Se botamos unha ollada ao mapa, a ofensiva do capitalismo neoliberal a partir de Reagan-Thatcher só puido ser contida e en parte rexeitada en América Latina, aínda que varios países asiáticos lograsen unha aplicación menos férrea do dogma que na nosa rexión.
Aquí, combativos movementos populares, algúns cun compoñente indíxena esencial pero todos integrados por traballadores, marxinais, poboadores e sectores medios empobrecidos, conduciron ao xurdimento desde 1999 dun grupo heteroxéneo pero coordinado de gobernos opostos ás políticas do Consenso de Washington e que loitan pola integración rexional.
Porén, en Europa occidental, a diferenza de Estados Unidos conserváronse até hai moi pouco unha parte dos trazos esenciais dos chamados Estados de benestar, conxunto de dereitos sociais conquistados polas loitas obreiras dos séculos XIX e XX e tamén logradas debido ao excepcional protagonismo do Exército Vermello na derrota do nazi-fascismo e á existencia do campo socialista e os seus indiscutíbeis avances sociais. Foi xustamente a implosión da Unión Soviética e demais réximes europeos que formaban parte desa realidade a que propiciou a trasformación das rexións central e oriental de Europa en polígono de probas de crueis receitas de axuste fondomonetaristas, aplicadas dun día para outro. Verdadeiro revoltallo que en nada logrou unha colosal trasferencia de riqueza deses Estados, especialmente Rusia, aos grandes centros financeiros capitalistas.
Pero é evidente que as grandes corporacións financeiras non renunciaran a desposuír tamén das súas conquistas aos traballadores e a poboación europea occidental. Só agardaban pola ocasión propicia e esta veu coa quebra de Leman Brothers e o contaxio da crise que atravesan desde aquela o sistema financeiro e a economía estadunidenses. A partir do cataclismo machucouse pola mafia mediática con varios mitos, como que as economías nacionais e a europea afundirían e aumentaría o desemprego se os Estados non rescataban aos bancos, obviamente cos impostos dos de abaixo.
En realidade, precisamente por aplicar esa receita os Estados están en quebra, as economías afundíronse e o paro estendeuse insolitamente. Iso si, os bancos declaran utilidades obscenas e en Wall Street anuncian que repartirán unha millonada entre os seus executivos. A oportunidade foi aproveitada tamén para ir ao asalto das pensións e outros beneficios sociais dos traballadores europeos, mentres nin sequera se impuñan ou elevaban os impostos á oligarquía cuxos integrantes aumentaron e en moitos casos dobraron o montante das súas fortunas durante a crise mentres ducias de millóns de obreiros no Vello Continente e en todo o mundo se empobrecen sen sequera a esperanza de recuperar os seus dereitos ou postos de traballo arrebatados.
No ronsel da desfeita estadounidense de súpeto anunciouse que Grecia estaba en quebra e as cualificadoras rebaixaron a categoría da súa débeda. Neste mundo ao revés, un dos grandes bancos de investimento, Goldman Sachs, defraudara ao Estado grego en complicidade coa oligarquía nativa. Por suposto, o banco non indemnizaría o país helénico senón que se convertería no seu virtual propietario. Xa a prensa financeira inglesa, onde adoitan descubrirse algúns dos malévolos proxectos da banca anglosaxoa, cuñara o termo PIGS, acrónimo para referirse a Portugal, Irlanda, Grecia e España, países parias e sen futuro.
O alentador é como reaccionaron a clase obreira e o pobo gregos, que xa acumulan oito xornadas de folga xeral e non dan sinais de decaimento e de novo Francia e París, con seis folgas de xuño á data, unha activa presenza xuvenil e a gran interrogante de se o goberno conseguirá o desgaste a que aposta ou estas xornadas son o comezo de algo maior. A formidábel folga xeral do 29 de setembro no Estado español podería abrir o camiño á creación dun polo moi amplo de esquerda social e política antineoliberal. Mesmo nos países ex socialistas hai mostras de combatividade obreira. A apertura dunha fronte europea antineoliberal podería anoarse firmemente coas loitas latinoamericanas, que se organizan desde unha gran diversidade de movementos en África e Asia e todas xuntas estimular cara á esquerda a rebeldía e o descontento en Estados Unidos.
[Artigo tirado do sitio web ‘América Latina en Movimiento’, do 21 de outubro de 2010]