Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
21/2/2011
Do xornal vasco Gara.
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Entrevista a Ignacio Zubiri: «Quen diga que a reforma das pensións é para saír da crise, mente»

O Estado pode pode pagar as pensións, pero evitouno. Fronte a isto fixo unha reforma que reduce as pensións agora e fixa unha segunda rolda de reducións co chamado factor de sustentabilidade, que se aplicará por primeira vez cinco anos logo de 2027...

- Por que cre que é negativa a reforma das pensións?

 Cando tes un problema de que os teus ingresos non son iguais aos teus gastos tes dúas opcións: unha, aumentar os ingresos e outra, baixar os teus gastos. Coas pensións optouse por reducir o gasto. Non se propuxo un aumento dos impostos, das cotizacións ou dos ingresos xerais. Esta decisión é contraria ao sistema de pensións.

- Parécelle inxusta a reforma?

 Paréceme. Porque todo o aumento do custo das pensións fíxose recaer sobre os traballadores, sen ter en conta máis opcións, como aumentar as cotizacións e os impostos.

- É insostíbel o sistema público de pensións?

 Será insostíbel se teiman en financialo coas cotizacións actuais. As estimacións da Comisión Europea, que non son especialmente favorábeis, indican que o custo das pensións no ano 2050 será do 15,5% PIB. Italia gasta hoxe o 14%. A economía xerará a cantidade de recursos necesarios para manter o sistema actual. Será suficiente. Estásenos intentando presentar como técnica unha solución ideolóxica, igualar as pensións ás cotizacións actuais. Dinamarca e Austria pagan as pensións tamén con impostos, como en Gran Bretaña e Irlanda, por exemplo.

- Cedeu e rendeuse Rodríguez Zapatero á elite económica?

 É unha mestura de todo. En xeral, hai un problema coa política económica. No caso das pensións, fíxose así por falta de valor e unha mediocridade dos gobernantes para facer valer os argumentos. Na política económica, o Goberno español está actuando á defensiva. Só reacciona cando alguén critica. A bondade das medidas depende do que digan a UE, o FMI ou, mesmo, moito peor, «The Financial Times». É ridículo que un Goberno actúe conforme ás críticas dun xornal.

- Que é o que ocorre?

 Que estas institucións non son asépticas, son liberais. Cren que os impostos son malos, que o Estado do Benestar retarda o crecemento e que é mellor reducir gastos que aumentar os impostos, e endebedarse. Moita xente está en desacordo con esa política.

- É un problema dun Goberno sen rumbo fixo?

 O Goberno de Zapatero é mediocre, ten poucas ideas e, ademais, é covarde.

- A reforma terá algún efecto económico real a curto prazo?

 Non, nin garante as pensións no curto ou longo prazo. Hai trampa. As medidas tomadas terán efecto sobre as pensións en, polo menos, vinte anos. Polo tanto, calquera que diga que esta reforma é para saír da crise, mente. Queda ese recurso difuso de falar sobre a credibilidade, pero é como falar do sexo dos anxos. Levar adiante a reforma das pensións nun momento no que hai unha crise económica é facer o favor aos que queren recortar as pensións. É máis, o ano pasado as pensións puidéronse financiar cos xuros que produciu o Fondo de Reserva, que é escaso, pero que algo dá. A reforma actual non garante nada no curto prazo, e é probábel que, se as cousas seguen así, se vaia tirando do fondo de reserva da Seguridade Social.

- A reforma garante a sustentabilidade das pensións?

 Está a mentir vilmente quen fai esa afirmación, porque ninguén sabe o que van custar as pensións futuras, pero si se sabe por estimacións que o custo da nómina das pensións chegará ao 15,5% do PIB no peor ano. Agora está no 8,9%. A reforma, como moito e sendo xeneroso, reducirá o custo nun 3%, pero é só a metade do que necesitaría. O problema é a trampa na que nos conseguiron meter a todos. É a idea de que a pensións deben financiarse coas cotizacións actuais. Non se pode pagar só con cotizacións. Ninguén discute que a renda per capita vai aumentar, vai haber máis diñeiro por persoa. É máis que probábel que a participación dos rendementos de capital aumenten. Polo tanto, é lexítimo que o Estado financie parte das pensións.

- Pódense pagar as pensións tamén con impostos?

 Se hoxe a xente está axudando a pagar as pensións aos maiores, os demais teremos dereito a recibir o mesmo. O Estado pode pode pagar as pensións, pero evitouno. Fronte a isto fixo unha reforma que reduce as pensións agora e fixa unha segunda rolda de reducións co chamado factor de sustentabilidade, que se aplicará por primeira vez cinco anos logo de 2027. O que ten 45 anos agora deberase preparar a unha segunda redución importante, porque cinco anos despois do 2027 vanllo revisar segundo o aumento da esperanza de vida. Os que teñen menos de 45 anos terán unha secuencia de recortes. É lamentábel a actuación de CCOO e UGT en todo este negocio. Foron poñer a sinatura e cobrar o cheque. Puxeron a súa pervivencia por diante dos dereitos dos traballadores.

- Pero, hai recursos económicos para facer fronte ás pensións?

 Hai, abofé. É unha cuestión de elixir o destino dos fondos públicos. Hoxe Italia gasta o 14% do PIB en pensións, o Estado español no peor dos casos gastará o 15,5%. A nivel indicativo direi que aquí a presión fiscal está sete puntos por baixo da UE e o nivel de gasto, nove puntos por baixo. Ademais, o gasto público español é o máis baixo da UE-15. Vans necesitar uns recursos que non son moito maiores que outros países. No Estado español hai unha marxe fiscal moi ampla, porque os impostos son baixos en relación a outros países.

- É un xeito de beneficiar aos fondos privados?

 Non podo dicir que esta reforma se fixese para beneficiar os fondos privados de pensións. Fíxose por covardía. Pero si podo dicir que os fondos privados de pensións levan vinte anos mentindo e presionando sobre a súa actividade. Indirectamente van ser os grandes beneficiados, sen ningunha dúbida. O máis grave é a súa rendibilidade, porque os investimentos a longo prazo non deron unha rendibilidade nin sequera do 1%, segundo os datos da patronal de Inverco. Un estudo feito polo IESE di que o 95% dos fondos de pensións a dez anos deron menos rendibilidade que a débeda do Estado. Porén, cobran comisións altísimas.

- Xa que logo, un gran negocio.

 En comisións, si. Calan moitas cousas que a xente non sabe, porque cando cheguen á súa xubilación, se queren cambiar o capital que teñen no seu fondo de pensións por unha renda vitalicia vanlles cobrar un 20% ou un 30% de comisión. Por que? Porque están comprando un seguro de pensións. É dicir, tes aforrados 300.000 euros por exemplo, e pódelos levar, pero se vives moito morres de fame. Ao final cómpraslles un seguro para moitos anos, pero logo cobraranche entre un 15% e un 20% en comisións. En todo caso, imaxinemos que hai moitas persoas idosas, haberá moita xente que queira vender os seus fondos privados e estes caerán. É como ocorre coas vivendas, colapsaríase o sistema.

- O secretario de Estado Octavio Granadeiro dixo días atrás que a medida para contratar a tempo parcial é un xeito de poñer «mercadoría barata» en mans das empresas para que logo aumenten os cotizantes. Que lle parece?

 Non o podo crer. É outra vergoña. É un plan para emprego a tempo parcial de 6 a 12 meses, que bonifica as cotizacións á Seguridade Social. Pagarémolo mediante impostos. É inefectivo. Mellor que non o fagan. É unha das moitas medidas que se toman en épocas de crise para bonificar as empresas, crendo que van crear emprego, pero non o fan.

- Refírese a abaratar o despedimento como quedou regulado na reforma laboral do ano pasado.

 Alguén con algo de sentidiño pensa que por abaratar o despedimento se vai crear máis emprego? O que vas conseguir é que en épocas de crises se despida máis, e en bonanza se contrate algo. As medidas que se tomaron no Estado español no mercado de traballo, que todo o mundo di que son insuficientes, non tiveron nin un efecto nin o van ter. O Goberno de Zapatero debería preocuparse máis porque o Consello de Europa dixo que o salario mínimo interprofesional é impropio dunha sociedade civilizada. Habería que preguntar que papel se quere que xogue o sector público na economía porque se cadra resulta que a sociedade non está de acordo coa deriva que o Goberno adoptou.

- Como experto en fraude fiscal e impostos, cre vostede que aumentou a fraude?

 Non o sei, porque non hai un sistema de control, porque sorprendentemente non hai un sistema de control. A intuición indícame que en época de crise aumenta máis.

- O Observatorio de Responsabilidade Social Corporativa informou de que o 82% das empresas do Ibex están nos paraísos fiscais. Que lle parece?

 Aquí, se defraudas non pasa nada. É certo, tanto nas empresas como nos individuos.

- Se aflorase a fraude habería recursos para destinalos a pensións, a prestacións sociais...

 Sábeno, pero non hai unha vontade. Tradicionalmente no País Vasco houbo unha actitude das tres deputacións benevolente coas empresas. Empeza legalmente, porque os Impostos de Sociedades están cheos de deducións, etc., até o punto de que se recada un 30% menos que no conxunto do Estado español en Sociedades. A xustificación oficial é que se non se fixese así se perderían postos. Iso ten unha translación normativa escrita ateigada de bonificacións. O segundo paso é a xestión do imposto, evitar que leven diñeiro a paraísos fiscais. A fraude non a vai eliminar ninguén, pero a diferenza é que noutros lugares se te pillan, pagas; aquí, negocian.

- Os empresarios queren que se lles reduza aínda máis o Imposto de Sociedades.

 Non me sorprende, porque temos unha clase empresarial que ve que o rendíbel é non pagar impostos. A rendibilidade para eles é pagar salarios baixos e non realizar investimentos.

- Desta forma, desaparece o Estado do Benestar?

 O problema no Estado español é que antes de se desenvolver de forma plena o Estado de Benestar xa se está desmantelando, é dicir, empezou a volver antes de ir. Aquí aínda non hai uns servizos sociais desenvolvidos, a maioría da poboación ten pensións moi baixas, aquí estase volvendo para atrás antes de chegar aos niveis de Europa.

 

[Entrevista tirada do xornal vasco ‘Gara’, do 20 de febreiro de 2011]

cig.prensa@galizacig.com