
Na pugna pola supremacía ideolóxica en América Latina, dúas confrontacións decisivas se van desenvolver as próximas semanas: eleccións lexislativas en Venezuela, o 26 de setembro; votación presidencial en Brasil, o 3 de outubro. Se neste país-xigante non gañase a esquerda democrática, o péndulo político inclinaríase maioritariamente, a escala continental, cara ás dereitas que xa gobernan en Chile, Colombia, Costa Rica, Honduras, México, Panamá e Perú.
Pero esa eventualidade resulta pouco probábel; é inverosímil que José Serra, do Partido Social Demócrata Brasileiro (PMDB, centro-dereita) consiga imporse a Dilma Rousseff, do Partido dos Traballadores (PT), apoiada polo moi popular Luiz Inácio Lula da Silva, Presidente saliente que, de non o impedir a Constitución, sería doadamente reelixido para un terceiro mandato.
En consecuencia, as forzas conservadoras internacionais concentran todos os seus ataques sobre a outra fronte, Venezuela, para intentar debilitar o Presidente Hugo Chávez e a revolución bolivariana. O que aquí está en xogo é a elección dos 165 deputados da Asemblea Nacional (non hai Senado). Cunha particularidade: os lexisladores saíntes son chavistas na súa case totalidade, pois a oposición, nos precedentes comicios de 2005, boicoteou o escrutinio. Esta vez non o fará; unha infinidade de partidos e de organizacións dispares (1), aglutinados polo rancor antichavista, preséntanse baixo o estandarte común da Mesa da Unidade Democrática (MUD) contra o Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV) (2) do Presidente Chávez.
Inevitabelmente, o goberno bolivariano contará con menos deputados na nova Asemblea. En que proporción? Poderá seguir levando a cabo o seu programa de grandes reformas? Terá a oposición a facultade de lle pór freo á revolución?
Tales son os desafíos. O 60% dos escanos repártense de xeito nominal, e o 40% restante de xeito proporcional. A lista que obteña máis do 50 por cento dos votos recibirá o 75 por cento dos escanos reservados ao escrutinio proporcional. Isto último é importante pois a Constitución prevé que as leis orgánicas deben ser votadas polos dous terzos dos deputados, e as leis que habilitan o Presidente a lexislar por decreto, polas tres quintas partes dos lexisladores. Noutras palabras: abondaríalle á oposición con obter 56 escanos (sobre 165) para impedir a adopción de leis orgánicas, e 67 escanos para imposibilitar a aprobación de leis habilitantes. Cando, até o de agora, as principais reformas puideron realizarse grazas precisamente a leis habilitantes.
Por iso é polo que a batalla Venezuela mobilice tantas enerxías e que as campañas internacionais de difamación contra o Presidente Hugo Chávez zumeguen malignidade. Nestes últimos meses, as arremetidas viñeron alternándose. Insistiuse primeiro sobre os problemas de abastecemento de auga e de cortes de electricidade (hoxe resoltos) atribuíndoos ao Goberno, sen mencionar apenas a súa causa climática: a seca do século que afectou ao país. Persistiuse despois, repetindo até a saciedade as imputacións sen probas do ex Presidente de Colombia Álvaro Uribe sobre unha suposta "Venezuela santuario de terroristas". Denuncias abandonadas hoxe polo novo Presidente colombiano Juan Manuel Santos tras o seu encontro con Hugo Chávez en Santa Marta o pasado 10 de agosto no que este, unha vez máis, reiterou que as guerrillas deben abandonar a loita armada: "O mundo de hoxe non é o dos anos 1960. Non hai condicións en Colombia para que poidan tomar o poder. En cambio, convertéronse na principal escusa para o imperio: penetrar Colombia a fondo e desde aí agredir a Venezuela, Ecuador, Nicaragua, Cuba" (3).
Contra toda evidencia, os medios de odio seguen sostendo que, en Venezuela, as liberdades políticas están coutadas e que unha suposta censura impide a liberdade de expresión. Omiten sinalar que o 80% das emisoras de radio e das canles de televisión pertencen ao sector privado, mentres que só o 9% deles son públicos (4). Ou que, desde 1999, se realizaron quince eleccións democráticas nunca cuestionadas por ningún organismo supervisor internacional. Como o realza o xornalista José Vicente Rangel: "Cada venezolano pode afiliarse a calquera dos miles de partidos políticos, sindicatos, organizacións sociais ou asociacións, e logo mobilizarse por todo o territorio nacional para debater as súas ideas e puntos de vista sen limitación ningunha" (5).
Desde a chegada de Hugo Chávez á Presidencia, o investimento social quintuplicouse respecto do realizado entre 1988 e 1998; decisión chave para que Venezuela alcance case todas as Metas do Milenio fixadas pola ONU para 2015 (6). A pobreza baixou dun 49,4% en 1999 a un 30,2% en 2006, e a indixencia pasou do 21,7% ao 7,2% (7).
Estes esperanzadores resultados, merecen realmente tanto odio?
____________________________________________________
Notas:
(1) Acción Democrática (social-demócrata), Alianza Bravo Pueblo (dereita), Copei (demócrata cristián), Fuerza Liberal (ultraliberal), Causa R (ex comunistas), MAS (Movemento ao socialismo), Movemento Republicano (neoliberal), PPT (Patria para todos), Podemos (Pola democracia social), Primero Justicia (ultraliberal) e Un Nuevo Tiempo (social-liberal).
(2) Creado en 2007, agrupa a maioría das forzas políticas que apoian a revolución bolivariana (Movimiento Quinta República, Movimiento Electoral del Pueblo, Movimiento Independiente Ganamos Todos, Liga Socialista, Unidad Popular Venezolana, etc.). O Partido Comunista de Venezuela (PCV) non se integrou no PSUV pero apóiao e é o seu aliado nestas eleccións.
(3) Clarín, Bos Aires, 25 de xullo de 2010.
(4) Tamén calan que, en Honduras, por exemplo, nos seis primeiros meses deste ano, foron xa asasinados nove xornalistas.
(5) www.abn.info.ve/node/12781
(6) http://news.bbc.co.uk/hi/spanish/specials/2009/ chavez_10/newsid_7837000/7837964.stm
(7) www.radiomundial.com.ve/yvke/noticia.php?45387
____________________________________________________
[Artigo tirado da edición española de ‘Le Monde Diplomatique’, núm. 179, setembro de 2010]