Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
21/2/2008
Xornalista e historiador arxentino. É membro do Consello de Redacción da revista electróncia SinPermiso.
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Entrevista a Emir Sader: “Non hai condicións para aventuras bushianas en América Latina”
Emir Sader: “Hai unha nova reunión convocada para o gaseoduto, hai xuntanzas periódicas de Lula con Hugo Chávez...; coido que este proceso pode avanzar. Hai un entendemento inicial sobre o Banco do Sur; entón temos como tres anos cos actuais presidentes, maioritariamente a favor, para poder consolidar os avances da integración latinoamericana”.

Nada indica que vaia haber novas aventuras militares dos EEUU. Non só porque é final de mandato. Aínda que un final de mandato sen prestixio podería facer pensar nunha aventura militar. Pero comprobouse, na práctica, que non pode levar dúas guerras de forma simultánea; teñen moitas dificultades, de xeito que sería case imposíbel unha nova aventura.

Carlos Abel Suárez: Aumenta a tensión entre Colombia e Venezuela. O presidente Álvaro Uribe, segundo a súa opinión, móvese con autonomía ou é parte dunha ofensiva ou cambio de estratexia de Estados Unidos fronte a Hugo Chávez?

Emir Sader: Desde o punto de vista externo vese que, contemporaneamente a iso, está o intento de Exxon de impor unha sanción absolutamente indebida a PDVSA. O que caracterizaría unha especie de presión de carácter económico, á cal respondeu Hugo Chávez coa ameaza de deixar de vender petróleo a Estados Unidos. Como Uribe é o aliado máis estreito de Bush en América Latina, non é estraño que sexa unha acción concatenada. Pero sábese tamén que, no interior de Colombia, a Uribe o endurecemento das súas posicións tráelle prestixio. Aínda con todo o éxito que tivo a liberación dos reféns, que se logrou basicamente grazas á intervención de Hugo Chávez, na polarización interna Uribe busca asociar a Chávez coas FARC, e tamén -polo illamento que actualmente teñen as FARC- fortalecer o seu prestixio electoral. Ademais, está en campaña por unha nova reforma da Constitución para intentar a súa reelección.

Carlos Abel Suárez: De todos os xeitos, é de salientar a uniformidade dos medios de comunicación que expresan, en xeral, as opinións do Departamento de Estado, a favor da reelección de Uribe e da súa retórica contra Chávez.

Emir Sader: Desde logo, pero nas eleccións municipais internas nas que se implicou fortemente, Uribe foi derrotado. En Bogotá, en Cali, en Medellín, foi derrotado. Nos temas políticos internos de Colombia, non ten prestixio; porén, Uribe conta co 60 por cento de apoio cando impón a chamada seguridade democrática. El trata de pór énfase niso, é unha modalidade de política bushiana, ao estilo da “guerra infinita”. A militarización dos conflitos.

Carlos Abel Suárez: Poderíase pensar en novas aventuras da política exterior norteamericana logo do seu espantoso fracaso en Iraq, Afganistán e a actual crise financeira?

Emir Sader: Non. Nada o indica. Non só porque é final de mandato. Aínda que un final de mandato sen prestixio podería facer pensar nunha aventura militar. Pero comprobouse, na práctica, que non pode levar dúas guerras de forma simultánea; teñen moitas dificultades, de xeito que sería case imposíbel unha nova aventura. Claro que poden existir comandos, que desde Israel bombardeen supostas instalacións de investigación atómica en Irán. Aínda así, iso poderíase facer soamente co visto e prace e cunha acción bastante directa dos Estados Unidos. Pero se vemos a crise económica, parece imposíbel que o goberno de Bush se dedique a novas aventuras.

Carlos Abel Suárez: En Bolivia, logo dunha certa calma, volven os desafíos a Evo Morales desde os poderosos de Santa Cruz, como analiza a situación?

Emir Sader: O goberno retomou a iniciativa expondo o tema do nacional. Ben, fagamos unha consulta, dixo Evo, sobre a Constitución, aprobada por unha Asemblea Constituínte, sobre o mandato do presidente e tamén dos gobernadores. Aí a oposición repregouse á defensiva, cara a proxectos sectoriais. Agora chaman a unha consulta separatista en Santa Cruz de la Sierra. Polo tanto, intentan retomar unha iniciativa a nivel local. No nacional, nin sequera contestaron a proposta de Evo Morais. E dalgún xeito, isto divide os gobernadores; algúns aceptaron seguir negociando e outros, non. Entón, creo que as condicións son favorábeis ao goberno para unha consulta nacional sobre o proxecto de Constitución.

Carlos Abel Suárez: Desde o punto de vista de Brasil, pensa que se poderá avanzar nos temas pendentes da integración rexional?

Emir Sader: Parece que si. Hai unha nova reunión convocada para o gaseoduto, hai xuntanzas periódicas de Lula con Hugo Chávez...; coido que este proceso pode avanzar. Hai un entendemento inicial sobre o Banco do Sur; entón temos como tres anos cos actuais presidentes, maioritariamente a favor, para poder consolidar os avances da integración latinoamericana.

Carlos Abel Suárez: Algo pode modificar este cadro o resultado electoral de Estados Unidos?

Emir Sader: Diríase que, se gañan os demócratas, a súa política proteccionista, por unha banda, e pola outra, a que tiveron a respecto de Colombia -que frustrou o Tratado de Libre Comercio-, xeraría novas dificultades para que se avance nos procesos de TLC, o que facilitaría os proxectos de integración rexional.

cig.prensa@galizacig.com