
Nado en 1946 (Seoane-Allariz), foi secretario xeral da central sindical nacionalista INTG e membro da Executiva confederal da CIG até o ano 2009.
Na actualidade, é director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza, vinculada á CIG.
Como as contas dos orzamentos non cadran vanse aumentar os impostos, despois de telos baixado nos últimos anos, especialmente a aqueles que teñen uns ingresos máis altos. Non queda polo tanto máis remedio que recadar máis, xa que suprimir servizos e prestacións ou rebaixar os investimentos afondaría a crise e ás súas consecuencias sociais.
Por esta razón, o lóxico sería que se recuperan os ingresos que se perderon na última década porque se pensaba que os cartos sobraban, xa que a economía ía vento en popa (canta falta de previsión e análise). Por exemplo, pódese recuperar o imposto de sucesións, o de patrimonio, que agora ten un gravame cero, e dar pasos atrás na última rebaixa sobre a presión fiscal aos beneficios empresariais. E tamén, porque non, eliminar da subvención dos 400 euros no IRPF a sectores con alto poder económico; e mesmo sería xusto que as SICAV (que xestionan capitais dos inmensamente ricos), que agora cotizan só un 1% tiveran cando menos un gravame igual ás rendas de capital, ou sexa do 18%.
Xa hai rumores moi fortes encol do aumento de dous puntos sobre o IVE, así como un medre das taxas sobre os impostos especiais, e fica en suspenso, que pasará coa subvención dos 400 euros así como un aumento do 43% ao 50% na escala máis alta do IRPF. En fin, ollaremos en poucos días cal é na práctica a postura ideolóxica do Executivo socialista neste caso, e se as cla ses populares teñen que cargar de novo co maior esforzo, aínda que os máis podentes teñan que pagar algo máis nalgún dos impostos que lles afectan directamente, pra dar aparencia dun trato equitativo (porén xa o recuperaran con creces).
A maioría dos ingresos saen hoxe e sairán de novo dos asalariados e autónomos (do que algúns chaman agora a clase media). Algo totalmente inxusto, porque a maior parte do aumento dos impostos non serán pra millorar os servizos públicos, nen pra aumentar as prestacións sociais, senón pra pagar (durante moitos anos) os miles de millóns adicados a salvar o sector financeiro, dar pulo aos investimentos en obras públicas (non sempre urxentes), e pras exencións de todo tipo ás empresas.
Aínda así non sería algo negativo se garantira que os responsábeis da especulación financeira e da burbulla inmobiliaria recibiran seu merecido, se ademais se utilizara pra afortalar a pequena e mediana empresa ligada ao entorno, impulsar condicións laborais dignas, pra potenciar o sector cooperativo e unha economía sustentábel e respetuosa co medio, e especialmente pra cortar a especulación na banca e na Bolsa. Porén a maioría das medidas que se están tomando dan máis folgos á concentración e centralización da riqueza, a financiarización da economía, todo elo a costa da pequena empresa, da clase obreira e autónomos, e mesmo de sectores estratéxicos enteiros como as actividades pri marias e de transformación sen moita tecnoloxía engadida.
Neste contexto, onde a correlación de forzas nas institucións, no Estado e Galiza, non é favorábel ás clases subordinadas, ao que se engade que cada vez hai menos sensibilidade polas condicións laborais e sociais que padecen de conxunto, aínda que se atendan con maior eficacia ás situacións máis estremas e de apariencia, é fundamental non caer no funcional-estruturalismo e termos sempre unha visión de conxunto, e sobre todo, recuperar a presión laboral e social de base.
Un deses marcos é a negociación colectiva. A decisión de aumento do 0,3% pra os empregados públicos é un insulto, pode que sexa razoábel neste momento pra os salarios máis altos, porén hai moitos miles de traballadores e traballadoras no sector que non chegan aos mil euros por mes aos que se lles coloca na desesperación (máxime se teñen hipotecas). O mesmo podo dicir da proposta de aumento, seica máxima, do 2% pra o sector privado. Estes criterios son produto de pactos que non teñen en consideración as condicións laborais da maioría dos asalariados. Son acordos de cúpula, feitos lonxe da xente. Son pactos que garanten no inmediato máis lucros aos empresarios, porén a medio prazo menos consumo, emprego e daquela menos beneficos, e máis tensión laboral e conflitividade nas familias e na sociedade. Amosando a falta dun proxecto solidario.
[Artigo tirado do xornal ‘La Región’, do 22 de setembro de 2009[