Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
22/11/2010
Escritor arxentino.
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
OTAN: O imperio non descansa

Nin o pensa. A xuntanza da máquina bélica chamada OTAN remataba este domingo en Lisboa e o seu obxectivo é declarado: elaborar o novo “concepto estratéxico” destinado a reforzar militarmente os seus 27 estados membro para que a organización “sexa máis efectiva, máis implicada e máis eficiente que nunca”.

 Así o afirmou o seu secretario xeral, o danés Anders Fogh Rasmussen, e precisou: “Máis efectiva porque a OTAN investirá na adquisición de ferramentas chave como os mísiles de defensa e a defensa cibernética” (www.nato.int, 15-11-10). A xuntanza limítase a oficializar o que sucede xa: a intensificación da presenza militar de EEUU e os seus socios menores no continente asiático, nova etapa da expansión imperial.

 Isto entre outras cousas, que parten da instalación dun sistema de mísiles escudo e o continuo despregamento de armas nucleares tácticas en toda Europa -coma se Rusia estivese por invadir Finlandia e Polonia- até a participación nos plans de guerra cibernética do Pentágono e a expansión das misións castrenses no leste e o sur do planeta. Uns 38 países enviaron efectivos á guerra Afganistán/Paquistán e sucede que a OTAN se converteu no factor máis importante da unidade de Europa por riba da súa institución política, a Unión Europea, unha unidade selada con sangue no campo de batalla. Cómpre preguntarse se o cacarexado humanismo nacido no Vello Continente existiu en pleno algunha vez.

 Asegurada esa retagarda, Washington proxéctase agora cara a outras rexións coa intención definitiva de converter en súbditos os países que aínda non o son. Barack Obama insiste nas políticas do seu antecesor e xa non se fala dunha retirada próxima de Afganistán: Mark Sedwill, o representante civil número un da OTAN, sinalou que o tempo necesario para controlar completamente o país podería dilatarse “até o 2015 e aínda máis” (//afpakforeignpoloicy.com, 17-11-10). Non comparte ese “optimismo” o xeneral David Richards, comandante en xefe do exército británico: declarou que “a OTAN necesita planificar o papel que xogará nos próximos 30 ou 40 anos para axudar as forzas armadas afgás a recuperar o país” (www.dailymail.co.uk, 15-11-10). Vai entón para longo, o cal non obsta para que outros preparativos de guerra sigan o seu curso.

 O cuarteto encargado da política exterior estadounidense que integran Obama, Hillary Clinton, Robert Gates e o xefe do estado maior conxunto, almirante Michael Abrandan, estivo moi ocupado na primeira quincena de novembro percorrendo en total dez países do Pacífico asiático. O 7 de novembro Robert Gates afirmaba en Melbourne que o século XXI é “o século do Pacífico” (www.defense.gov, 7-11-10) e non desaproveitou a súa visita a Australia para lograr, coa axuda de Abrandan, presenza en varias bases militares do país. Ao mesmo tempo, Hillary Clinton volveu dar vida, logo de 24 anos de conxelamento, ao tratado de seguridade Australia / Nova Celandia / EEUU (Anzus, polas súas siglas en inglés).

 Obama non quedou atrás: realizou unha xira de dez días por Indonesia, Corea do Sur e Xapón que comezou na India, á que adxudicou 10 Boeing C-17 por valor de 5000 millóns de dólares, a sexta venda de armas máis importante da historia de EEUU (www.businessinsider.com,. 6-11-10). Quedará moi atrás da que será a primeira cando a pedido de Obama o Congreso estadounidense aprobe, como sen dúbida aprobará, a exportación a Arabia Saudita de 84 cazas de combate F-15, helicópteros, radares e mísiles, por un valor total de 60.000 millóns de dólares. Para o xeneral prusiano Carl von Clausewitz, a guerra era a continuación da política por outros medios. Para a Casa Branca, é o medio de engordar os petos voraces do complexo militar-industrial. A dirección da economía dun país debería ser o resultado dunha concepción política. En EEUU é máis ben ao revés.

 Os negocios non inhiben outros preparativos. As manobras militares conxuntas e os xogos de guerra de forzas estadounidenses, británicas, alemás, francesas e outras europeas con países do Pacífico multiplicáronse no segundo semestre deste ano e mesmo Vietnam, por primeira vez desde a súa guerra, foi copartícipe dun destes operativos. O máis longo durou 40 días, comezou a fins de xuño e tivo lugar nas augas que rodean a Hawai dirixido por EEUU con 32 buques de guerra, 5 submarinos, máis de 170 avións e 20.000 efectivos de Australia, Canadá, Chile, Colombia, Corea do Sur, Francia, Indonesia, Xapón, Malaisia, os Países Baixos, Perú, Singapura e Tailandia. Avanzan as alianzas militares do Pentágono con países africanos. O imperio está lonxe de ficar durmido, pero quen sabe cando e como será o seu verdadeiro espertar.

 

[Artigo tirado do xornal arxentino ‘Página 12’, do 21 de novembro de 2010]

cig.prensa@galizacig.com