Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
21/10/2009

Nado en 1946 (Seoane-Allariz), foi secretario xeral da central sindical nacionalista INTG e membro da Executiva confederal da CIG até o ano 2009.
Na actualidade, é director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza, vinculada á CIG.

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: crise : : economía : : orzamentos :
A crise pagarana os de sempre?
Núñez Feijoo presentando as liñas mestras dos Orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2010.

O Governo central e a Xunta de Galiza predican que están facendo un esforzo en política social, na practica a maioría das iniciativas e recursos adicanse a salvar os ingresos e propiedades dos máis ricos ou a privatizar parte dos servizos públicos. Fican no pasado as declaracións de reforma do capitalismo, a esixencia de responsabilidades, e o control sobre as empresas.

O acordo asinado fai uns días en Madrid polas cúpulas de varias centrais sindicais e o Governo central ten miga e, sen dúbida, dará moito que falar nos próximos meses xa que afecta negativamente o peto dos empregados públicos de todo o Estado. Este novo pacto social, que contou coas bendicións de CC.OO, UGT e máis a CSIF, fixa as retribucións salariais por tres anos (do 2010 a 2012) cun aumento do 0,3% pra o primeiro ano, conxelación no segundo, non se explícita ningún incremento pra o terceiro ano aínda que o Executivo comprométese a inserir nos Orzamentos dese ano as cantidades necesarias pra compensar a perda de poder adquisitivo. O acordo tamén inclúe (como compensación?) unha achega de 200 millóns de euros destinados ao AXE (o fundo de pensións dos empregados públicos da Administración central, xestionado por unha entidade na que participan o BBVA nun 70% e CC.OO e UGT no 30% restante).

Este acordo é un axuste de gasto feito a costa dos salarios dos empregados públicos, un criterio que evidentemente quere marcar unha tendencia tamén no sector privado, e que só pode ser asumíbel por aqueles que teñen salarios moi altos (unha franxa menor dos asalariados), porén que agrava a situación económica da maioría da clase traballadora. Se a esta política salarial engadimos o último axuste fiscal, co aumento dos tipo de IVE e a supresión dos 400 euros nas cotizacións do IRPF, a perda do poder adquisitivo dos salarios é importante, especialmente se temos en consideración que unha boa parte dos salarios non chega aos mil euros netos ao mes. Con estas medidas non se fomenta o consumo, polo tanto a xeración de emprego, e tampouco se pode ignorar que vai dificultar o pago de hipotecas e créditos, nunha sociedade moi endebedada, con todo o que isto ten de efecto dominó sobre o conxunto da economía.

Pola súa banda, a Xunta de Galiza xa comunicou aos sindicatos, en diversas reunións, que estes criterios retributivos restritivos son os que vai adoptar pra os empregados autonómicos, mesmo conxelando acordos previos existentes se significan un maior gasto, por exemplo, o compromiso de igualar os salarios do sector sanitario co resto do Estado e actualizar as categorías profesionais (que favorecen aos salarios máis baixos). Nalgunha xuntanza mesmo se utilizou o argumento (moi propio da dereita) de que os traballadores públicos tíñanse que sacrificar algo polos que perderon o emprego e pra axudar a superar as dificultades do momento, esquecendo que os que provocaron a crise están recibindo cartos públicos a maus cheas, sen ningún tipo de condición e criterio de austeridade. Asemade, convén lembrar que estas achegas ás grandes empresas, especialmente do sector financeiro, permitiron recuperar os beneficios empresariais, porén non solucionaron a falta de crédito e tampouco axudaron a crear emprego, xa que todo indica se seguirá perdendo durante moito tempo máis.

Mentres, o Governo central e a Xunta de Galiza predican que están facendo un esforzo en política social, na practica a maioría das iniciativas e recursos adicanse a salvar os ingresos e propiedades dos máis ricos ou a privatizar parte dos servizos públicos. Fican no pasado as declaracións de reforma do capitalismo, a esixencia de responsabilidades, e o control sobre as empresas. Os Orzamentos de Galiza pra o próximo ano son un exemplo desta afirmación, xa que os gastos en educación e sanidade baixan máis de dous puntos, cun aforro mínimo pra os presupostos autonómicos, porén un axuste significativo pra dous servizos públicos básicos, especialmente en época de crise.

Con este tipo de políticas a patronal galega poderá afirmar sen lugar a se trabucar, como fai nos Estados Unidos o multimillonario Warren Buffet, cando di, ‘se hai guerra de clases nos Estados Unidos, o meu lado está a gañar’. Veñen momentos duros pra os traballadores e traballadoras, se deixamos que a crise a paguen os de sempre, se non se mexen as ataduras que impiden a contestación social, pra acadar unha política económica racional, solidaria e sustentábel.

[Artigo tirado do xornal ‘La Región’, do 20 de outubro de 2009]

cig.prensa@galizacig.com