A pouco máis dun ano para as eleccións ao Parlamento catalán, a independencia ou a autodeterminación será o eixo central do debate. Todos estes movementos son sinal inequívoco de que dentro do electorado se están a producir cambios con respecto ao eixo nacional, e o centro sociopolítico do país desprazouse cara ao soberanismo.
Se había algo que temía o Estado español da consulta pola independencia celebrada en Arenys de Munt é que finalizase como o fixo, cun éxito total e cun eco moi importante en medios de comunicación internacionais. As principais axencias, canles de televisión e medios como «The New York Times» ou «Le Monde», seguírono de preto e recollérono nas súas noticias.
O referendo de Arenys de Munt puxo en evidencia o auxe do independentismo en Catalunya e desprazou o centro sociopolítico do país cara ao soberanismo, situando a autodeterminación no eixo central do debate de cara ás eleccións ao Parlament.
Un dos grandes valores do referendo é que foi capaz de romper «o tabú da autodeterminación» e demostrar que este tipo de convocatorias xera moitas simpatías independentistas e ilusión colectiva, e que boa parte da poboación responde con certa euforia, a pesar dos atrancos, ao chamamento a participar, en contraste con outro tipo de citas electorais.
O proceso iniciado en Arenys ten diversas fases. A primeira foi todo un éxito. Superar a arañeira legal do Estado español, tras unha detallada análise das físgoas desa legalidade ante unha consulta convocada por unha entidade privada.
A segunda fase está xa en marcha, coa chamada aos alcaldes interesados en realizar iniciativas similares a unha reunión o 3 de outubro. De momento, uns sesenta amosaron a súa disposición a convocar consultas, e nos próximos días o Concello de Berga aprobará unha moción nese sentido.
A terceira fase é máis delicada, porque a convocatoria directa da consulta por parte dalgún municipio xerará unha confrontación directa co Estado. Haberá que ver a resposta dalgunhas forzas políticas, como ERC e outras, que hoxe día din apoiar a participación popular.
Ante esta nova conxuntura as direccións dos partidos políticos están descolocadas. Esquerra non controla ese auxe independentista, sustentado, sobre todo, polo movemento independentista extraparlamentario, e busca unha recolocación na foto. CiU intenta desgastar a ERC asumindo postulados soberanistas para buscar a contradición no partido que lidera Puigcercós, sobre todo pola súa alianza de Goberno cos socialistas que perseguiron a consulta. CDC ten a ancoraxe de UDC. ICV está tamén descolocada, porque a súa aposta é federalista e móvese mal no debate soberanista.
Haberá que seguir tamén con atención a irrupción de novos protagonistas. A presenza do presidente do Barça e os cantos de serea desde Reagrupament (populismo independentista) levan a algúns a falar, se cadra prematuramente, dun tándem Laporta-Carretero.
Sen esquecer a evolución da CUP. É evidente que hai un importante rearmamento ideolóxico e estrutural que pode anticipar boas expectativas para as eleccións municipais de 2011. A súa recente decisión de non se presentar aos comicios autonómicos do próximo ano e antepor o seu reforzamento como formación política pode ser un gran acerto. Arenys de Munt e as consultas poden ser unha boa pista de despegamento para a articulación independentista.
A pouco máis dun ano para as eleccións ao Parlamento do Principat, a independencia ou a autodeterminación será o eixo central do debate. Todos estes movementos son sinal inequívoco de que dentro do electorado se están a producir cambios con respecto ao eixo nacional, e o centro sociopolítico do país desprazouse cara ao soberanismo.
Esa parece ser, con matices, a lectura que fai CDC (e que non comparte Unió), que o soberanismo pasou a ser un elemento central na política catalá, e pode redefinir o panorama futuro. Este fenómeno non se traduce nun crecemento electoral de ERC, vítima dos seus erros no Goberno co PSC, e da súa falta de visión estratéxica sobre o que estaba acontecendo no país.
Pola súa banda, o PSC respondeu de forma contundente contra as consultas, negando a súa validez e equiparándoas á imaxe mediática que desde os medios e a clase política española se quere dar do independentismo. Montilla situou o Estatut, sen grandes avances nos tres últimos anos e coa espada de Damocles do Constitucional, como o elemento definidor da centralidade política.
Probablemente sexa CiU quen, buscando capitalizar esa redefinición do eixo nacional, opte por formular propostas capaces de satisfacer as demandas soberanistas e evitar que ERC capitalice o auxe independentista. As contradicións internas e as presións dalgúns sectores poden frear esta estratexia electoralista dos converxentes.
O propio proceso do Estatut contribuíu a ese cambio do eixo político e social. En Catalunya hai un gran cansazo pola dificultade á hora de renovar o chamado sistema autonomista. Boa parte da cidadanía non independentista estase baixando do tren autonomista ao ver as dificultades que o Estado español puxo ante a reforma estatutaria. Sen esquecer, ademais, a agresividade do chamado anticatalanismo. É evidente que moitos tiñan razón cando sinalaron que o Estatut nacía morto, e que agora será o Constitucional español o que acabará rematándoo. Pero o que morre non é un estatuto, senón a propia lexitimidade popular do chamado autonomismo en Catalunya. Se finalmente levan a cabo mobilizacións, estas non van ser en defensa do Estatut, senón contra a sentenza e, por definición, contra o autonomismo que impulsa Madrid.
Este caldo de cultivo vén dado pola deterioración de moitos aspectos do país. O déficit en infraestruturas, o espolio fiscal, un novo financiamento que non soluciona o déficit fiscal nin os problemas económicos do país, a crise... son elementos que fixeron que moitos empecen a ver na independencia a única vía de solución aos seus problemas. O reto pero tamén a incógnita é saber se se producirá e, en todo caso, como, a articulación política desta ebulición social.
Arenys de Munt é un síntoma inequívoco de que os tempos mudaron. A consulta evidencia que o independentismo cada vez se ve menos representado polos partidos políticos tradicionais, á vez que fai máis visual a súa transversalidade sociolóxica. Certifica o cansazo nacional coas vías exploradas até o de agora e crea un precedente importante.
O liderado da CUP na consulta é unha das claves para este impulso soberanista, e a participación das xentes de CIU ou ICV, ademais de ERC, amosa, unha vez máis, a transversalidade do sentimento independentista en Catalunya, e sitúa o PSC xunto ao PP, o que xera moita incomodidade en sectores catalanistas socialistas.
Se a centralidade política e social do soberanismo acaba impóndose, os esforzos dirixidos á articulación dun proxecto nacional nese sentido poden ser o detonante final para que a materialización de boa parte das demandas soberanistas en Catalunya collan rumbo cara á plasmación no futuro dun novo Estado.
[Artigo tirado do xornal vasco ‘Gara’, do 20 de setembro de 2009]