
Viviu 30 anos en Latinoamérica. Estudoso do exilio económico e político galego.
Os únicos bilingües da Galiza e do Estado español son os falantes de catalán, éuscaro e galego. Feijoo é unha excepción, ademais de falar galego e español fala parvadas, polo que sen lugar a dúbidas pode ser considerado trilingüe...
“O primeiro paso para pormos de acordo: rexeitar Galiza.” (Alberto Núñez Feijoo no Parlamento da Galiza)
Ás veces, unha vírgula, tendenciosa, maliciosa, cambia totalmente o sentido da frase. A miña tía-avóa, de 99 anos divide á clase política galega en tres: “os de Felipe, os teus e os meus: os de Franco.”
Esta lóxica, obvia para todos, demóstrase coma o movemento: andando. No debate no Parlamento da Galiza, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, defendeu a postura agresiva-xenocida contra o idioma galego que el, o seu partido e unha porcentaxe da sociedade galega intenta perpetrar.
O problema non é o nome do país (para que Feijoo o entenda “o nome da rexión”). O problema é a existencia dun elemento diferenciador que nos fai distintos non só ante os madrileños e españois mesetarios nados e criados na Galiza (dos que temos moitos nas nosas rúas galegas en postos de confianza e no mundo empresarial) senón ante a historia e seica ante o futuro.
Os únicos bilingües da Galiza e do Estado español son os falantes de catalán, éuscaro e galego. Feijoo é unha excepción, ademais de falar galego e español fala parvadas, polo que sen lugar a dúbidas pode ser considerado trilingüe.
Unha das máis recentes é considerarse seguidor do ideario de Castelao (sen ter lido Sempre en Galiza). Seica lera Siempre en Galicia (veraneando enténdese), de Mariano Rajoy en La Lanzada con anotacións da coruñesa-de-toda-la-vida e gran “artista” Marta Sánchez que acaba de facer un anuncio promocionando Sanjenjo.
A diferenza entre o idioma español e o idioma galego na Galiza, poñerse a prol ou contra a normalización do idioma galego é sinxela. É unha regra básica de conduta na vida aplicábel a calquera lugar, circunstancia e tempo. Consiste en estar sempre a prol da Xustiza ou do débil, e no caso de dúbida entre ambos, sempre do lado do débil.
Na Galiza (en la región gallega para que entenda o noso trilingüe presidente) temos a sorte de que nesta agresión inxustificada e meditada para aniquilar a nosa identidade cadran, na defensa do galego, tanto a Xustiza e a debilidade da nosa lingua; dos nosos falantes e daqueles que queremos transmitila aos noso fillos coma o ben máis querido e prezado.
Négannos o dereito a vivirmos en galego. Pretenden que sexamos rexión e dialecto como ben dicía Castelao en Sempre en Galiza. Non o conseguirán por moitas flores que lle poñan en Santo Domingos de Bonaval.
[A Coruña, 23 de decembro de 2009]