marco
21/4/2009
Secretario confederal de Formación Sindical e Comunicación da Confederación Intersindical Galega (CIG).
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A oportunidade

A crise económica pódese alongar no tempo (tal como acaba de pronosticar un estudo do Fundo Monetario Internacional), se non se toman as medidas necesarias pra superala, a nivel mundial porén tamén en cada estado, evitando que a queda na produción (e a perda de emprego) sexa enormemente grande. En disputa hai intereses antagónicos, o das empresas que queren consolidar beneficios rebaixando produción e gastos (salarios), e o das maiorías sociais que loitan por manter o emprego e evitar que todos os custes da desfeita provocada pola globalización neoliberal (ou sexa, pola centralización e concentración da riqueza, pola especulación e a burbulla inmobiliaria) sexa costeada en exclusiva pola clases populares.

A anterior análise pode parecer teoría marxista, porén é a crúa realidade cotián. Por iso, malia a crise, hai empresas que botan persoal e declaran perdas mentres reparten dividendos como se non pasara ren e os seus directivos reciben bonificacións millonarias. As practicas capitalistas voltaronse tan agresivas, individualistas e cobizosas, que o mesmo governo de Obama (demócrata de dereita) tomou medidas pra evitar que isto aconteza con aquelas compañías que reciben achegas públicas pra tapar buratos da xestión especulativa (o que se chama a privatización dos beneficios e a socialización das perdas).

Escribo deste tema porque coido, que dentro da gravidade da situación, a crise pode ser unha conxuntura que permita deixar atrás os efeitos máis perversos do neoliberalismo, por exemplo, no plano ecolóxico e no relativo á explotación das materias primas e produtos enerxéticos, co perigo de esgotamento en poucas décadas. Teñamos en consideración que existe unha deslexitimación do sistema, dos grandes grupos económicos que tiñan secuestrados aos estados, polo que se pode recuperar pra os governos de novo un papel central e outórgarlles capacidade real pra DECIDIR as políticas económicas e sociais máis axeitadas pra este momento histórico, non condicionadas polos intereses empresarias e o rápido enriquecemento, con todo o que iso significa como oportunidade pras clases populares, e especificamente pra clase traballadora.

Evidentemente entre as prioridades dos governos sempre están, como unha asinatura pendente, todo o relacionado con garantir unhas condicións laborais dignas, uns salarios xustos, o reparto do emprego, ademais dunha fiscalidade progresiva, uns extensos e bos servizos básicos e prestacións públicas (fundamentais neste tempo de crise), o salario de inserción laboral. E, no noso país, secularmente colonizado, todo aquelo que ten que ver coa cultura, historia, lingua, a identidade en xeral e a soberanía nacional. Porén, asemade, como xa dixen, é un intre oportuno pra dar un pulo á actividade económica con criterios de futuro, ou sexa: de soberanía alimentar; de desenvolvemento da actividade produtiva ligada ás riquezas do país e ao investimento en tecnoloxía; de aforro enerxético e dar azos ás enerxías alternativas; de potenciar o transporte colectivo, especialmente o ferrocarril; e de aproveitar o valor da nosa riqueza histórica e cultural, da paisaxe e clima, da variedade e pontecialidade moi recoñecida da gastronomía.

Claro que pra dar este pulo, pra converter a dificultade en oportunidade, e non só nun duro e noxento reaxuste contra a clase traballadora, os autonomos e os pequenos empresarios, fai falla ter en consideración cales son os escenarios futuros no eido internacional, as limitacións do sistema económico e social e da natureza, así como cales son as nosas potencialidades, sobre todo isto ultimo, é dicir: compre ter un proxecto de nación pra este momento histórico. Non valen as subordinacións, aínda que sexan a “governos amigos”, que sempre relegan aos países periféricos a un papel dependente e decrecente. Necesitase articular a política desde a mobilización social, desde a participación e o protagonismo das camadas secularmente marxinadas das decisións estratéxicas.

[Artigo publicado en La Región]