
A recente decisión norteamericana de desvalorizar a súa moeda nacional non é nova nin sorprendente. Como tampouco, a transferencia dos seus custos para o resto da economía mundial, e en forma particular, para a periferia monetario-financeira do sistema.
Os Estados Unidos xa fixeron o mesmo en 1973 cando abandonaron o sistema de Bretton Woods, provocando a primeira gran recesión mundial posterior á Segunda Guerra. As analoxías históricas son perigosas e deben ser utilizadas con cautela, pero non hai dúbida de que a situación e o comportamento actual dos EE.UU. son moi parecidos ao que ocorreu na década de 1970.
Como daquela, unha vez máis, os Estados Unidos están inmersos nunha guerra sen solución e enfrontan unha grave crise económica. E ao mesmo tempo, o seu establishment está tocado e a súa sociedade atravesa unha crise política que podería prolongarse por moito tempo. E unha vez máis, os EE.UU. optaron por unha resposta estratéxica que combina a manipulación do dólar cunha "escalada" da súa presenza militar ao redor do mundo. E non é imposíbel que aínda realicen un acordo estratéxico con Rusia e un "acordo de paz" con Irán, involucrando a toda o Asia Central. E que adopten, novamente, a estratexia do "dólar forte" do final dos anos 70.
Porén, é obvio que existen algunha diferenzas fundamentais: por exemplo, a relación económica dos Estados Unidos con China é totalmente diferente da relación que EE.UU. tivo coa URSS, e no século pasado non había ningún país -nin a Comunidade Europea- con forza para contestar ou resistir as decisións de política monetaria norteamericana.
Por iso, non é doado de prever o futuro das novas iniciativas estratéxicas dos Estados Unidos, pero certamente non é necesario que os países latinoamericanos repitan os mesmos erros que conduciron ao seu estancamento económico e ao retroceso neoliberal dos anos 80 e 90 do século XX.
O futuro está aberto e existen múltiples alternativas sobre a mesa, pero neste momento é necesario que os gobernantes teñan unha visión estratéxica que transcenda o debate puramente económico, cuns argumentos e alternativas fundamentais que se repiten hai case 200 anos. A falta desta visión máis ampla é a que explica a repetición -como na década dos 70- dalgunhas propostas absolutamente inxenuas ou inviábeis, dentro do sistema político-económico mundial en que vivimos. Como é o caso, por exemplo, de decretar a fin da hexemonía do dólar, ou de crear unha nova moeda supranacional; ou mesmo, de establecer unha meta fixa e consensuada para os desequilibrios das contas correntes nacionais; ou aínda peor, de volver ao patrón ouro ou delegar ao FMI a función de goberno monetario do mundo. Sen falar dos que cren que os Estados Unidos e China poidan cambiar as súas políticas económicas nacionais por mor da "presión amiga". Propostas e expectativas que pecan polo descoñecemento ou a negación ideolóxica dalgúns aspectos centrais da economía política da moeda dentro do sistema interestatal e capitalista.
Así, por exemplo:
I.- Co descoñecemento ou negación de que as moedas soberanas non son só un "ben público". Envolven relacións sociais e de poder entre os seus posuidores, entre acredores e debedores, entre aforradores e investidores, e así cara a adiante. E por atrás de toda moeda e de todo sistema monetario se agocha e reflicte sempre unha determinada ecuación e correlación de poder, nacional ou internacional.
II.- Co descoñecemento ou negación de que as moedas de referencia internacional non son só unha opción dos mercados. Son produto dunha longa loita de conquista e dominación de territorios supranacionales e un instrumento estratéxico do poder dos seus Estados emisores e dos seus capitais financeiros.
III.- Co descoñecemento ou negación de que neste sistema interestatal a contradición implícita no uso de moedas nacionais como referencia internacional, é unha contradición co-constitutiva e inseparábel do propio sistema. A moeda pode mesmo cambiar, pero a regra seguirá sendo a mesma, co Yuan, o Yen, o Euro ou o Real, tan ten.
IV.- Para rematar, co descoñecemento ou negación de que forma parte do poder do emisor da "moeda internacional" transferir os custos dos seus axustes internos, para o resto da economía mundial e, en particular, para a súa periferia monetario-financeira. Comprendendo aos seus gobernantes a opción de dar as súas respostas soberanas.
Non é dodado pensar un sistema onde non existe ningunha posibilidade de equilibrio estábel. Pero un estadista non pode descoñecer que dentro do "sistema interestatal capitalista" endexamais haberá equilibrio estábel, nin coordinación política permanente.
[Artigo tirado do sitio web ‘Sin Permiso’, do 19 de decembro de 2010]