No “Informe anual de goberno corporativo das Caixas de Aforros” correspondente ao ano 2009, as cúpulas directivas destas entidades, que non debemos esquecer teñen carácter social, declaran ter recibido salarios por un importe de 134,47 millóns de euros (máis de 22.000 millóns das antigas pesetas), aos que hai que engadir as retribucións percibidas por representar as Caixas nas empresas participadas.
En principio falamos dos salarios que din que gañan as persoas da alta dirección, sen incluírmos o resto dos altos executivos dos respectivos organigramas.
Hai que lembrar que no ano 2007, cando estoupou a crise financeira (orixe da crise actual que non todos padecemos), os mesmos directivos declaraban cobrar 140 millóns de euros. Así se entenden as loitas encarnizadas emprendidas por uns e outros para mantérense no cargo.
Mentres os seus salarios practicamente se manteñen, o orzamento da Obra Social si que sufriu un recorte do 12,5% en referencia ao 2008; naquel ano, o orzamento da Obra Social chegou aos 2.031 millóns de euros, caendo ata os 1.776 millóns no ano 2009.
As Caixas recibiron ademais nese período milleiros de millóns de euros en axudas públicas, para facer fronte á situación económica derivada dunha mala xestión: axudas do FAAF (Fondo adquisición de activos financeiros), inxeccións do Banco Central Europeo, inxeccións do FROB, etc.
Hoxe, 40 das 45 Caixas están afrontando procesos de concentración e reestruturación, cun custo estimado para o emprego de 25.000 postos de traballo destruídos; só o impacto do proceso das Caixas Galegas supera os 900 postos de traballo directos en Galiza.
Que en tempos de crise os altos directivos das Caixas de Aforros manteñan os seus estratosféricos salarios con cargo a axudas públicas é un insulto para a cidadanía, cando, ademais, os orzamentos do Estado e da Xunta de Galicia contemplan amplos recortes nas partidas sociais.
Que pensarían os probes pensionistas que son clientes das Caixas e que o ano que vén terán conxelada a súa pensión, se soubesen que os mesmos que os friten a comisións de mantemento, están forrándose con cargo ao erario público? Que pensarán as 203.000 persoas desafiuzadas no Estado dende o 2008 debido á execución das súas hipotecas polos bancos privados, pero tamén polas Caixas?
O Partido Popular en Galiza e o PSOE a nivel estatal deberían utilizar a capacidade lexislativa para poñer couto a este saqueo das arcas públicas e das propias Caixas. De entrada, hai 134 millóns de razóns para que os cidadáns, comezando polos clientes, queiran botalos a patadas.
[Galiza, 22 de outubro de 2010]