Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
22/9/2009
Sociólogo e politólogo arxentino. Actualmente é director de PLED, o Programa Latinoamericano de Educación a Distancia en Ciencias Sociais. Durante varios anos foi o secretario executivo de CLACSO, o Consello Latinoamericano de Ciencias Sociais. É autor de ducias de artigos e de libros; entre estes últimos salientan títulos como Imperio e imperialismo (2002) e Estado, capitalismo y democracia en América Latina (2003).
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Honduras: o principio da fin?

Zelaya xa está en Tegucigalpa e o seu ingreso a Honduras, burlando as “medidas de seguridade” instaladas ao longo da fronteira, debería marcar o comezo da fin do réxime golpista. Son varias as razóns que fundamentan esta esperanza, que sucintamente se expoñen a seguir.

Primeiro, porque os gorilas hondureños e os seus instigadores e protectores en Estados Unidos (principalmente no Comando Sur e o Departamento de Estado) subestimaron a masividade, intensidade e perseveranza da resistencia popular que día tras día, sen desmaios, manifestaría a súa oposición ao golpe de estado. En realidade tamaño rexeitamento non estaba nos cálculos de ninguén, se nos atemos á historia contemporánea de Honduras. Pero o novo rumbo decidido por Zelaya: a súa positiva resposta ante longamente adiadas demandas populares e a reorientación da súa inserción internacional no marco do ALBA tiveron un efecto pedagóxico impresionante e desencadearon unha reacción popular inesperada para propios e alleos.

Segundo, o réxime golpista demostrou ser incapaz de romper un dobre illamento. Na fronte interna, quedando cada vez máis en evidencia que a súa base social de sustentación se reducía á oligarquía e algúns grupos subordinados á súa hexemonía, incluíndo os medios de comunicación dominados sen contrapeso polo poder do capital. Ademais, o paso do tempo lonxe de debilitar a resistencia popular o que fixo foi acoutar cada vez máis o apoio social ao réxime. No flanco internacional o illamento de Micheletti e a súa banda é case absoluto: salvo pouquísimas excepcións toda a América Latina e o Caribe retirou os seus embaixadores, e o propio fixeron varios dos países con máis peso de Europa. A mesma OEA adoptou unha liña dura en contra do réxime e, aos poucos, o único apoio externo con que contaba o goberno proviña de Estados Unidos. Este, porén, seguiu unha traxectoria declinante que se foi acentuando co paso do tempo: desde a negación de visados ao persoal diplomático acreditado en Wáshington até medidas cada vez máis esixentes en contra do propio Micheletti e os seus colaboradores.

Terceiro, porque as ambiguas políticas do goberno de Estados Unidos -produto da liorta interna dentro da administración- que facilitaron a perpetración do golpe de estado foron lentamente definíndose nunha dirección contraria aos intereses dos usurpadores. Se o inicial rexeitamento ao golpe manifestado por Obama foi logo atenuado e adozado pola súa antiga (e actual?) rival, a Secretaria de Estado Hillary Clinton, o carácter indisimulabelmente retrógrado de Micheletti e a súa contorna así como a interminábel sucesión de exabruptos e insultos dirixidos a Obama cada vez que a Casa Branca expresaba algunha crítica a Tegucigalpa e a súa manifesta incapacidade para construír unha base social, foron lentamente inclinando o fiel da balanza en contra das posturas amadriñadas pola Secretaria de Estado e creando unha atmosfera cada vez máis antagónica en relación aos golpistas.

Cuarto e último, o réxime instaurado o 28 de xuño constitúe unha seria dor de cabeza para Obama. En primeiro lugar, porque desmente enfaticamente as súas promesas de fundar unha nova relación entre Estados Unidos e os países do hemisferio. O apoio inicial ao golpe, posto de manifesto na teimuda resistencia de Washington a caracterizalo como un “golpe de estado”, a morneza da resposta diplomática e a indiferenza ante as gravísimas violacións aos dereitos humanos perpetrada por Tegucigalpa danou seriamente a imaxe que Obama quería establecer en América Latina e o Caribe. A continuidade do réxime golpista faría aparecer a Obama como un político irresponsábel e demagóxico ou, peor aínda, como alguén incapaz de controlar o que fan e din os seus subordinados no Pentágono, o Comando Sur e o Departamento de Estado. E isto lígase con outro asunto, o segundo, sumamente importante e que excede o marco da política hemisférica: a súa credibilidade na area internacional. Ao demostrar a súa impotencia para controlar o que ocorre no seu “patio traseiro” os gobernantes doutros países -especialmente China, Rusia e a India- teñen razóns para sospeitar que tampouco será capaz de controlar os sectores máis belicistas e reaccionarios de Estados Unidos, para os que as súas promesas de alentar o multilateralismo equivalen a unha capitulación incondicional ante os seus odiados inimigos.

Isto é particularmente grave en momentos en que Obama está negociando con Rusia un novo acordo para reducir o arsenal nuclear de ambos os países, algo que Washington necesita tanto ou máis que Moscova debido á hemorraxia económica producida polas guerras en Iraq e Afganistán e ao incontido déficit fiscal norteamericano. O fracaso deste acordo tería un custo económico enorme sobre o orzamento público en momentos en que ese diñeiro se necesita para aventar os riscos dun afondamento da crise económica que prendeu en 2008. Pero para persuadir os rusos de que o seu plan de redución de armamentos é viábel ten primeiro que demostrar que está en control da situación e que os seus falcóns dentro do Pentágono non lle crebarán a man. Cada día que permaneza Micheletti no poder equivale a un mes máis de difíciles conversacións con Medvedev e Putin para convencelos de que as súas promesas se han traducir en feitos. Porque, se non pode controlar os seus en Honduras, poderá facelo cando se trate dunha cuestión estratéxica e vital para a seguridade nacional de Estados Unidos?

[Artigo tirado do sitio web do blog do autor, do 22 de setembro de 2009]

cig.prensa@galizacig.com