Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
21/10/2010

Nado en Filipinas en 1945, é profesor de socioloxía e administración pública da Universidade de Filipinas. É unha das máis destacadas voces críticas contra a globalización neoliberal. Exerce como director executivo de Focus on the Global South. É autor de libros como: People and Power in the Pacific (1992), Dark Victory: The United States and Global Poverty (1999), The Future in the Balance: Essays on Globalisation and Resistance (2001) ou Dilemmas of Domination: the Unmaking of the American Empire (2005).

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A deleiba política e ideolóxica de Obama: leccións para a esquerda

Obama tivo unha grandísima oportunidade para educar e mobilizar a xente en contra das ideas neoliberais e de fundamentalismo de mercado que levaron á desregulación do sector financeiro e en última instancia desencadearon a crise. Aínda que Obama si aludiu durante a campaña á desregulación dos mercados financeiros como o principal problema, despois abstívose de demonizar o neoliberalismo unha vez obtivo a presidencia, deixando un baleiro ideolóxico que os resurxentes neoliberais non dubidaron nin un segundo en encher...

 O problema connosco, os progresistas, nestes momentos de crise non é que nos falte un paradigma alternativo que enfrontar ao desacreditado paradigma neoliberal. Non, os compoñentes dunha alternativa baseada nos valores democráticos, de xustiza, equidade e sustentabilidade ambiental están aí, e estivérono xa durante bastante tempo como produto do traballo colectivo de natureza intelectual e activista realizado durante as últimas décadas.

 O problema chave é en realidade a incapacidade dos progresistas de traducir a súa visión e os seus valores nun programa político que sexa convincente, e que conecte coa xente apreixada nas terríbeis condicións de existencia que provocou a crise financeira global. Este proceso de comunicación fluída debe ser basicamente político. Require traducir unha perspectiva estratéxica nun programa táctico que aproveite as oportunidades, ambigüidades e contradicións do momento presente para xerar unha masa crítica, que impulse un cambio progresista apoiado en distintas forzas e clases sociais.

 Debemos fixarnos na experiencia política do movemento progresista global para poder entender por que as nosas posicións se desencarreiraron e como podemos recuperar a relevancia política. Neste sentido a experiencia da actual presidencia de Obama é un magnífico exemplo. No contexto político dos EEUU Obama é un socialdemócrata, e a gran maioría da esquerda apoiou a súa candidatura. A pesar de que el nunca se declarou anti-capitalista, si esperabamos que iniciase un programa de recuperación económica e reforma do sistema similar en ambición ao New Deal de Roosevelt. As bases electorais que o levaron ao poder, que se conforman de xente de diversa clase, cor, sexo ou xeración, representaba un enorme potencial democrático. A habilidade de Obama para axuntar toda esta base electoral baixo unha mensaxe de cambio logrou o que neses momentos parecía imposíbel -a elección dun afroamericano como presidente dos EEUU- e demostrou como un liderado político acertado pode transformar as estruturas sociais e políticas existentes.

 Dous anos despois da súa espectacular vitoria política, o Presidente Obama e os Demócratas enfrontan segundo as últimas enquisas unha viraxe moi desfavorábel nas eleccións de novembro. De feito Obama e o seu partido son como un coello paralizado no medio das vías do tren que quedou hipnotizado polos faros deste. E é que se pareceu que Obama facía todas as cousas ben na súa carreira á presidencia, despois resultou que empezou a facelas todas mal ao que a alcanzou.

 A absoluta prioridade que deu á reforma do sistema sanitario, unha tarefa dunha complexidade e dificultade enormes, foi considerado como un dos principais obstáculos para o resto da súa presidencia. Esa decisión contribuíu sen dúbida á deleiba. Pero outros importantes factores relacionados especialmente coa súa xestión da crise económica, unha das principais preocupacións do electorado, foron se cadra moito máis determinantes.

 Seis causas da deleiba

 O primeiro erro de Obama foi asumir a responsabilidade pola crise económica. Na súa quixotesca cruzada para lograr unha solución bipartidista, fixo do problema de George W. Bush o seu. Margaret Thatcher e Ronald Reagan nunca cometeron ese erro. Non asumiron responsabilidade ningunha sobre os problemas económicos dos anos 70, atribuíndoos enteiramente aos seus predecesores liberais e prescindindo de calquera tipo de alianza bipartidista con aqueles que consideraban os seus inimigos ideolóxicos. Do mesmo xeito que Roosevelt, que golpeou sen complexos -e golpeou forte- os seus adversarios ideolóxicos, aqueles que el chamaba "economic royalists" ("aristócratas da economía").

 Se Obama e os seus lugartenentes chegaron a identificar a algún tipo de inimigo, este foi Wall Street. Pero dicir que a elite financeira foi a responsábel de desencadear esta crise, mentres se rescataba a maioría das institucións financeiras clave de Wall Street como Citigroup e AIG co argumento de que son "demasiado grandes para caer", meteu a Obama nunha terríbel contradición. O mínimo que podería facer fose sería a renovación enteira das cúpulas e os xestores desas institucións como condición previa para recibir fondos estatais. Porén, e ao contrario do que pasou coa General Motors, as principais sabanduxas permaneceron ao mando e seguiron facéndose con todos os astronómicos pluses salariais que puideron.

 O forte sentimento de desconexión entre o que se dicía e o que se facía foi aínda máis exacerbado en lugar de mitigado cando os Demócratas aprobaron a reforma do sistema financeiro. A proposta non cumpría nin os mínimos preceptos para poder ser considerada unha reforma de verdade: a prohibición dos derivados, recuperando unha disposición da antiga lei Glass-Steagall que impedía que os bancos comerciais operasen simultaneamente como bancos de investimento; a imposición dunha taxa ás transaccións financeiras, unha taxa Tobin; e que se limitasen seriamente os salarios dos altos executivos, os seus pluses e o pago mediante stock options.

 Terceiro, Obama tivo unha grandísima oportunidade para educar e mobilizar a xente en contra das ideas neoliberais e de fundamentalismo de mercado que levaron á desregulación do sector financeiro e en última instancia desencadearon a crise. Aínda que Obama si aludiu durante a campaña á desregulación dos mercados financeiros como o principal problema, despois abstívose de demonizar o neoliberalismo unha vez obtivo a presidencia, deixando un baleiro ideolóxico que os resurxentes neoliberais non dubidaron nin un segundo en encher. E non hai dúbida de que fracasou en lanzar unha ofensiva ideolóxica a gran escala por que os seus principais asesores en materia de política económica, o presidente do Consello Económico Nacional Larry Summers e o Secretario do Tesouro Tim Geithner, en realidade non romperan co proxecto neoliberal.

 Cuarto, o paquete de estímulo de 787.000 millóns de dólares foi simplemente demasiado pequeno para reducir ou tan sequera frear o crecemento do desemprego. Nisto, Obama non pode dicir que non estivo ben informado. Paul Krugman, premio Nobel de economía, xunto a unha chea doutros economistas keynesianos estivéronllo advertindo desde o principio. En comparanza, o paquete de estímulo chinés de 580.000 millóns era moito maior respecto ao tamaño da súa economía do que o foi o de Obama. Que a Casa Branca diga agora que o paro crecería moito máis de non ser polo paquete de estímulo é ser, polo momento, un iluso en termos políticos. A xente do común non pensa en base a escenarios contrafactuais por moi desexábeis que estes sexan, senón que sofre a realidade diaria e o feito é que até o momento o desemprego non parou de crecer e non parece haber ningunha mellora á vista.

 A política en tempos de crises non é para pusilánimes. A opción por un termo medio que representaba o tamaño do paquete de estímulo foi a resposta errada ante unha crise que requiría unha decisión política arriscada: despregar masivamente a enorme potencia fiscal do país e enfrontar os previsibles oubeos de carraxe da dereita.

 Quinto, Obama e o presidente da Reserva Federal Ben Bernanke puxeron en marcha só as típicas ferramentas keynesianas -aumento do gasto público e política monetaria expansiva- para afrontar as consecuencias do gran erro do fundamentalismo de mercado. Nunha recesión normal estes mecanismos contracíclicos poida que sirvan para revertela. Pero o keynesianismo estándar puido corrixir só até certo límite un colapso económico da magnitude do actual. E ademais a xente non estaba soamente buscando un alivio para as dificultades económicas inmediatas, senón tamén un cambio de rumbo a longo prazo que lles permitise aplacar os seus medos e inseguridades e recuperar a esperanza no futuro.

 Noutras palabras, Obama non foi capaz de situar as súas iniciativas de keynesianismo tecnocrático dentro dunha axenda política e económica máis ambiciosa que podería mobilizar unha gran parte da sociedade estadounidense. Un programa desas dimensións podería ter 3 alicerces: a democratización do proceso de toma de decisións económicas, desde o nivel das mesmas empresas até os altares da política macroeconómica; unha estratexia de redistribución da renda e a riqueza que fose máis aló da simple suba de impostos ao 2% máis rico da poboación; e a promoción dun enfoque máis cooperativo e menos competitivo para abordar a produción, a distribución e a xestión dos recursos. Unha axenda como esta para avanzar nunha transformación social, que por outra banda non é excesivamente de esquerdas, podería terse acomodado facilmente nun clásico discurso socialdemócrata. A xente estaba simplemente esperando unha alternativa ao "novo e salvaxe mundo onde un come ao outro" que o neoliberalismo lles deixou. Pero en lugar diso Obama ofreceulles un xélido enfoque tecnocrático para remediar o que en realidade era unha deleiba política e ideolóxica.

 E relacionada con esta ausencia dun programa de transformación social está a sexta razón que explica os actuais apuros de Obama: a súa incapacidade para mobilizar as bases electorais que o levaron ao poder. Estas bases eran moi heteroxéneas en termos de clase, xeración ou grupo étnico. Pero estaban unidas por un palpábel entusiasmo que se fixo evidente en Washington D.C. e no resto do país o día da toma de posesión en 2009. Coa súa predilección por un enfoque tecnocrático e unha solución pactada da crise, Obama deixou que esas bases se esparexesen en lugar de aproveitar o explosivo momentum de que gozou xusto logo das eleccións.

 Agora, ás portas da deleiba, Obama e os Demócratas falan de activar e resucitar as súas bases. Pero esas escépticas e desilusionadas tropas que estiveron tanto tempo desmobilizadas e deixadas de man, agora preguntan con razón: mobilizarse de novo, arredor de que?

 A dereita fai as boas xogadas

 En contraste con Obama, a dereita entendeu as demandas e a dinámica da política en tempos de crises, en contraposición á política en épocas máis acougadas. Mentres Obama teimbaa na súa aproximación bipartidista, os Republicanos adoptaron un papel de dura oposición a practicamente todas as súas iniciativas.

 Ao contrario que Obama e os Demócratas, a dereita debuxou o conflito en claros e transparentes termos ideolóxicos: entre a esquerda e a dereita, entre "socialismo" e "liberdade", entre o estado opresor e o libre mercado. A oposición dos Republicanos usou todas as consignas e mantras que puido aproveitar da ideoloxía burguesa estadounidense.

 Ademais, en contraste co desprezo de Obama polas súas bases demócratas, a dereita ignorou a tradicional política dos Republicanos baseada en grupos de interese. A Fox News, Sarah Palin e o movemento do Tea Party axitaron as bases de extrema dereita para ameazar a elite do Partido Republicano e dirixila cara a unha política sen acordos e de "non fagamos prisioneiros". Para entender o que lle sucedeu ao Partido Republicano nas últimas semanas coas amplas vitorias do movemento Tea Party nas primarias, a distinción feita polo historiador Arno Mayer entre conservadores, reaccionarios e contrarrevolucionarios resulta útil. Na terminoloxía de Mayer os contrarrevolucionarios, coa súa política populista, contraria aos cargos do partido e asentada nos movementos de base, están desprazando as elites conservadoras que durante moito tempo dirixiron o rumbo do Partido Republicano.

 Coas súas formulacións anti-gasto, os Republicanos e a xente do Tea Party que poida que se fagan co Congreso e o Senado en novembro van xerar unha situación posibelmente moito peor que a actual. En principio, Obama e os Demócratas poida que de feito repitan a traxectoria política de Bill Clinton, que saíu vitorioso nas eleccións de 1996 en parte porque os Republicanos liderados por Newt Gingrich sobrerreaccionaron politicamente tras o seu triunfo nas eleccións ás cámaras de 1994. Pero iso é unha ilusión desesperada. Os actuais contrarrevolucionarios e os seus voceiros son moi hábiles na súa política da descualificación, e é moi posíbel que consigan convencer o electorado de que o empeoramento da situación é debido ás "políticas socialistas" de Obama, e non ao seu recorte drástico do gasto público.

 Leccións para a esquerda

 O problema non radica tanto en que nos falte unha estratexia alternativa, senón máis ben en que non saibamos transformar esa visión estratéxica ou novo paradigma nun programa político críbel e viábel. A política en tempos de crises é distinta á política normal, sendo máis fluída e determinada pola volatilidade dos vínculos de clase, políticos ou intelectuais. Deberiamos lembrar que a política é a arte de crear e manter un movemento político composto por distintas forzas sociais e de clase, facéndoo mediante un programa flexíbel pero chantado en certos principios, que poida adaptarse a circunstancias cambiantes.

 Para rematar, na realidade non existe nunca nada que deba considerarse unha situación obxectivamente determinada. A arte da política consiste en usar as contradicións, espazos e ambigüidades do momento presente para modelar as institucións e as estruturas e crear unha masa crítica que permita o cambio. A clase social e as estruturas políticas e económicas poden condicionar os resultados políticos; pero non os determinan. Quen vaia saír finalmente vitorioso deste prolongado período de crise capitalista dependerá en última instancia de exercer un liderado político intelixente e hábil.

 

 [Artigo tirado do sitio web ‘Sin Permiso’, do 17 de outubro de 2010]

cig.prensa@galizacig.com