
Viviu 30 anos en Latinoamérica. Estudoso do exilio económico e político galego.
A proporción perfecta. A batalla de todas as batallas. O resultado esperado. 1 xudeu vale 1027 palestinos. Albiscábamos todos unha proporción semellante?
Durante a segunda guerra mundial eran comúns os masacres de civís en territorios ocupados polos alemáns. A vida dun soldado alemán representaba a morte de 10 italianos, o masacre das fosas Ardeatinas (335 asasinados) ou arrasar toda unha vila coma a de Lídice, na antiga Checoslovaquia, hoxe Chequia, pola morte dun alemán (340 asasinados). O valor dun soldado alemán variaba segundo o país dos masacrados. Imaxino unha proporción de 1 a 2 no caso de daneses ou noruegueses... pero nunca a de 1 a 1.
O intercambio do soldado israelí por 1027 «terroristas» palestinos deixa varias cousas en claro. Que Hamas, como ben «edulcoran» agora os media é unha organización «integrista», algo así coma a segunda República española que era Estado «integral», é dicir... nada.
Esta insistencia no «integrismo» de Hamas é para restar dramatismo ás conversas entre israelís e palestinos malos (os «bos» todos sabemos cales son). O caso é que Israel non negocia con terroristas, coma no seu momento fixera Aznar, este negociou co Movemento Vasco de Liberación Nacional e non con ETA, senón con «integristas».
Pero a indubidábel intelixencia do Estado israelí (que non cedeu ante as presións dos familiares das vítimas) e de Hamas (que logrou a liberación de máis de 500 presos con penas por delitos de sangue) deixa un acre sabor de boca, porque o resultado final é que un israelí vale 1027 palestinos, e iso, proporcionalmente, é o seu valor en territorio, en vivendas, en dereitos, en moeda...
Pódense conseguir os lexítimos dereitos do pobo palestino tomando como baremo esta proporcionalidade máis que nazi? Non, por iso non deixa de ser unha vitoria pírrica para Hamas e un bo precedente para o Estado de Israel.
[A Coruña, 20 de outubro de 2011]