Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
22/6/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Estado español: A economía mergullada

Segundo un informe publicado en maio, a economía mergullada supón no Estado español entre un quinto e unha cuarte parte do PIB e de catro a cinco millóns de traballadores. Por ela, as arcas públicas deixaron de ingresar unha media duns 31.000 millóns de euros ao ano entre 1989 e 2008. E medrou moi intensamente -entre 1980 e 1985 era do 12,5% do PIB- até a crise.

 Unha actividade económica tan considerábel deixa patente que é unha vella fórmula consentida polas autoridades a pesar de supor unha importante fraude á Seguridade Social, aos dereitos dos traballadores e, probablemente, tamén de natureza fiscal. Moitas empresas españolas logran con iso substanciais beneficios e unha flexibilidade total nas súas relacións laborais. Algúns aducirán que supón a parte empresarial máis cutre, que as empresas respectábeis non incorren nestas prácticas, pero non se poden ignorar que na moderna sociedade capitalista as canles de transmisión son amplas e todas as empresas acaban beneficiándose de prezos e salarios máis baixos e do ambiente laboral inferior. De feito son poucas as denuncias desta fórmula polas empresas legais.

 A Unión Europea propúxose exercer unha forte presión para que se controle a economía mergullada. Debe de ser por iso que o Goberno español tomou novas medidas para regularizala e sometela -Decreto-Lei do 29 de abril-, aínda que xa existían leis coa mesma orientación. Nova normativa sorprendente, tanto polo seu carácter de Decreto-Lei que impide o debate sobre esta, como porque se inclúe nela unha insólita disposición dedicada á “Modificación da dedución por obras de mellora na vivenda habitual”... que pouco ten que ver co tema principal.

 Mais o realmente inconcibíbel é o contido do Decreto-Lei: no seu artigo primeiro permite a regularización dos traballadores clandestinos antes do 31 de xullo de 2011 sen ningún tipo de penalización, facendo táboa rasa de todo o sucedido até o de agora, aceptando ás empresas de economía mergullada sen ningunha responsabilidade polas súas obrigas anteriores.

 Se as empresas regularizan os seus traballadores antes de xullo concédeselles unha completa e total amnistía. Non queda máis remedio que denunciar esta escandalosa amnistía fiscal que se concede a quen durante anos e anos estivo delinquindo estafando ao fisco, abusando dos traballadores e exercendo unha competencia ilegal cos demais empresarios. O Goberno español anula toda obriga previa, a dicir do Ministro de Traballo, para “facilitar a urxencia deste tipo de economía”. Non será que temen que moitas de tales empresas pecharán se son penalizadas, ou que tales empresarios teñen moito poder?

 Política arbitraria e inxusta onde as haxa. Inxusta cos traballadores, a quen non se lles recoñece ningún dereito, nin a máis mínima compensación polos anos que estiveron superexplotados, inxusta co erario público e inxusta nunha intensa competencia desleal cos empresarios que cumpren coas súas obrigas. E que ten consecuencias en moitos ámbitos. Por citar algúns de actualidade, como incide no déficit fiscal?, como na produtividade?, como se computa para avaliar os aumentos desta dos que han de depender os salarios?

 Pero non é só inxusta, senón moi pouco realista: se se supón que os patróns que teñen que regular traballadores preferirán facelo sen penalizacións que arriscar a ser atopados en fraude e pagalas despois desta data, hai que imaxinar que as empresas que, en total, empregan a máis de catro millóns de traballadores en negro van regularizalos en tres meses? Isto se que equivalería case a unha revolución.

 A impresión que produce todo este proceso é que a presión da UE forzou unha normativa que, ademais de ser o máis suave posíbel co empresariado, non se ten vontade de facer cumprir. Como se ignorou no pasado, adóptase agora unha moi benigna neglixencia con ela, esperando se cadra que a UE controle máis a formalidade lexislativa que a súa execución real, pois está claro, tamén, que non se poden esperar axudas de Europa con este obxectivo.

 Porque un problema aínda moito máis grave para o Goberno é que bastantes dos case cinco millóns de parados que existen logran sobrevivir por medio de trampear con traballos irregulares na economía mergullada; de feito, moitos dos parados mantéñense formando parte desta. Moito máis tendo en conta que mais de 1.300.000 familias teñen a todos os seus membros en paro, que un de cada tres parados é un parado de longa duración, que o sector público está pondo en práctica duros programas de axuste e que se eliminaron practicamente as axudas para os que xa non tiñan subsidio. Dado que non parece probábel que os empresarios da economía mergullada estean dispostos a emerxer en masa ao mundo legal a pesar das inmellorábeis condicións legais outorgadas, de que van vivir todas estas familias se mesmo o recurso á economía mergullada se elimina? Que pode facer, a que queda condenada unha poboación sen emprego se se lle pecha a espita de último recurso? Atreverase realmente o Goberno a diminuír substancialmente a economía oculta? Que consecuencias podería ter se isto sucedese? É consciente a UE do que propón?

 O problema é moi grave e contraditorio. A economía mergullada tense que eliminar para lograr unha economía máis sa, pero as condicións actuais fan dramática esta tarefa. Poderá a presión da UE sanear unha situación fraudulenta ou, con tantos traballadores parados ou mergullados, poderán máis aqueles empresarios firmes na súa vontade de manter a clandestinidade?

 

[Artigo tirado do xornal ‘Público’, do 21 de xuño de 2011]

cig.prensa@galizacig.com