Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
22/4/2009
Director do Le Monde Diplomatique e profesor da teoría da comunicación na Universidade Denis-Diderot (París VII). Cofundador de Attac e de Media Watch Global.
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A nova América do Sur
O mandatario venezolano Hugo Chávez fai entrega ao presidente norteamericano Barack Obama dun exemplar do libro "As veas abertas de América Latina" do escritor uruguaio Eduardo Galeano, no transcurso da realización do Cumio das Américas.

Cando no resto do mundo, e moi particularmente en Europa, as esquerdas, afastadas das clases populares e comprometidas co modelo neoliberal causante da crise actual, parecen esgotadas e desprovistas de ideas, en América do Sur, estimuladas pola poderosa enerxía do movemento social, os novos socialistas do século XXI rebordan de creatividade política e social.

No Salvador, a recente vitoria de Mauricio Funes, candidato da Fronte Farabundo Martí para a Liberación Nacional (FMLN), ten un triplo significado. Por primeira vez, a esquerda consegue arrebatarlle o mando á dereita dura que dominara sempre este país desigual (o 0,3% dos salvadoreños acapara o 44% da riqueza), con máis dun terzo dos habitantes baixo o limiar de pobreza e outro terzo obrigado a emigrar a Estados Unidos.

Este éxito electoral demostra, ademais, que o FMLN tivo razón ao abandonar, en 1992 e no contexto do fin da guerra fría, a opción guerrilleira (logo dun conflito de doce anos que causou 75.000 mortos), e ao adoptar a vía do combate político e das urnas. A estas alturas, nesta rexión, un movemento guerrilleiro armado está fóra de lugar. Ese é a mensaxe subliminar que transmite, en particular ás FARC de Colombia, esta vitoria do FMLN.

Para rematar, confirma que os ventos favorábeis ás esquerdas seguen soprando con forza en América do Sur(1). Desde a histórica vitoria de Hugo Chávez en Venezuela hai dez anos, que abriu o camiño, e malia as campañas de terror mediático, máis dunha decena de Presidentes progresistas foron elixidos por voto popular con programas que anuncian transformacións sociais de gran amplitude, redistribución máis xusta da riqueza e integración política dos sectores sociais até o momento marxinados ou excluídos.

Cando no resto do mundo, e moi particularmente en Europa, as esquerdas, afastadas das clases populares e comprometidas co modelo neoliberal causante da crise actual, parecen esgotadas e desprovistas de ideas, en América do Sur, estimuladas pola poderosa enerxía do movemento social, os novos socialistas do século XXI rebordan de creatividade política e social. Estamos asistindo a un renacemento, a unha verdadeira refundación dese continente e ao acto final da súa emancipación, iniciada hai dous séculos por Simón Bolívar e os Libertadores.

Aínda que moitos europeos (mesmo de esquerdas) sigan a ignoralo -por mor da colosal muralla de trolas que os grandes medios de comunicación edificaron para ocultalo-, América do Sur converteuse na rexión máis progresista do planeta. Onde máis cambios se están producindo en favor das clases populares e onde máis reformas estruturais están sendo adoptadas para saír da dependencia e do subdesenvolvemento.

A partir da experiencia da Revolución Bolivariana de Venezuela, e co impulso dos presidentes Evo Morales de Bolivia e Rafael Correa de Ecuador produciuse un espertar dos pobos indíxenas. Así mesmo, estes tres Estados dotáronse significativamente, por vía de referendo, de novas Constitucións.

Removida nos seus alicerces por ventos de esperanza e de xustiza, América do Sur deu tamén un rumbo novo ao gran soño de integración dos pobos, non só dos mercados. Ademais do Mercosur, que agrupa os 260 millóns de habitantes de Brasil, Arxentina, Paraguai, Uruguai e Venezuela, a realización máis innovadora para favorecer a integración é a Alternativa Bolivariana para os Pobos da nosa América (ALBA). Os seus membros (2) conseguiron unha estabilidade que lles permitiu consagrarse á loita contra a pobreza, a miseria, a marxinalidade, o analfabetismo, para asegurar aos cidadáns educación, saúde, vivenda e emprego dignos. obtiveron así mesmo, grazas ao proxecto Petrosur, unha maior cohesión enerxética e tamén un aumento significativo da súa produción agrícola para avanzar cara á soberanía alimentaria. Grazas á creación do Banco do Sur e dunha Zona Monetaria Común (ZMC), progresan igualmente cara á creación dunha moeda común que podería ter por nome o sucre (3).

Varios Gobernos sudamericanos (4) deron, o 9 de marzo pasado, un paso máis que parecía inconcibíbel: decidiron constituír o Consello de Defensa Sudamericano (CDS), un organismo de cooperación militar creado a través da Unión de Nacións Suramericanas (UNASUR), organización fundada en Brasília en maio de 2008.

Grazas a estes recentes instrumentos de cooperación, a nova América do Sur acode máis unida que nunca á súa gran cita con Estados Unidos no Cumio das Américas que se celebra en Puerto España (Trindade e Tobago) do 17 ao 19 de abril. Alí, os mandatarios sudamericanos debaterán co novo presidente estadounidense, Barack Obama, quen exporá a súa visión das relacións cos seus veciños do sur.

Na súa recente visita a Washington, o Presidente de Brasil, Luiz Inácio Lula da Silva, pediulle a Obama que levantase por completo o embargo económico contra Cuba, argumentando que é algo ao que se opoñen todos os países da rexión (5). O pasado 11 de marzo, Washington anunciou que os cubanoamericanos poderán visitar a quen desexen na illa unha vez ao ano e permanecer nela tanto tempo como queiran. Aínda que durante a súa campaña electoral, Obama prometeu manter o embargo parece que se aveciña unha era de achegamento entre A Habana e Washington. Xa era hora. Queda pendente normalizar tamén as relacións con Venezuela e Bolivia. Máis amplamente, Wáshington debe admitir que aquilo do "patio traseiro" pasou á historia. Que os pobos de América do Sur se puxeron en marcha. E que, esta vez, non se deterán.

______________________________________________________________________

Notas:

(1) O concepto de América do Sur, do que se proclama partidario o bolivarianismo venezolano, pasa o de "América Latina". Porque recoñece a participación das nacións indíxenas e dos afrodescendentes; e abrangue a países e territorios a "latinoamericanidade" dos cales segue sendo cuestionada. Noutras palabras, o concepto tradicional de "América Latina" queda curto para definir o espazo sudamericano como conxunto de realidades, desde Río Grande e o Caribe ata a Tierra de Fuego.

(2) Bolivia, Cuba, República Dominicana, Fonduras, Nicaragua e Venezuela (Ecuador é país observador).

(3) Sistema Único de Compensación Rexional.

(4) Arxentina, Bolivia, Brasil, Colombia, Chile, Ecuador, Güiana, Paraguai, Perú, Surinam, Uruguai e Venezuela.

(5) Costa Rica e O Salvador, os dous únicos países da rexión que non tiñan relacións diplomáticas coa Habana, anunciaron en marzo pasado a súa decisión de restablecelas.

______________________________________________________________________

[Artigo tirado da edición española de ‘Le Monde Diplomatique’, núm. 162, de abril de 2009]

cig.prensa@galizacig.com