Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
21/5/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
O IBEX-35 non está en crise

Na Grecia levan meses mobilizándose contra as medidas que lles queren aplicar o seu goberno, a Unión Europea e o Fondo Monetario Internacional; na Galiza até hoxe foi o nacionalismo en solitario quen puxo enriba da mesa alternativas á crise...

Hai agora tres meses publicaba un artigo no que falaba sobre os acontecementos que se daban naquel momento na Grecia, advertindo de que non era o do pobo grego un problema aillado senón que aquel país servía como coelliño de laboratorio, e que nel estaban a experimentar medidas con idea de aplicalas a outro pobos, entre eles o noso.

Dito e feito, xa está aquí de novo a chamada socialdemocracia quitándolle as castañas do lume aos poderes financieiros e facendo que os de sempre teñamos que apretarnos o cinturón, pois dinnos que de non facelo a cousa vai ir a peor dado que a economía sigue mal e o estado español está obrigado a reducir o déficit público e situalo nun 3% en 2013, por iso o goberno español quere reducir o gasto en 15000 millóns de euros entre o 2010 e o 2011.

Pero resulta que a crise non afecta a todo o mundo por igual e cando podíamos pensar que tamén o grande empresariado podería estar a pasar os seus apuros os datos amosan que siguen acumulando beneficios.

O IBEX-35, que inclúe ás 35 empresas con maior liquidez das que cotizan nas catro bolsas do estado, indica que esas empresas en conxunto gañaron nos tres primeiros meses deste ano un 31% máis que nos tres primeiros meses do 2009, pois de xaneiro a marzo de 2009 tiveron uns beneficios de 8.853,76 millóns de euros e de xaneiro a marzo do presente ano os seus beneficios ascenden a 11.598,53 millóns de euros. Só por poñer os exemplos máis abultados dicir que Endesa aumentou os seus beneficios nun 201,57% , Repsol nun 30,6%, Iberdrola nun 16,24% e o Santander nun 5,68%.

Hoxe no mundo da información semella que eses datos non son noticiábeis, por iso non os tivemos día tras día nas primeiras páxinas dos xornais como temos outros e para atopalos houbemos de meternos nas aburridas páxinas económicas; pois de ser de coñecemento público ao mellor as chamadas continuadas que fan os partidos do sistema a sermos solidarios e apretar o cinturon non terían tanta audiencia.

Na Grecia levan meses mobilizándose contra as medidas que lles queren aplicar o seu goberno, a Unión Europea e o Fondo Monetario Internacional; na Galiza até hoxe foi o nacionalismo en solitario quen puxo enriba da mesa alternativas á crise, e en concreto a CIG xa hai máis dun ano que está chamando ás organizacións sindicais españolas que actúan no noso país a mobilizarse conxuntamente en contra da crise e por un novo modelo económico e social.

Até a semana pasada a resposta foi o silenzo e agora veñen de sairnos cunha convocatoria mediática; xa veremos si o espíritu reivindicativo lles chega até o 8 de xuño, e se esa data para eles é algo máis que unha escenificación. Cando menos os primeiros contactos e a negativa dos sindicatos españois a asinar co sindicalismo nacionalista unha táboa reivindicativa conxunta e un calendario amplo de mobilizacións na función pública son sinais moi pouco esperanzadoras.

[Galiza, 20 de maio de 2010]

cig.prensa@galizacig.com