Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
Servizos públicos: 1 por 10, a taxa de reposición

Cada 10 médicos e médicas que se xubilen, só serán substituídos por un. Cada dez bombeiros e bomberas só serán substituídos por un. Cada dez mestres e mestras, cada dez profesores e profesoras, só serán substituídos por tres. Así se consolida a privatización da sanidade pública. Así se consolida a privatización da educación pública. Así se consolida o desmantelamento e privatización dos servizos públicos. Esta é a forma de desmontar a educación pública, a sanidade pública, os servizos públicos.

 Esta redución de persoal nos servizos públicos xa empezou en 2008. Cando nos decatemos e reaccionemos, será xa tarde. Empezaremos a protestar pola falta de profesionais da medicina para a atención primaria e pediátrica, a falta de especialistas nos hospitais públicos, as longas colas e tempos de espera que aumentarán cada vez máis porque non dan abasto coa demanda, a redución do tempo de atención a cada paciente porque teñen moitos en lista de espera... Mentres, as empresas da sanidade privada fregan as mans, vendo que o suculento anaco do pastel que se están levando vai aumentar máis aínda.

 Esta estratexia, abandeirada por algunhas comunidades autónomas, de deteriorar os servizos públicos, para que a cidadanía empece a recorrer aos servizos privados (quenos poidan pagar), é unha forma de se desfacerdo público, privatizando o Estado de Benestar. Pero a pregunta que habería que se facer é: se o Estado e as Administracións públicas non garanten os servizos públicos, se non os prestan, para que serven, se esta é a súa finalidade fundamental?

 Cando desde todos os ámbitos se proclama que a educación é o mellor investimento e un instrumento imprescindíbel para combater os peores efectos da actual crise económica, impor novos recortes é unha mostra máis de que tales proclamas son pura retórica e de que a educación pública non é unha prioridade política para PSOE e PP.

 Porque esta taxa de reposición en educación é un novo asalto á educación pública, privándoa do persoal docente necesario para manter, cando menos, a calidade da atención educativa que precisan os nosos escolares. Chega ademais no peor dos momentos, cando os resultados educativos no noso país seguen sendo moi insatisfactorios, especialmente entre a poboación con menores recursos, polo que esta medida o que contribúe é a reforzar as desigualdades sociais.

 Este tipo de recortes tradúcense no incremento do número de interinos e interinas, é dicir, de profesorado en situación provisional e precaria, co consecuente aumento da inestabilidade do profesorado e dos equipos docentes. Tradúcese igualmente nunha redución pura e dura do número de profesorado, que ten o seu inmediato reflexo no empeoramento das súas condicións e da calidade do ensino, ao ter que concentrar e aumentar aínda máis o número de alumnado por grupo.

 Cando se concentra o alumnado nas aulas, o profesorado vese obrigado a volver á clase maxistral, a non poder personalizar o proceso educativo, a non poder atender a diversidade, a ter que estar máis pendente da disciplina que da aprendizaxe, é dicir, a converter os centros en espazos de contención e de control, no canto de lugares de aprendizaxe e desenvolvemento persoal. Isto xera unha progresiva deterioración dos centros públicos, que fai que as familias empecen a mirar aos centros privados e concertados, para os que non hai reducións de achegas de diñeiro público. Ao revés, Comunidades Autónomas do PP, de CiU, mesmo do PSOE, están incrementando o financiamento da educación privada-concertada.

 É inmoral esta política social e económica do actual goberno do PSOE, que aproveitaron as Comunidades Autónomas do PP para pisar o acelerador da súa política habitual de privatizacións. É obsceno seguir recortando en alicerces básicos do Estado do benestar, como a educación ou a sanidade, antes que renunciar a investimentos “glamourosos” e de escasa rendibilidade social, por exemplo o AVE. Só co que custou un dos tramos do AVE non faría falta recortar en sanidade nin educación, denuncia o catedrático de Economía Germà Bel. Renfe pode dicir que o ano pasado gañou 2,5 millóns de euros porque non paga nada dos trens, xa que llos regala o Goberno. É dicir, que o mesmo Goberno que recorta en educación regala os AVE a unha empresa privada.

 Todos os estudos realizados, como explica o catedrático Vicenç Navarro, amosan sobradamente que son os investimentos nos servizos do estado de benestar as que crean o máximo número de postos de traballo no mínimo de tempo e que tales empregos son os que benefician ao maior número de persoas posíbel. Comparando a creación de emprego en infraestruturas físicas e en investimentos verdes coas creadas en investimentos sociais, como centros de infancia, servizos domiciliarios a persoas dependentes, servizos sanitarios ou servizos educativos, estes últimos son os que crean máis emprego, e fornecen de servizos que benefician a un número maior de persoas.

 A mesma cantidade de diñeiro público que crea 556.000 postos de traballo en infraestruturas físicas, crea 1.2 millóns nos servizos do estado de benestar. Estes datos son especialmente relevantes para o Estado español onde se está seguindo unha política errónea de redución do emprego público e de gasto público, desaproveitando a oportunidade creada pola crise de corrixir o enorme déficit de emprego público nos servizos do estado do benestar. O Estado español é o país da UE.15 co número máis baixo de emprego público (6.5 empregos públicos por 100 habitantes, moi inferior a 14 en Suecia, 10 en Francia, 17 en Dinamarca e 12 en Finlandia.

 Tal creación de emprego público debería financiarse a base de aumentar os impostos dos grupos que se beneficiaron máis nos anos de exuberancia dos beneficios bancarios e empresariais e das rendas superiores.

 A taxa de reposición é, pois, parte da resposta neoliberal á crise, promovida sobre todo pola banca e polos partidos conservadores, liberais e socialdemócratas, que prioriza a redución do déficit e da débeda, fronte á que debería promoverse favorecendo a creación de emprego, incluíndo emprego público, a fin de diminuír o desemprego, unha das causas da falta de recuperación económica.         

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 20 de xaneiro de 2011]

cig.prensa@galizacig.com