A crise descarga o seu peso sobre os traballadores, en EEUU e en Europa, e actúa como unha gran chantaxe exercida polo capital contra o traballo e o conxunto social. É unha chantaxe que enarboran os organismos internacionais coas súas receitas de axuste e liberalización da economía. Dese xeito, a crise utilízase como escusa para avanzar na ofensiva liberalizadora dos capitais máis concentrados.
Un dos impactos máis crus da crise da economía mundial mídese en termos de empregos perdidos, redución dos salarios e deterioración das condicións de vida dos traballadores e as súas familias.
É un tema que se constata na evolución do desemprego estadounidense que pasou do 6% ao 10% nos últimos dous anos, os da crise, e a pesar da recuperación e saída da recesión a finais do 2009. O avultado rescate estatal en EEUU tivo destino en grandes empresas con problemas económicos e financeiros, que utilizaron os fondos para promover o axuste no interior das empresas, pechando sucursais, talleres, plantas industriais, oficinas e salóns de venda; botando persoal, negociando redución de ingresos e perdas de dereitos laborais; aínda que tamén se derivaron recursos do rescate para asegurar importantes ingresos dos principais executivos das grandes empresas en problemas. Despois da recesión dun ano e con dúbidas dunha recidiva, a variábel de axuste son os traballadores e as súas familias, cun Estado que inclinou a balanza en favor das empresas, os executivos e os empresarios.
Pero non é só EEUU, no Estado español co seu 20% de desemprego, uns 4 millóns de persoas, nun país que era visibilizado como o milagre contemporáneo, ponse de manifesto o mesmo proceder e resultado. Era un país que saíra da marxinalidade europea grazas á potenciación da integración no vello continente e a lubricación dun mercado inmobiliario alentado polas finanzas continentais. Agora, descargando a crise sobre os traballadores españois, o capitalismo europeo pretende diluír unha crise profunda que afecta tamén a Grecia, a Portugal, a Irlanda, países que están colocados na vidreira da crise. Claro que non sempre o fenómeno expresa a esencia, e detrás dos estados endebedados están os prestamistas: a banca francesa e alemá. Por iso, a crise non é só da periferia europea, dos PIGS (por Portugal, Irlanda, Grecia e España), senón do centro bancario e económico da Europa Unida: Francia e Alemaña. Europa non está fóra da crise e os que pagan son os traballadores. Esa é a razón dunha conflitividade visíbel co paro e mobilización dos traballadores gregos, en contraste coa negociación salarial á que empurran as centrais sindicais dos países de Europa que subordinan a demanda salarial á chantaxe empresarial da crise.
O feito é que a crise descarga o seu peso sobre os traballadores, en EEUU e en Europa, e actúa como unha gran chantaxe exercida polo capital contra o traballo e o conxunto social. É unha chantaxe que enarboran os organismos internacionais coas súas receitas de axuste e liberalización da economía. Dese xeito, a crise utilízase como escusa para avanzar na ofensiva liberalizadora dos capitais máis concentrados. Mentres se afectan ingresos e condicións de vida da poboación traballadora realízase un traballo ideolóxico sobre o conxunto da sociedade para lexitimar os axustes regresivos.
Pola casa como andamos?
O interrogante é se ocorre algo distinto na nosa rexión e especialmente na Arxentina. Un argumento xeneralizado é que as políticas activas dos Estados veñen soster o nivel de actividade, evitar a recesión e cando se produce, saír rapidamente dela. É o argumento usado en EEUU para xustificar o rescate de empresas, e ao contrario, sostense, estarase peor. É un discurso que merece ser discutido para pensar se calquera modelo produtivo, ou calquera tipo de sostemento do nivel de actividade é o acaído para unha calidade de vida que asegure soberanía alimentaria, enerxética, ou financeira.
No noso país insístese no impulso a políticas activas para escaparlle á recesión, logo dun 2009 onde o ritmo de evolución da economía cambiou de signo. Entre 2003 e 2008 verificouse un importante crecemento. Os valores reducidos de crecemento para o 2009 son considerados un logro nas condicións da crise. O certo é que no ciclo expansivo houbo crecemento e polo tanto ampliación do emprego, pero paga a pena interrogarse sobre ese crecemento e sobre o tipo de emprego. Conveñamos que boa parte do crecemento se mide en toneladas de soia, ou produción dunha crecente explotación mineira ao descuberto, con efectos no medio ambiente, a utilización de tóxicos e cantidades moi importantes de auga doce. Houbo un crecemento explicado na expansión do automotor e a súa cultura contaminante, tema de discusión irresolta en Copenhague. A construción explica boa parte do crecemento e se no país non houbo crise inmobiliaria ou hipotecaria está máis baseada nos límites do crédito que en méritos do sistema bancario ou a política financeira.
Ese é o crecemento que se require? Ou pensando en termos soberanos requírese volver sustentar o privilexio dos valores e formas de desenvolvemento da agricultura familiar, o abastecemento para consumo das persoas no país e a rexión, aínda que claro, tamén do mundo. Iso supón a produción e uso soberano da enerxía, recuperando empresas privatizadas ou xerando novas entidades estatais e/ou asociadas aos interesados, tanto traballadores como consumidores ou usuarios. Todo o dito se sostén nun momento de liquidez financeira nacional e rexional que permite pensar unha nova arquitectura financeira rexional para un desenvolvemento produtivo alternativo.
Pero o tema non é só o crecemento, senón o tipo de ingresos que ese crecemento xerou e o seu correlato en desigualdade. É certo que Arxentina mellorou os seus indicadores respecto do pico da crise en 2002, pero non os mellorou estruturalmente con respecto á situación dos 90, ou dos 80. A mellora relativa a curto prazo embázase a longo prazo, porque o papel dos traballadores, os seus ingresos e a súa organicidade (mellor sería “falta de organicidade”) é funcional ao tipo de relación que moldeou o capital desde os tempos da ditadura. A relación entre patronais e traballadores cambiou substancialmente desde mediados dos 70, terrorismo de estado mediante, e é unha lectura que non é só para a Arxentina, é tamén extensíbel para a rexión sudamericana e para o capitalismo contemporáneo que está materializando na presente crise os obxectivos da ofensiva do capital implementada baixo o símbolo das políticas neoliberais, a cara contemporánea da explotación.
O certo é que a crise capitalista en curso significa un novo e duro golpe para os traballadores no mundo. Non só se trata de 50 millóns de novos desocupados, senón dun chanzo máis na ofensiva liberalizadora do capital. É un fenómeno que avanza sobre a desorganización sindical e política do movemento de traballadores. Iso representa un desafío para os traballadores que non se pode resolver coas armas e argumentos propios dun capitalismo de pleno emprego e políticas estatais de “benestar”. O Estado capitalista na crise xoga para reestablecer o réxime do capital, que hoxe demanda axuste regresivo e liberalización afectando continuamente os intereses dos traballadores. A subordinación do Estado ao capital necesita ser cuestionada polos traballadores para que a crise deixe de ser unha chantaxe e se transforme en oportunidade para os cambios de sistema de produción e o obxectivo de satisfacer necesidades populares.
[Artigo tirado do sitio web ‘Argenpress’, do 1 de marzo de 2010]