullo de 1961 así como das Instrucións para comandos e oficiais de comandos do DRIL.

 “Caro amigo: os homes do DRIL que non son todos os que están e aínda non están todos os que son, demostramos con feitos en varias oportunidades que os camiños da liberdade non están feitos, hai que facelos ao andar. O DRIL tamén demostrou e seguirá demostrando que a loita asumirá características máis violentas e máis espectaculares e máis eficaces que as accións realizadas até agora.

 Esta última operación, na que puxemos todo canto tiñamos que poñer, malia non dar todo o rendemento que dela agardabamos debido a determinadas causas, foi abondo expresiva do que se pode facer aínda pola vía dos orzamentos estreitos e máis que estreitos, estreitísimos. De  calquera xeito, e aínda cando alguén se aproveitou(1) do que, máis ca el, fixo o DRIL, logrouse tirarlle definitivamente o sono aos ditadores ibéricos, erguer o noso nome, o do DRIL, sobre a xordeira e a cegueira do mundo e provocar en Angola unha insurrección que só rematará coa independencia desta colonia. Agardemos máis cousas. Hai que crer no DRIL. Aí parece que non funcionan ben os compañeiros(2). Eu, persoalmente, teño as miñas dúbidas sobre a súa eficacia, sobre a eficacia dalgúns(3). Dun xeito moi particular vouche pedir dúas cousas:

 Unha é que trates de organizar ben o grupo de Puerto Ordaz sen importarche un can o que non faga Caracas ou outra localidade. Faino con plena liberdade tratando de conseguir, como sexa, 10.000 ou 15.000(4) bolívares, o máis axiña posíbel. Se puideran estar reunidos antes do día 5 do mes de maio(5), estarías prestándolle ao DRIL un altísimo servizo e estariamos producindo feitos de máis sona que o do SANTA LIBERDADE. Pídellos prestados se non podes doutro xeito. Que se responsabilicen contigo 4 ou 5 compañeiros, tentando que non sexa ningún dos vellos “drilistas” caraqueños, para que o grupo de Puerto Ordaz poida brillar por si mesmo e se eu non podo vir, xa che farei saber como podes seguir en contacto comigo. Se non che fora posíbel mandar o diñeiro que poidas reunir en dólares, serve en bolívares, ou noutra moeda calquera. Confírmame por cabo se podo contar coa túa axuda e en que prazo, para non perder tempo en esperanzas. Se é positiva a túa contestación(6), agarda a que che indique onde e como tes que facer a remesa, pois se non logro ir, como pensaba e era preciso, teño que ir a algún outro lugar de América en breve prazo, antes de saltar o charco definitivamente para que neste ano Franco comprenda dunha vez que xa non pode resistir a vontade do DRIL.

 Agora, máis ca nunca, precisamos diñeiro, para cubrir a fase que non se puido cumprir co Santa Maria. O tempo urxe para tirar a organización da pobreza que non nos deixa traballar como, sen dúbida, sabemos.

 As perspectivas operativas son máis ca magníficas, poden resultar definitivas. Só é preciso que todos poñan da súa conta o posíbel e o que puidera semellar imposíbel. Nós que agora somos moitos máis e moitísimo mellor dispostos para grandes accións, xa demostramos que se pode ter confianza no que, sen dicir, anunciamos.

 Ao DRIL  só o adiaron os escasos recursos económicos, pero non o para xa nin Deus. Hai que crer nesta nova e vigorosa organización porque ten vocación de xigante e axiña vai derrubar a Franco e o franquismo e a todas cantas componendas poidan imaxinar os politiqueiros.

Agardo o teu cablegrama e a túa carta. Escríbeme así:

Yara Velmos

Rúa Teixeira da Silva(7) 621

Bairro Paraiso

S. Paulo (Brasil)

Dáme un enderezo seguro ao que che poida escribir e mellor aínda dous enderezos para asegurar a chegada da correspondencia. As cousas importantes irían sempre aos dous enderezos, Apertas drilistas do teu amigo e compañeiro. Xunqueira de Ambía (Xosé Velo).

____________________________________________________________________

Notas:

(1) Refírese a Henrique Galvão

(2) O xornalista carnotán Julio Formoso, encargado de comunicación do DRIL, das familias dos comandos durante o secuestro e das relacións do Directorio cos políticos venezuelanos, Formoso traballaba no Ministerio de Minas e mantiña unha posición de enfrontamento con Velo.

(3) De Julio Formoso principalmente

(4) 3.500 dólares estadounidenses

(5) De 1961.

(6) A contestación foi negativa.

(7) Nesta rúa de São Paulo está na actualidade, 2011, a Livraria Folhas Novas.

_____________________________________________________________________

 

 

[A Coruña, 21 de xaneiro de 2010]

cig.prensa@galizacig.com