
Por se alguén se pregunta ¿que é a loita de clases? xa que desde o poder pretendese que pase desapercibida, poden vela estes días en directo no conflito do metal da provincia de Pontevedra. Mesmo a patronal, sempre tan silandeira nestes temas, reúnese para conxurar unha estratexia común diante da ofensiva do sindicalismo nacionalista, sabedora de que ten moitas fendas internas, xa que a crise non atinxe a todas as empresas por igual. Tratase de axuntar esforzos, para que a medio e longo prazo seica todos sexan favorecidos por unha diminución dos custes laborais, despido máis fácil, e maiores achegas do Estado (hoxe consideradas necesarias para socializar as débedas e privatizar as subvencións dos impostos de todos).
O realmente preocupante, ademais de que esta estratexia só favorece aos grandes grupos económicos porque non contribúe a aumentar o consumo (que necesita de mellores salarios e máis emprego), é que coloca na primeira liña de combate ás pequenas empresas, que non poden delegar o enfrontamento cos operarios en directivos e encargados. En poucas palabras: fan de infantería para non tirar ningún rédito, xa que a concentración e centralización da riqueza vai na súa contra, se é que triúnfan as alternativas neoliberais que defende a gran patronal. Aceptan, os pequenos e medianos empresarios, todo acriticamente, porque están engaiolados dos tempos de auxe da globalización neoliberal, nos que parecía que non había limite para a produción e os beneficios. Agora ben, a crise amosou que era un espellismo, e que agora hai que pagar os custes; e todo reflicte que a vítima non vai ser só a clase traballadora, porque, como din algúns analistas: este é un bo momento para mercar empresas a baixo prezo e facer grandes negocios, porén tamén para eliminar competencia e custes nos imputs.