Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
22/4/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A trama imperial contra Cuba

A persistencia da campaña mediática que axitan Washington e os seus asociados no mundo contra Cuba non é nada nova, xa que se mantén sen pausa desde hai medio século, pero o despregamento actual, utilizando o control que exercen sobre os medios de comunicación masivos, ten varios obxectivos, entre eles, debilitar o apoio internacional logrado polo goberno cubano nos últimos tempos, que permitiu un respiro no illamento brutal, así como “acurralar” os indecisos no campo dun “progresismo” cuxa cooptación cultural se produciu no escenario de furacán neoliberal dos anos 90 e as súas “tentadoras” ofertas, entre outros.

Medorentos estes de perder o terreo “gañado”, que lles supón éxitos, recoñecementos e “benestar” se permanecen nos límites admitidos polo sistema, ou intimidados os “confusos”, tanto o silencio como algúns comentarios destes sectores, é “ouro en po” para o proxecto de recolonización rexional, ante o cal a existencia de Cuba, a súa irradiación, exemplo e valores é un escollo insalvábel.

Canto máis se estenda o poder da campaña, estiman que máis doados serán os argumentos para os vellos proxectos da “transición” imaxinada polos falcóns de Washington, que no caso cubano proxectan como unha intervención directa, disfrazada de “invasión humanitaria” ou “antiterrorista” despois de que este país fose colocado na última ?lista negra?.

Sen esta campaña mediática, acompañada por outras temíbeis accións secretas, non se podería soster a ofensiva destinada a “gañarse” xa non só ás dereitas internacionais, senón a sectores considerados noutros tempos “progresistas moderados” ou polo menos indiferentes.

É evidente tamén o acoso e a presión supostamente “moral” sobre os gobernos da rexión, que ao non actuar contra Cuba nestas circunstancias corren o risco de que os declaren “cómplices” dos inimigos de Estados Unidos.

Así mesmo esta campaña pódese ler como unha desesperada resposta do imperio ás resolucións maioritarias en diversos organismos internacionais, e especialmente na contorna do novo mapa latinoamericano, que demandaron a fin do bloqueo contra a illa (en realidade un sitio establecido como acto de guerra), a súa inclusión xunto ao resto dos países, como sucedeu co voto polo reingreso á Organización de Estados Americanos (OEA) e a fin da política terrorista e de inxerencia de Estados Unidos cara a ese país. Ademais intentan debilitar a participación activa dos funcionarios cubanos respectada nos organismos de integración.

Os sucesos dos últimos tempos evidenciaban un rexeitamento definido á política estadounidense contra Cuba, que se incrementou despois de que a guerra ilegal contra a ex Iugoslavia, a invasión e ocupación de Afganistán e Iraq- causantes do primeiro xenocidio do século XXI- non deixou lugar a dúbidas de que o anunciado por George W.Bush despois de setembro de 2001, ao declarar unha guerra infinita, sen límites, sen fronteiras e sen regras, descoñecendo toda legalidade internacional, nos ameazaba a todos.

Aínda que mediante as ditaduras dos anos 70 en América Latina se executou o que chamaron unha “limpeza a fondo” dentro do esquema da estadounidense Doutrina de Seguridade Nacional, asasinando e facendo desaparecer as direccións das distintas resistencias, desde finais dos anos 90, entenderon que o derrubamento da Unión Soviética non acabou con Cuba nin cos soños de liberación e independencia do continente.

Pero por outra banda a súa política de destrución masiva aplicada coas receitas neoliberais dos anos 90, deixaron a millóns de seres humanos botados nos arrabaldes da exclusión absoluta.

Como unha lóxica contradición xurdiron novos suxeitos resistentes, por fóra das canles e límites impostos. Unha mobilización social única no mundo espertou a todo o continente e expresouse mesmo dentro das propias marxes trazadas polo sistema.

O que sorprendeu a Estados Unidos nos seus plans dos 90 foi a urxencia deses novos suxeitos sociais xurdidos da resistencia á ditadura neoliberal dos 90 que crearon mecanismos novos e tiñan un baseamento histórico -en todos os casos- nas loitas liberadoras do século XX. E chegaron gobernos impensábeis, fóra de toda a lóxica envellecida e fundamentalista do proxecto imperial.

América Latina rexurdiu con novidades tales como novos pensamentos contrahexemónicos, que curiosamente repetían o enfrontamento de finais do século XIX e comezos do XX. Por unha banda a Doutrina Monroe de 1823, que excluía a todo outro proxecto colonial porque “América era para os americanos (norteamericanos)”. E pola outra, a resposta da unidade continental do libertador Simón Bolivar para enfrontar o novo colonialismo.

Foron as novas construcións políticas do continente, de pobos e gobernos as que nos últimos tempos se converteron na vangarda mundial no terreo dunha diplomacia de enfrontamento coa potencia hexemónica, e mesmo de desobediencia, e a fortaleza do goberno revolucionario, o que rompeu o illamento do pobo cubano e enfureceu a Washington.

Isto desbordou os esquema das “novas democracias de seguridade” que se proxectaron nos anos 90, co Consenso de Washington e o impulso da renovada Guerra de Baixa Intensidade, estendendo o campo da contrainsurxencia a todos os sectores da sociedade, adiantando así as respostas que se darían aos inevitábeis conflitos dos anos 2000.

Os expertos estadounidense deseñaron democracias controladas, congresos e xustiza controlados, e a construción dun esquema militar de “protección” a este proxecto que dislocou o Comando Sur da Zona da Canle de Panamá, para sementalo en todo o continente.

Diso se trata o actual avance na militarización co aumento das bases xa existentes en Colombia -agora admítense sete, sen contar outras instalacións- ou o caso de Panamá, que a finais de 1999 festexaba a saída do Comando Sur e agora converterase nun virtual enclave colonial mediante o asinamento dun acordo entre Washington e presidente-empresario, Ricardo Martinelli pactado en setembro de 2009 para estabelecer bases e outras instalacións sobre o Atlántico e o Pacífico cercando ese país.

A isto hai que engadir existencia doutras bases, radares e instalacións diversas en América Latina e o Caribe. A ocupación militar de Haití estaba prevista claramente nos proxectos para “unha transición” en Cuba. Abonda con lembrar as propostas do xeneral Collin Powell nos anos 2004-2005, en relación con establecer unha “rampla” en Haití para completar o cerco de Cuba e o trazado xeral de militarización rexional.

O terremoto en Haití, que deixou máis de 200.000 mortos, foi a escusa para enviar miles de marines a ese país e anunciar a súa permanencia durante “longo tempo” nunha verdadeira ocupación.

Todo iso e moito máis está detrás desta campaña, que fracasou nalgúns dos nosos países, e puido concentrar os seus maiores ataques nunha Europa englobada no exercicio globalizador da gran potencia.

Os mesmos “expertos” de política exterior estadounidense, que xa nin sequera se renovan entre unha administración e outra, estiman que a revolución cubana é a inspiración destes cambios en América Latina e que ten un forte ascendente sobre todos os movementos de resistencia. Pensan que apagando a chama apagan o lume.

Fronte a algúns “analistas” que falan de que América Latina é un tema “secundario” para Estados Unidos abondaría con lles lembrar que a avanzada en todos os terreos, incluíndo o militar que se escenificou nos últimos anos, é a máis dura e violenta que se rexistre desde a expansión.

Por unha banda a invasión silenciosa da rede de Fundacións da CIA estadounidense e as súas Organizacións Non Gobernamentais(ONG) distribuídas por todos os nosos países, que traballan na construción dunha nova dereita, que en realidade son fragmentos da vella, e pola outra o plan para estabelecer as “democracias de seguridade” nas cales Washington exerza o control dos congresos, vía corrupción ou o que sexa e tamén dos resortes da xustiza que é o que estamos vendo no golpe en Honduras do 28 de xuño de 2009.

Por iso os escribas do imperio como o peruano Mario Vargas Llosas son instruídos para acosar e intentar “avergoñar” a gobernos e sectores políticos e sociais que non comparten a campaña de guerra sucia contra Cuba.

É evidente o acoso de Washington a través dos medios para lograr que os gobernos debiliten o seu apoio a Cuba. Do mesmo xeito trabállase no ataque cada vez máis agresivo contra a figura do presidente de Venezuela, Hugo Chávez.

O sinal de maior debilidade que pode dar un político progresista ou que se define como de esquerda en América Latina é ceder nestes tempos á chantaxe de Wáshington manipulado polas pobres dereitas continentais, ideoloxicamente incapaces, que só funcionan polo estímulo económico externo.

Tamén desde Washington chegan as ordes ás organizacións políticas dependentes para que esixan aos seus afiliados pronunciarse contra “a violación dos dereitos humanos en Cuba” e en apoio ás “ Damas de Branco”, as mesmas que marcharon “brancamente” acompañadas por un dos terroristas máis temíbeis da rexión como Luis Posadas Carrilles, cunha historia delituosa de morte e destrución Cuba e América Latina que coñecen á perfección.

Que o presidente Barack Obama anuncie publicamente a axuda directa a quen “loite pola liberdade de Cuba” é unha acción de extrema violencia e intervencionismo. O goberno que mantén un sitio criminal contra o pobo cubano oferece diñeiro a cubanos para traizoar ao seu país. Esta é a verdadeira síntese.

Non teñen argumentos reais para actuar contra Cuba, que non é nin un estado “falido” en caos, nin un estado “canalla” que ameace a seguridade estadounidense. Pero Cuba é o punto álxido onde se pon a proba a América Latina para saber se os gobernos que desafían a Washington en varios aspectos están dispostos a seguir comportándose soberanamente e canto se logrou na cooptación doutros sectores.

[Artigo tirado do sitio web cubano ‘Cuba Debate’, do 21 de abril de 2010]

cig.prensa@galizacig.com