Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
21/9/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Estado español: A orixe dos dereitos laborais

Os últimos dous anos convertéronse nun auténtico bienio negro para os dereitos laborais no Estado español, con efectos devastadores a medio prazo para as condicións de vida da clase traballadora. Como en calquera guerra -e a loita de clases é unha máis-, o primeiro que se perde é a verdade, algo que atopamos sobre todo no argumentario do Goberno español e do Partido Popular á hora de xustificar os cambios normativos.

 Manifestaron literalmente: “Coa Reforma Laboral acábase cunhas relacións laborais franquistas”. Ao unísono, co clásico método goebbelsiano, todos os membros da reacción repetían as mesmas frases en entrevistas e roldas de prensa.

 Aínda que as direccións dos sindicatos maioritarios se opuxeron á aberración histórica e científica que supón situar os dereitos laborais no franquismo, curiosamente tampouco deron unha explicación real sobre a orixe destes. Os máximos dirixentes de CCOO e UGT opinan que os autores da contrarreforma laboral “Queren arruinar de vez tres décadas de diálogo social”, dando así a entender que os dereitos laborais que nos expropiaron sen compensación responden a trinta anos de concertación social.

 Seguramente, calquera persoa de orixe obreira ou progresista respondería claramente aos argumentos conservadores e das direccións dos sindicatos maioritarios sobre a orixe dos dereitos laborais situando estes nas loitas obreiras, sindicais e sociais. Esta visión debe ir acompañada dunha explicación razoada sobre a auténtica orixe dos dereitos laborais no Estado español, así como dunha mención ao papel da ditadura franquista nas relacións laborais.

A ditadura franquista con orixe na negación do movemento obreiro e dos dereitos sociais

 O golpe de estado fascista do 18 de xullo de 1936 foi a resposta da burguesía española á vitoria política da esquerda e ao imparábel proceso revolucionario que se desenvolvía. Unha das grandes expresións políticas diso durante as primeiras dúas décadas da ditadura franquista foi a aniquilación física dos dirixentes da esquerda, a prohibición das organizacións obreiras e a represión de calquera indicio de reclamación sindical.

 No terreo do normativo, derrogouse de facto a lexislación en materia laboral xurdida durante a Segunda República, entre outras a Lei de Contrato de Traballo e a constitucionalización do dereito de liberdade sindical. Freouse todo desenvolvemento social incorporado pola normativa precedente mediante a aprobación do Foro dos Españois. Este texto, que se compón de dezaseis apartados, non incorpora practicamente dereitos laborais substantivos máis aló dunhas vagas vacacións retribuídas. Pola contra, mesmo en dúas ocasións manifesta o seu obxectivo e natureza: “Representa unha reacción contra o capitalismo liberal e o materialismo marxista”, “unha forma de produción igualmente apartada da concentración capitalista e do gregarismo marxista”. Del deriváronse despois diferentes leis que desenvolvían subsidios e o descanso dominical.

 En 1944 aparece a Lei de Contrato de Traballo (que derroga formalmente a Lei de Contrato de Traballo de 1931, xa sen efectos na práctica). Esa normativa e o Foro dos Españois constitúen o auténtico corpus da lexislación laboral franquista. Unha mínima aproximación á mesma permitiranos comprobar se se asemella á lexislación dos últimos trinta anos, a unha actuación paternalista do Estado ou ás formulacións liberais.

 A muller non gozaba de autonomía nin para contratar nin para reclamar as súas correctas retribucións, cousas a cargo de maridos e pais. A contratación temporal era legal tanto para eventualidades como para obras e servizos. No réxime de despedimento improcedente atopamos que a indemnización non poderá superar en ningún caso o ano de salario, exactamente igual que o máximo legal da indemnización por despedimento obxectivo que, coa última contrarreforma laboral do Partido Popular, se estendeu e facilitou. Á súa vez, regulábase un xeneroso réxime de extinción colectiva cun xenérico “cesamento da industria, comercio, profesión e servizo, fundada en crise laboral ou económica, sempre que dita cesación sexa debidamente autorizada”. A xornada laboral non se limitaba e nin sequera se decretaba o descanso de 48 horas tras 5 días, senón simplemente o descanso dun día pola presión histórica da Igrexa católica para que non se traballase durante o domingo. A prestación de servizos non tiña máis límite que o consignado no contrato, á vez que a prestación de IT era apenas do 50% do salario e cun máximo de 4 días ao ano, é dicir, que ao quinto día de enfermidade xa non se percibía retribución ningunha. Non se garantían aínda dúas pagas extraordinarias, só a do Xeneralísimo o 18 de xullo, e até finais dos anos sesenta non apareceu algo similar ao actual SMI. Atopámonos, pois, durante os primeiros trinta anos de ditadura franquista, cunha regulación do salario moi similar á petición dos liberais, sen salarios mínimos e deixando estes a expensas da “negociación entre as partes”.

 En ocasións indicouse a existencia dunha certa liberdade á hora de negociar os dereitos laborais a teor da existencia de ordenanzas laborais de ramo ou sector. Pero o certo é que até 1958 non existiu intervención de representación dos traballadores ningunha na confección destas, senón que eran os funcionarios do Sindicato Vertical os que estampaban a súa sinatura nos textos elaborados desde o Ministerio de Traballo.

 A realidade sociolaboral do período 1939-1959 expresa un nivel máximo de explotación para a clase obreira española. A acumulación sen precedentes de capital á que serviu foi a base para o desenvolvementismo do franquismo. Nada que ver co mito do bo facer dos tecnócratas do réxime.

 A existencia de dereitos laborais nos primeiros vinte anos do franquismo vese cuestionada polo feito fundamental de que a propia ditadura ancoraba as súas orixes no asasinato e aniquilación de sindicalistas e persoas de esquerdas. De aí que a simple reclamación de dereitos podía constituír un suicidio laboral no mellor dos supostos, e unha execución xudicial ou extraxudicial no peor. Á súa vez, non estamos sequera ante un Estado de Dereito burgués, senón ante un réxime fascista ou bonapartista de dereitas cuxos xuíces tiñan no 99% dos casos unha orixe falanxista ou militar, o cal convertía o sistema xudicial nun escarnio para a clase obreira.

 Así pois, que o Partido Popular cualifique de franquistas as relacións laborais só se pode entender como unha broma macabra e un auténtico desprezo á dignidade dos centenares de miles de sindicalistas asasinados durante o que foi a orixe da ditadura.

1958-1973. A Lei de Convenios Colectivos: entre o incremento da produtividade e a falsa negociación

 No ano 1958 apróbase unha nova regulación da “negociación colectiva”, o que se quixo presentar en ocasións como a existencia dun sistema de participación dos traballadores nas súas normas paccionadas. Nada máis lonxe da realidade, pois esta nova normativa respondía ao intento de disuadir as respostas folguísticas (1956-1958) e á necesidade de incrementar a produtividade. (Até daquela, as empresas basearan os seus beneficios nunha explotación extrema da man de obra, pero os ritmos produtivos non se asemellaban aos dos estados europeos.) Así, a esencia da nova negociación colectiva era manter baixo o salario base ou garantido e establecer complementos vinculados á produtividade. Curiosamente, este último obxectivo é o que ciclicamente solicitan os liberais.

 A falsa negociación colectiva instaurada caracterizábase por dous grandes elementos: o primeiro, que a representación dos traballadores se debía desenvolver a través do Sindicato Vertical; e o segundo que, unha vez había acordo -ou se non o había- era o Ministerio de Traballo o que o tiña que aceptar, ou ben fixar outras condicións, para publicalo como “convenio colectivo”. Chama poderosamente a atención que este sistema garde máis semellanzas coa figura da arbitraxe obrigatoria instaurada polo goberno do Partido Popular que coa negociación colectiva que coñecemos durante os últimos trinta anos.

 Para rematar, a Lei 38/1973 de Convenios Colectivos Sindicais de Traballo incorporou a concorrencia de convenios, a creación de acordos marco e a duración mínima de dous anos -en definitiva, mellorando tecnicamente a negociación colectiva-, pero deixou sen resolver o problema do intervencionismo do Estado, que debía homologar o “convenio”.

 Analizando a normativa franquista atoparemos enormes semellanzas co clásico argumentario liberal e ningunha coincidencia cos dereitos laborais dos últimos trinta anos.

Na orixe dos dereitos laborais que coñecemos durante os últimos trinta anos: Lei de Relacións Laborais de 1976, RD-Lei 17/1977, Constitución española e Estatuto dos Traballadores

 Para entendermos a esencia dos dereitos laborais dos que gozamos durante os últimos trinta anos, non debemos buscar nin no Foro do Traballo, nin na Lei de Contrato de Traballo de 1944 nin na Lei de Convenios Colectivos de 1958, posto que esa normativa, por sorte, non garda practicamente relación ningunha co conxunto de dereitos e liberdades que puidemos coñecer durante o período comprendido entre 1980 e 2010. Para iso debemos analizar a Lei de Relacións Laborais de 1976, o RD-Lei 17/1977, o Estatuto dos Traballadores de 1980 e, por suposto, os preceptos de natureza laboral da Constitución española.

 Aínda que non tería que ser necesario, debemos lembrar que o ditador Franco morreu o 20 de novembro de 1975, o 15 de decembro de 1976 aprobábase a Lei para a Reforma Política (derrogación tácita da legalidade franquista) e o 15 de xuño de 1977 celebrábanse eleccións “libres” pluripartidistas.

 A Lei de Relacións Laborais de 1976 é sen dúbida a cota máis alta de dereitos laborais individuais que endexamais alcanzamos: readmisión nos seus propios termos ante o despedimento improcedente; laboralización dalgunhas relacións de traballo especiais; presunción directa da contratación indefinida; reforzamento da subrogación empresarial; esixencia de visado da liquidación; esixencia de expediente para o traslado, forte causalidade e dereito de consorte; diminución da xornada laboral de 48 a 44 horas semanais e descanso de 12 horas entre xornada e xornada; descanso de 15 minutos na xornada continua de 6 horas; autorización administrativa para a modificación do horario; ampliación da maternidade postparto a 8 semanas e da excedencia por maternidade ata 3 anos; constitución do FOGASA; previsión da revisión semestral do SMI se o índice xeral do custo da vida aumentaba un 5%, etc., etc.

 O Real Decreto Lei 17/1977, entre outras materias, recoñece claramente o dereito a folga e regúlao, do mesmo xeito que o peche patronal. Respecto ao primeiro dos dereitos, supuxo un recoñecemento de dereito fundamental que veu ser concretado a través dos posteriores parámetros de constitucionalidade. En canto ao peche patronal (lock out) veu a ser limitado ou regulado no que no momento supuxo un freo á chantaxe patronal de cesamento de actividades ante a folga. A norma é do 4 de marzo de 1977, coa Lei de Reforma Política vixente e días antes da primeira campaña electoral tras o fascismo. A regulación que fai referencia á folga e o peche patronal aínda se mantén en vigor, coas únicas modificacións que o Tribunal Constitucional realizou para a súa adecuación á Constitución.

 A Constitución española establece como dereitos fundamentais a folga e a liberdade sindical, á vez que deixa que outros dereitos fundamentais enchoupen a lexislación laboral (principio de igualdade, liberdade ideolóxica, intimidade, liberdade de expresión e de información, dereito de reunión, dereito á tutela xudicial efectiva, etc.). Tamén se establecen outros dereitos -non fundamentais- que se concretarán lexislativamente a posteriori: o dereito e o deber ao traballo, a libre elección de profesión ou oficio, o dereito a unha remuneración suficiente, o dereito á negociación colectiva e á adopción de medidas de conflito colectivo, e o dereito á liberdade de empresa. Para rematar, atopamos principios reitores da política económica e social: o deber dos poderes públicos de realizar políticas orientadas ao pleno emprego, de velar pola seguridade e a hixiene no traballo, de garantir o descanso necesario mediante a limitación da xornada e as vacacións retribuídas, e de fomentar a formación.

 O Estatuto dos Traballadores de 1980 (cinco anos despois da morte do ditador e cun único lexislador que se recoñecese franquista, aínda que AP o negaba) é a expresión da etapa que finaliza e da nova realidade que se inicia para as relacións laborais e o movemento sindical. Sen dúbida, foi o eixo normativo a través do que pivotaron os dereitos laborais nos últimos trinta anos, pero, lonxe de emanar da ditadura franquista, é á súa vez expresión dunha época de máximo nivel de mobilizacións obreiras e o inicio da seguinte etapa de concertación social.

Tres décadas de diálogo social e trinta anos de continuas perdas de dereitos

 En primeiro lugar, atendendo ao necesario rigor científico, debemos expresar que o proceso dos últimos trinta anos non foi lineal en canto aos dereitos laborais, e aínda que a tendencia foi á perda, existiron algunhas materias sobre as cales houbo conquistas. Na maioría dos supostos atopámonos cunha necesaria transposición de directivas da Unión Europea (principio de igualdade, sucesión, insolvencia empresarial) e cun desenvolvemento de dereitos derivados da maternidade e da conciliación das vidas laboral e familiar.

 Máis aló do anterior, nas últimas tres décadas perdéronse continuamente dereitos laborais: extensión da contratación temporal (Lei 32/1984), creación e desenvolvemento das empresas prestamistas de man de obra (Lei 14/1994), facilitación da modificación de condicións (Lei 11/1994) e da extinción de contratos por causas obxectivas (Lei 11/1994, Lei 63/1997, RD-Lei 5/2001), precarización do contrato a tempo parcial (RD-Lei 5/2001), redución da indemnización por despedimento improcedente (Lei 63/1997, Lei 12/2001, RD 5/2006) e limitación dos salarios de tramitación (RD-Lei 11/2002, posteriormente validado como lei).

 A realidade xurídico-laboral dos últimos trinta anos foi un pingar en canto á perda de dereitos, transformado en choiva coa Lei 35/2010 e en treboada tras a Lei 3/2012. Así, debemos pór de manifesto que nos últimos trinta anos non só non se consolidaron os dereitos laborais que coñecemos, senón que se foron eliminando paulatinamente. Esta foi a realidade de tres décadas de diálogo social.

 Dereitos que agora nos son arrebatados, como a indemnización de 45 días por ano traballado, a causalidade e criterio finalístico no despedimento obxectivo e modificación das condicións, a negociación colectiva libre e estábel, os despedimentos colectivos causais, finalísticos e con autorización da autoridade laboral, etc., non teñen a súa orixe no período 1980-2010, senón no período 1976-1980. En plena situación de crise, os sindicatos non optaron por sacrificar o traballo digno nin por renunciar á súa capacidade de mobilización, e a etapa sen dúbida con máis mobilizacións da historia do Estado español coincidiu exactamente coa aprobación da normativa que recoñeceu aqueles dereitos. Seguramente, a maioría dos historiadores honestos caracterizarían aquel período de prerrevolucionario, pois as demandas das organizacións obreiras non foron unicamente económicas e sociais, senón que ían encamiñadas a acabar co capitalismo ou co franquismo. A única alternativa que tiveron a burguesía e o aparello do Estado foi o mantemento do poder adquisitivo nos convenios colectivos, o incremento permanente do SMI e o recoñecemento dun bloque de dereitos e garantías laborais dos que puido gozar toda unha xeración de traballadores e traballadoras.

 Lonxe do mito da negociación, cada conquista de dereitos supuxo sempre sacrificios na mobilización, represión sindical e asasinatos. Se cualificar de “franquistas” as relacións laborais das que gozamos tras a “Transición” é, ademais dunha falacia, un adozamento indirecto da ditadura franquista, situar a orixe dos avances laborais nos últimos trinta anos de diálogo social é un erro sindical e unha falta de respecto polos quen deixaron os mellores anos das súas vidas, e mesmo estas, loitando por eles.

 Cualifícase a Transición de modélica e pacífica, pero non hai dúbida de que non rachou co período anterior, deixando intactos o poder económico, o xudicial, o policial, e o statu quo. Entre 1975 e 1982, 188 persoas -a meirande delas participantes en manifestacións obreiras e cadros sindicais- foron asasinadas pola violencia do aparello do Estado ou de membros “incontrolados”.

 Mais as discusións non deben ter como finalidade ruborizar a quen mente ou erra, senón situar a verdade como elemento determinante no proceso emancipatorio.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Mientras Tanto’, núm. 105, de setembro de 2012]

cig.prensa@galizacig.com