
Cales son as causas do vendaval de liberdade que, de Marrocos a Bahréin, pasando por Tunisia, Libia e Exipto, sopra sobre o mundo árabe? Por que motivos estes simultáneas devezos de democracia se expresan precisamente agora?
As respostas a estas dúas preguntas son de diversa índole: histórica, política, económica, climática e social.
1. Histórica. Desde o final da Primeira Guerra Mundial e a implosión do Imperio otomán, o interese das potencias occidentais polo mundo árabe (Oriente Próximo e África do Norte) tivo dous principais incentivos: controlar os hidrocarburos e garantir un fogar nacional xudeu. Despois da Segunda Guerra Mundial e do traumatismo universal do Holocausto, a creación do Estado de Israel, en 1948, tivo como contrapartida a chegada ao poder, en varios Estados árabes liberados do colonialismo, de forzas antisionistas (opostas á existencia de Israel): de tipo “militar nacionalista” en Exipto e Iemen, ou de carácter “socialista árabe” en Iraq, Siria, Libia e Alxeria.
Tres guerras perdidas contra Israel (en 1956, 1967 e 1973) conduciron a Exipto e a Xordania a asinaren tratados de paz co Estado xudeu e a aliñarse con Estados Unidos que xa controlaba -no marco da Guerra Fría- todas as petromonarquías da península Arábiga así como o Líbano, Tunisia e Marrocos. Deste xeito, Washington e os seus aliados occidentais mantiñan os seus dous obxectivos prioritarios: o control do petróleo e a seguridade de Israel. A cambio, protexían a permanencia de feroces tiranos (Hasán II, o xeneral Mubarak, o xeneral Ben Alí, os reis sauditas Faisal, Fahd e Abdalá, etc.) e sacrificaban calquera aspiración democrática das sociedades.
2. Política. Nos Estados do pretendido “socialismo árabe” (Iraq, Siria, Libia e Alxeria), baixo os cómodos pretextos da “loita antiimperialista” e da “caza de comunistas”, tamén se estableceron ditaduras de partido único, gobernadas con man de ferro por déspotas de antoloxía (Sadam Hussein, AolAssad pai e fillo, e Muamar el Gadafi, o máis demencial deles). Ditaduras que garantían, polo demais, o aprovisionamento en hidrocarburos das potencias occidentais e que non ameazaban realmente a Israel (cando Iraq pareceu facelo foi destruído). Dese xeito, sobre os cidadáns árabes, caeu unha lousa de silencio e de terror.
As vagas de democratización sucedíanse no resto do mundo. Desapareceron, nos anos 1970, as ditaduras en Portugal, o Estado español e Grecia. En 1983, en Turquía. Tras a caída do muro do Berlín, en 1989, derrubouse a Unión Soviética así como o “socialismo real” de Europa do Leste. En América Latina caeron as ditaduras militares nos anos 1990. Entre mentres, a escasos quilómetros da Unión Europea, coa complicidade das potencias occidentais (entre elas o Estado español), o mundo árabe seguía en estado de glaciación autocrática.
Ao non se permitir ningunha forma de expresión crítica, a protesta localizouse no único lugar de reunión non prohibido: a mesquita. E en torno ao único libro non censurábel: o Corán. Así é que se foron fortalecendo os islamismos. O máis reaccionario foi difundido por Arabia Saudita co decidido apoio de Washington que vía nel un argumento para manter os pobos árabes na “submisión” (significado da palabra “islam”). Pero tamén xurdiu, sobre todo despois da “revolución islámica” de 1979 en Irán, o islamismo político que atopou nos versos do Corán argumentos para reclamar xustiza social e denunciar a corrupción, o nepotismo e a tiranía.
De aí naceron varias ramas máis radicais, dispostas a conquistar o poder pola violencia e a “Guerra Santa”. Así xurdiu Al Qaeda...
Despois dos atentados do 11 de setembro de 2001, as potencias occidentais, coa complicidade das “ditaduras amigas”, engadiron un novo motivo para manteren baixo férreo control as sociedades árabes: o medo ao islamismo. No canto de entender que este era a consecuencia da carencia de liberdade e da ausencia de xustiza social, engadiron máis inxustiza, máis despotismo, máis represión...
3. Económica. Varios Estados árabes padeceron as repercusións da crise global iniciada en 2008. Moitos traballadores destes países, emigrados en Europa, perderon o traballo. O volume das remesas de diñeiro enviadas ás súas familias diminuíu. A industria turística murchou. Os prezos dos hidrocarburos (en aumento estas últimas semanas por mor da insurrección popular en Libia) depreciáronse. Simultaneamente, o Fondo Monetario Internacional (FMI) impuxo, a Tunisia, Exipto e Libia, programas de privatización dos servizos públicos, reducións drásticas dos orzamentos do Estado, diminución do número de funcionarios... Uns severos plans de axuste que empeoraron, aínda máis, a vida dos pobres e sobre todo ameazaron con socavar a situación das clases medias urbanas (as que teñen precisamente acceso ao computador, ao móbil e ás redes sociais) enviándoas á pobreza.
4. Climática. Neste contexto, xa de seu explosivo, produciuse, o verán pasado, unha desfeita ecolóxica nunha rexión afastada do mundo árabe. Pero o planeta é un. Durante semanas, Rusia, un dos principais exportadores de cereais do mundo, coñeceu a peor vaga de calor e de incendios da súa historia. Un terzo da súa colleita de trigo foi destruída. Moscova suspendeu a exportación de cereais (que serven tamén para nutrir o gando) cuxos prezos inmediatamente subiron un 45%. Ese aumento repercutiu nos alimentos: pan, carne, leite, polo... Provocando, a partir de decembro de 2010, o maior incremento de prezos alimentarios desde 1990. No mundo árabe, unha das principais rexións importadoras deses produtos, as protestas contra a carestía da vida multiplicáronse...
5. Social. Engádase ao anterior: unha poboación moi nova e uns monumentais niveis de paro. Unha imposibilidade de emigrar porque Europa blindou as súas fronteiras e estableceu descaradamente acordos para que as autocracias árabes se encarguen do traballo sucio de conter os emigrantes clandestinos. Un acaparamento dos mellores postos polas camarillas das ditaduras máis arcaicas do planeta...
Faltaba unha faísca para prender o monte. Houbo dúas. Ambas en Tunisia. Primeiro, o 17 de decembro, a auto-immolación por lume de Mohamed Buazizi, un vendedor ambulante de froita, como signo de condena da tiranía. E segundo, espalladas polos teléfonos móbiles, as redes sociais (Facebook, Twitter), o correo electrónico e a canle Al-Yazeera, as revelacións de WikiLeaks sobre a realidade concreta do desvergoñante sistema mafioso establecido polo clan Ben Alí-Trabelsí.
O papel das redes sociais resultou fundamental. Permitiron franquear o muro do medo: saber de antemán que ducias de miles de persoas van manifestarse un día D e a unha hora H é unha garantía de que un non protestará illado expóndose en solitario á represión do sistema. O éxito tunisiano desta estratexia do enxame ía convulsionar a todo o mundo árabe.
[Artigo tirado do sitio web da edición española de ‘Le Monde Diplomatique’, núm. 185, de marzo de 2011]