Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
22/5/2008

Nado en 1943 en Alemaña, é sociólogo e analista político. Desde 1977 é profesor de socioloxía e metodoloxía na Universidade Autónoma Metropolitana de México (UNAM). Estudoso dos movementos sociais e da política en Latinoamérica, é un dos referentes teóricos da esquerda transformadora de tradición marxista. Súas son boa parte das bases teóricas do “Socialismo do século XXI”. É asesor gobernamental do goberno bolivariano de Venezuela.

Entre os seus libros, pódense salientar: Las guerras del capital. De Irán a Sarajevo, La aldea global (con Noam Chomsky), El fin del capitalismo global, Cuba ante la razón cínica ou Hugo Chávez y el socialismo del siglo XXI.

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
América Latina: Washington inicia o xaque mate contra Hugo Chávez e Rafael Correa
Rolda de prensa conxunta do presidente venezolano Hugo Chávez e o ecuatoriano Rafael Correa, realizada en febreiro de 2008.
1. O escenario do xaque mate

Washington chegou á conclusión de que: 1. as Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia (FARC) perderon a súa capacidade operativa; 2. que logrou neutralizar o goberno de Evo Morales coa creación dun Estado paralelo nas catro provincias da “Nación Camba”; 3. que os seus éxitos en Colombia e Bolivia lle proporcionaron o escenario para iniciar o xaque mate contra os gobernos de Hugo Chávez e Rafael Correa. Esta é a razón das crecentes provocacións militares das tropas de Uribe, dos militares estadounidenses no Caribe e da reactivación da Cuarta Flota Imperial.

2. Elemento estratéxico do “plan mestre”: a neutralización das FARC

A estratexia de Washington para destruír as forzas de liberación latinoamericanas foi flexíbel, integrando novos desafíos na medida en que se presentaban, superando derrotas parciais e levando a contenda hemisférica cara ao campo que lle convén, o propagandístico-militar.

O punto de partida do plan foi a destrución das forzas guerrilleiras en Colombia. A Guerra do Alto Cenepa entre Ecuador e Perú (1995) permitiulle a Washington dar o primeiro gran paso ao respecto, ao desprazar o centro de gravitación das FFAA do Ecuador cara á fronteira con Colombia, para ser a engra contra o cal o martelo das Forzas Armadas colombianas-estadounidenses-israelís ía destruír as FARC e o ELN. Este triunfo imperial complementouse co Plan Colombia, en 1999, e a instauración no poder do “Señor das Sombras”, Álvaro Uribe, en 2002.

3. O fracasado golpe militar en Venezuela cataliza a agresión imperialista

Cando Hugo Chávez chegou á presidencia en Venezuela e demostrou que non ía acomodar o seu proxecto nacional aos intereses oligárquico-imperiais, converteuse no segundo branco estratéxico de Washington en Terra Firme. A decisión que tomou a Casa Branca foi, removelo nun prazo de dous a tres anos mediante un golpe de estado. Ao fracasar o coup d’etat de abril de 2002, a estratexia de destrución foi reformulada cun maior horizonte de tempo.

O fracaso en Caracas fixo máis imperioso a destrución das FARC, porque Colombia só serve de plataforma de agresión militar -segundo o modelo de destrución do Sandinismo desde Honduras- sen columnas guerrilleiras na súa retagarda. Por iso é polo que a Casa Branca proxectou a neutralización da capacidade operativa das FARC en torno ao ano 2007-2008, para desatar unha ofensiva xeneralizada contra Chávez e as forzas bolivarianas, a partir do 2008-2009.

4. Evo Morales e Rafael Correa desafían o plan mestre

Cando Evo Morales asume a presidencia en Bolivia en xaneiro do 2006 e comeza a practicar o proxecto do desenvolvismo nacionalista-rexional democrático de Hugo Chávez, convértese no terceiro branco estratéxico de Washington. Do mesmo xeito que en Venezuela co plan orixinal do golpe, Washington pretende liquidar o novo goberno boliviano en apenas dous a tres anos e lógrao pola vía do separatismo, do cabalo de Troia da Asemblea Constituínte e a formación da CONFILAR.

Repítese o patrón de actuación imperialista coa chegada ao poder de Rafael Correa, en xaneiro do 2007. As puntas de lanza que mobiliza o imperialismo na súa contra, son a oligarquía de Guayaquil, onde se fundou a CONFILAR (2006), e o descontento do movemento indíxena organizado na CONAIE. Washington calcula que contra finais do 2008, inicios do 2009, se poderán ver os primeiros debilitamentos do goberno, causados pola súa política de desestabilización.

5. O software decide a batalla por América Latina

A hipótese do Pentágono é que a perda de capacidade operativa das FARC e de Evo Morales son irreversíbeis, situación que permite desatar xa a subversión paramilitar-militar desde Colombia, e a militar desde a Cuarta Flota estadounidense, contra Venezuela e Ecuador.

Da validez deste suposto depende, en gran medida, o futuro do proxecto bolivariano de América Latina. É posíbel razoar que a crise estrutural das FARC é comparábel á crise estrutural da Fronte Farabundo Martí de Liberación Nacional (FMLN), no Salvador, en 1984, que foi superada por medidas acertadas da Fronte; e que Evo Morales pode recuperar a iniciativa estratéxica para un proxecto popular.

A análise correcta dos méritos e falacias da hipótese de Washington é vital para América Latina. Oxalá que os líderes estatais e populares de América Latina estean á altura teórica desta perigosa conxuntura. Porque o éxito xeral do plan mestre de Washington, malia algunhas derrotas parciais, demostra o terríbel prezo que teriamos que pagar polo triunfalismo e a subestimación deste bestial inimigo.

[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 22 de maio de 2008]

cig.prensa@galizacig.com