Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
23/11/2009

Nado en 1946 (Seoane-Allariz), foi secretario xeral da central sindical nacionalista INTG e membro da Executiva confederal da CIG até o ano 2009.
Na actualidade, é director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza, vinculada á CIG.

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
México, a desfeita neoliberal

O Governo de México, do Partido de Acción Nacional (PAN), que preside Felipe Calderón, tomou a decisión de liquidar a compañía pública que fornece de electricidade ao centro do país, co despedimento de 44 mil empregados. Denuncian os operarios afectados que se fixo con noturnidade, xa que non se debateu no Parlamento, senón que caneando as institucións procedeuse como se fora unha cuestión administrativa. Fai moito tempo que os conservadores queren privatizar o sector público que no seu día foi moi poderoso neste país, e que acadou a súa máxima expansión durante a etapa do governo nacionalista de Lázaro Cárdenas de 1934 a 1940. En concreto o sector eléctrico sería nacionalizado no ano 1960.

Este ataque dáse nun momento no que a crise económica está petando en México como en ningún outro país de América Latina, polo que se espera pra este ano un recuar do PIB do sete por cento (dados da CEPAL). O tratado de libre comercio cos Estados Unidos e Canadá, non só agudizou as contradicións sociais internas (aumento da pobreza e a marxinalidade), deu pulo aos clans da droga e á violencia, e fracturou tremendamente a federación, senón que ademais xerou unha grande dependencia do xigante do norte, facendo que os efectos da crise teñan unha dimensión moi superior. O país que fora un exemplo das vantaxes da globalización, xunto con Chile, olla agora con envexa a Cuba, Venezuela, Ecuador ou Bolivia, que en todos os casos terán un crecemento positivo. É verdade que México é un país petroleiro, e que o prezo medio baixou a respeito do último ano, porén neste caso tamén están Venezuela e Ecuador. Todo fai pensar que a privatización non é o único obxectivo dos ‘panistas’ senón que ademais queren esmagar ao forte e combativo Sindicato Mexicano de Electricistas (SME), que é unha organización sindical cunha grande capacidade de mobilización e referencia nacional de moitos dos movementos sociais progresistas que se opoñen ás políticas neoliberais. Unha excepción, xa que desde fai moito tempo a maioría das organizacións sindicais de México son entidades pregadas aos grandes grupos económicos e aos criterios dos partidos do sistema, e son consideradas pola xente como parte da burocracia e do extenso tecido de corrupción reinante. Non hai dúbida de que o ataque ao SME non é unha anécdota, tanto polo papel que xoga esta central sindical na dinámica opositora á globalización neoliberal, como pola propia historia da organización. O leitor debe saber que o SME naceu no ano 1914, porén cando Vetustiano Carranza forma os ‘batallones rojos’ pra combater aos líderes populares Emiliano Zapata e Francisco Villa os electricistas non se suman. No ano 1916 ponse á cabeza das protestas pola queda dos salarios, polo que Velasco, dirixente do sindicato, será condenado a morte, pena permutada por vinte anos de prisión, e será liberado en 1918. No ano 1936 o SME forma parte dos fundadores da Central de Trabajadores de México.

O Governo mexicano argumenta falla de rendibilidade, porén leva décadas sen investir na empresa eléctrica, deixando que se deteriore, polo que se ve obrigada a mercar electricidade a empresas privadas pra satisfacer a demanda. Deste xeito converteuse un sector público antes eficiente e que daba lucros nun intermediario, en beneficio dun empresariado que axe de parásito. A recuperación da produción permitiría dar un servizo millor e máis barato, e garantir que este sector estratéxico se manteña no ámbito público. Nas últimas semáns este conflito quenta México. O pasado día 11 paralizouse a capital polas mobilizacións e atrancos de estradas, hai a cotío cortes de electricidade, e está aberta a posibilidade dunha folga xeral. A polémica está na rúa, e divide ao país. Esta agudización das loitas sociais amosa a desfeita neoliberal, porén tamén o fracaso das solucións dentro dun modelo que alenta a estratificación. México, tan perto dos Estados Unidos...

cig.prensa@galizacig.com