Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
22/9/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Erros ben e/ou mal intencionados no debate sobre as pensións

Por mor da proposta de atrasar a idade obrigatoria da xubilación xerouse un gran debate sobre a necesidade e/ou conveniencia de tomar tal medida. Un argumento frecuentemente utilizado por aqueles que favorecen tal proposta é que practicamente todos os membros da UE-15 (o grupo de países da UE de semellante desenvolvemento económico ao noso) tomaron medidas semellantes, co cal a aprobación de tal atraso da xubilación polas Cortes españolas significaría a incorporación do Estado español ao que xa é unha práctica xeneralizada na UE.

 Varios dos rotativos de maior difusión do país utilizaron este argumento para xustificar o seu apoio a tal atraso da idade obrigatoria de xubilación. Os datos, porén, matizan nalgúns casos, e cuestionan noutros, tales supostos. O informe do Institute for Future Studies de Estocolmo, Suecia, preparado para a Dirección de Emprego e Asuntos Sociais da Comisión Europea, titulado Report on Study of the Implications of Demographic Trends on the Formation and Development of Human Capital (Estudo das implicacións das Tendencias Demográficas na Formación e Desenvolvemento do Capital Humano) presenta en gran detalle datos sobre a idade legal de xubilación obrigatoria, así como a idade en que a poboación laboral en cada país desexaría xubilarse, así como aquela na que probablemente se xubilará. Estas dúas últimas informacións obtivéronse a base de enquisas á poboación en tales países. A primeira conséguese a base do estudo da lexislación existente nos países da UE-15, tras homologación dos conceptos utilizados na definición de obrigatoriedade de xubilación.

 En canto a esta última, é dicir, a idade obrigatoria de xubilación, o informe detalla o contexto de tal xubilación, así como o criterio e as aplicacións da obrigatoriedade na idade de xubilación segundo as características demográficas da poboación. É un dos estudos máis detallados e rigorosos e os seus datos contrastan con moitos dos datos publicados nos medios de información e persuasión no Estado español. Indica o informe que a idade estándar de xubilación na maioría de países da UE-15 é de 65 anos, con excepcións á alta e á baixa. Á alta estaba Dinamarca, que subiu aos 67 anos no ano 1992, para reducilo de novo no 2003 a 65 anos. Idades máis temperás inclúen Italia (55 anos en 1992, elevada a 60 en 2003); Portugal (62 en 1993, elevada a 65 en 2003); Austria (60 anos) e Bélxica (baixada de 65 en 1992 a 63 en 2003). O que é tamén interesante sinalar é a diferenza na idade legal de xubilación segundo o xénero da persoa. Mentres que o estándar na maioría de países para os homes é de 65 anos, para as mulleres é máis baixo: 63 anos. E estamos falando de medidas media, e que polo tanto non inclúen a variabilidade naquela idade de xubilación.

 O informe detalla non só as idades obrigatorias, senón tamén as que a poboación laboral “agarda” xubilarse (categoría distinta á de “desexa” xubilarse), pois unha persoa pode desexar xubilarse antes do que agarda, xa que na determinación da idade de xubilación inflúen factores fóra do control da persoa que se xubila. Pois ben, os datos son tamén interesantes. En xeral, as mulleres esperan xubilarse antes que os homes en Alemaña, Irlanda, Dinamarca, Bélxica e Holanda. Tales diferenzas redúcense considerabelmente en Suecia, Finlandia, Francia, o Estado español, Portugal e Gran Bretaña. En realidade, as mulleres esperan xubilarse en idade lixeiramente posterior aos homes no Estado español.

 En canto á idade preferida, as cifras son moito máis baixas que a idade legal de xubilación e a idade en que a persoa que traballa espera xubilarse. Os homes desexarían xubilarse (na media dos países da UE-15) aos 58 anos, e as mulleres aos 57,5. A idade desexada de xubilación é maior (por riba dos 60 anos) nos países escandinavos que nos países do Sur de Europa. Iso débese, en gran parte, á calidade do traballo e á remuneración salarial, maiores ambas nos países nórdicos, de clara tradición socialdemócrata, que nos países do sur de Europa (incluíndo o Estado español), de tradición conservadora, demócrata-cristiá e liberal. Canto peores son as condicións laborais, maior é o desexo de adiantar a xubilación. En realidade, a evidencia neste punto é abafadora. Por iso é polo que para as persoas con traballo estimulante e ben retribuído (traballo que lle guste ao que o realiza, gozando no seu desempeño) a xubilación obrigatoria aos 65 anos poida ser unha imposición moi negativa (que debería eliminarse). Pero para a maioría da poboación laboral (e moi en especial nos países do sur de Europa) que non goza no seu traballo (sendo este o modo necesario para obter os medios cos cales conseguir realizarse a través do mundo do consumo) a imposición de alongar a súa idade de xubilación considérase unha agresión. En realidade, desexará xubilarse moito antes.

 Engádase a esta consideración de que os primeiros, as clases profesionais de rendas altas, viven 8 e 10 anos máis que os segundos (traballadores non cualificados), co cal alongar a idade de xubilación obrigatoriamente a todas as clases de traballadores é impor unha gran inxustiza, pois obrígase a uns a traballar máis anos para pagar a xubilación dos que lles sobrevivirán bastantes anos.

 Outra observación é que a énfase que se está dando en atrasar a idade de xubilación como medida para “salvar” a viabilidade das futuras pensións, esquece unha das maiores causas do súa posíbel non sostibilidade: o enorme crecemento da polarización das rendas. O enorme crecemento das rendas nos sectores máis podentes da poboación, que contribúen á Seguridade Social moito menos que o traballador normal e corrente -cuxo soldo por hora foi diminuíndo- é unha das causas da redución dos ingresos ao Estado e á Seguridade Social. Se tales sectores pagasen en termos progresivos, eliminando o tope de exclusión no seu gravame, os ingresos á Seguridade Social aumentarían considerabelmente. Agora ben, os que teñen máis poder político son os primeiros, en lugar dos segundos, o cal explica que estas alternativas nin sequera se consideren e/ou aparezan nos medios.

 Tres últimas observacións. Varios países da UE-15 fixeron propostas de atrasar a idade legal de xubilación aos 67 anos a partir do 2020 (Dinamarca, de novo; Alemaña e até 68 no caso de Gran Bretaña, e dun xeito selectivo fixeron previsións de cambios na idade de xubilación Suecia e Finlandia). A situación naqueles países non é homologábel ao Estado español, pois hai diferenzas moi notábeis nos sistemas de financiamento da Seguridade Social, dependendo menos das cotizacións sociais (e polo tanto da situación laboral) que o Estado español, e máis dos fondos públicos e/ou privados que o Estado español.

 Outra clarificación necesaria é que non é certo que a pensión media do Estado español sexa das máis altas dos países desenvolvidos, como erroneamente indica a OCDE. Tal institución (de clara sensibilidade neoliberal) chega a esta conclusión (indicando que a pensión no Estado español representa o 88% do salario) utilizando indicadores de claro sesgo tendentes a amosar o que a priori se desexa concluír. A OCDE chega a esta cifra tomando o caso do traballador que estivo traballando ininterrompidamente 40 anos, que é unha situación extrema. O caso máis frecuente son 35 anos de traballo, interrompido en varias ocasións por situación de desemprego ou baixa laboral (por causas diversas). É máis, a porcentaxe que as pensións representan sobre o salario calcúlase non sobre o salario, senón sobre a base de cotización que é unha cifra máis baixa (e en moitos casos, moi por baixo) que a cifra do salario. Da combinación destes feitos chégase a unha porcentaxe artificialmente alta (que como é de esperar se utiliza cumpridamente polos medios conservadores e liberais -que son a maioría-).

 Outra clarificación é que os salarios son moi baixos no Estado español, co cal as pensións son tamén moi baixas. En realidade son moito máis baixas que o que debería ser polo nivel de riqueza económica que ten o país. A profesora Camila Arza, da Universidade Pompeu Fabra, unha das analistas dos sistemas de Seguridade Social en Europa máis coñecidas internacionalmente, calculou que no Estado español a taxa de substitución media das pensións é o 65%, menos que a media da UE-15 (68%) e moito menor que a media de Suecia, 80% (“El sistema español de pensiones en el contexto europeo: estructura institucional, reformas e impactos sociales, en La Situación Social en España, volume III. Ed. Biblioteca Nova, 2009). En realidade, o Estado español é un dos países que teñen maior pobreza entre os anciáns, tendo incrementado a porcentaxe de pobreza deste grupo etario dun 16% en 1995, a un 28% en 2008, e iso débese en parte á crecente insuficiencia das pensións en previr a pobreza.

 Todos estes datos non aparecen ou se aparecen é moi infrecuentemente neste debate sobre as pensións que asume erroneamente que as pensións son demasiado xenerosas. Admítese nalgúns círculos que as non contributivas son baixas. Pero o que non se di tanto é que as contributivas tamén son máis baixas do que deberían selo polo nivel de riqueza que temos.

 

  

[Artigo tirado do blog do autor, do 17 de setembro de 2010]

 

 

 

cig.prensa@galizacig.com