Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
23/12/2011

Nado en 1931 en Exipto, é un dos pensadores marxistas máis importantes da actualidade. Desenvolveu os seus estudos sobre política, estatística e economía en París. En 1970 convértese en director do Instituto Africano de Desenvolvemento Económico e Planificación con sede en Dakar (Senegal). Actualmente é director do Foro do Terceiro Mundo, unha asociación internacional formada por intelectuais de África, Asia e América Latina, destinada a fortalecer os esforzos intelectuais e os lazos entre os países do terceiro mundo, tamén con sede en Dakar.

É autor de títulos como: Neocolonialism in West Africa (1973), La nation arabe (1976), L’eurocentrisme (1988), L’Empire du chaos (1991), Les défis de la mondialisation (1996), Obsolescent Capitalism (2003) ou The Liberal Virus: Permanent War and the Americanization of the World (2004).

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Audacia, máis audacia

O proxecto europeo foi deseñado desde fóra e construído sistematicamente para desposuír a xente da súa capacidade para exercer o seu poder democrático. A Unión Europea foi establecida como un protectorado dos monopolios. Coa implosión da zona euro, a subordinación á ganancia dos monopolios significou a abolición da democracia, que foi reducida ao status de farsa e que adopta formas extremas...

Por que audacia?

1. O capitalismo contemporáneo é un capitalismo de monopolios xeneralizados. Con isto quero dicir que os monopolios non son xa máis illas grandes nun mar de empresas relativamente autónomas, senón que son un sistema integrado, que controla absolutamente todos os sistemas de produción. Pequenas e medianas empresas, mesmo as grandes corporacións que non son estritamente oligopolios, están baixo o control dunha rede que reempraza aos monopolios. O seu grao de autonomía viuse reducido ao momento de convertérense en subcontratistas dos monopolios.

 Este sistema de monopolios xeneralizados é produto dunha nova fase de centralización do capital que tivo lugar durante os 80 e 90 nos países que compoñen a Tríade (Estados Unidos, Europa e Xapón).

 Os monopolios xeneralizados dominan agora a economía mundial. “Globalización” é o nome que lle deron ao conxunto de demandas mediante as cales exercen o seu control sobre os sistemas produtivos da periferia do capitalismo global (periferia entendida como o mundo por baixo da Tríade). Isto non é máis que unha nova fase do imperialismo.

 2. O capitalismo dos monopolios xeneralizados e globalizados é un sistema que garante que estes monopolios graven impostos sobre a masa de plusvalía (transformada en ganancias) que o capital extrae da explotación do traballo. Na medida en que estes monopolios están operando nas periferias do sistema global, a renda monopólica é renda imperialista. O proceso de acumulación capitalista -que define o capitalismo en todas as súas sucesivas formas históricas- está determinado pola maximización da renda monopólica/imperialista que persegue.

 Este desprazamento do centro de gravidade da acumulación do capital é a fonte da continua concentración do ingreso e a riqueza en beneficio dos monopolios, amplamente controlada polas oligarquías (plutocracias) que gobernan os grupos oligopólicos a expensas da remuneración do traballo e mesmo da remuneración do capital non monopólico.

 3. Isto pon en risco o mesmo crecemento, desequilibrando a fonte de financeirización do sistema económico. Con isto refírome a que o segmento crecente da plusvalía non pode ser investido na expansión e profundamento dos sistemas de produción e por conseguinte o investimento financeiro da plusvalía desmedida vólvese a única opción para soster a acumulación baixo o control dos monopolios.

 A implementación que o capital realiza en determinados sistemas, permite que a financeirización opere de distintos xeitos, xerando:

(i) a subordinación da xestión das empresas ao principio do “valor das accións”.

(ii) a substitución do sistema de pensións baseado na capitalización (fondos de pensión) por sistemas de distribución das pensións.

(iii) a adopción do principio de “intercambio de taxas flexíbeis”.

(iv) o abandono do principio baixo o cal os bancos centrais determinan a taxa de xuros -o principio de liquidez- e a transferencia desta responsabilidade ao “mercado”.

 A financeirización transferiu a responsabilidade principal no control da reprodución do sistema de acumulación a 30 grandes bancos que son parte da Tríade. Os eufemisticamente chamados “mercados” non son outra cousa máis que os lugares onde se despregan as estratexias dos actores que dominan a escena económica.

 Por conseguinte esta financeirización, que é responsábel do crecemento da desigualdade na distribución do ingreso (e a riqueza), xera a mesma plusvalía que a sostén. O “investimento financeiro” (ou mellor dito o investimento en especulación financeira) continúa medrando a gran velocidade sen corresponderse co crecemento do Produto Interior Bruto (que na actualidade estase convertendo en algo ficticio) ou co investimento na produción real.

 O crecemento explosivo do investimento financeiro require, e aliméntase, da existencia de débeda en todas as súas formas, especialmente da débeda soberana. Cando os gobernos que están no poder din estar perseguindo a redución da débeda, están mentindo deliberadamente. Para concretar a estratexia de financeirización dos monopolios necesítase o crecemento da débeda, algo que en realidade os monopolios buscan máis que combaten, como un xeito de absorber a ganancia dos monopolios. As políticas de austeridade impostas para “reducir a débeda”, tiveron como resultado (tal e como se pretendía) o incremento do volume desta.

 4. É este sistema -chamado popularmente neoliberal, o sistema do monopolio xeneralizado capitalista, “globalizado” (imperialista) e financeirizado (como unha necesidade para a súa propia reprodución)- o que implosiona ante os nosos ollos. Pero este sistema, aparentemente incapaz de derrotar as súas crecentes contradicións internas, está condenado a continuar a súa salvaxe expansión.

 A “crise” do sistema é causada polo seu propio “éxito”. En efecto, a estratexia despregada polos monopolios sempre produciu os resultados desexados: os plans de “austeridade” e os chamados plans de recorte social (en realidade anti-social) continúan sendo impostos, a pesar da resistencia e as loitas. Actualmente, a iniciativa xace en mans dos monopolios (“os mercados”) e os seus servos políticos (os gobernos subordinados ás demandas do “mercado”).

 5. Baixo estas condicións o capital monopólico declarou abertamente a guerra tanto aos traballadores como aos pobos. Esta declaración é parte da formulación do “o liberalismo non é negociábel”. O capital monopólico seguirá expandíndose sen reducir a súa velocidade. A crítica á “regulación” que explico a continuación, está baseada neste feito.

 Non estamos vivindo un momento histórico onde a procura dun “compromiso social” sexa unha opción posíbel. Houbo momentos no pasado, como o compromiso social durante a posguerra entre o capital e o traballo referente a un Estado social democrático no oeste, o socialismo actualmente existente no leste, e os proxectos nacionalistas e populares no sur, pero o actual momento histórico xa non é o mesmo. O conflito actual prodúcese entre o capital monopólico, e os traballadores e a xente que é chamada a renderse incondicionalmente. As estratexias defensivas de resistencia baixo estas condicións non son efectivas e eventualmente levan mesmo a ser derrotadas. Na guerra declarada polo capital monopólico, os traballadores e os pobos deben desenvolver estratexias que lles permitan situarse á ofensiva.

 O período de guerra social está necesariamente acompañado pola proliferación de conflitos políticos internacionais e intervencións militares das forzas imperialistas da Tríade. A estratexia de “control militar do planeta” polas forzas armadas dos Estados Unidos e os seus aliados subordinados da OTAN é, en última instancia, o único medio polo cal os monopolios imperialistas da Tríade poden continuar o seu dominio sobre os pobos, nacións e estados do Sur.

 Ante este desafío da guerra declarada polos monopolios, cales son as alternativas que se propoñen?

Primeira resposta: “regulación dos mercados” (financeiros e doutros tipos)

 Esta regulación é unha iniciativa que os monopolios e os gobernos reivindican. Con todo isto é só retórica baleira, deseñada para confundir a opinión pública. Estas iniciativas non poden parar a desenfreada carreira polo beneficio financeiro, resultado da lóxica de acumulación controlada polos monopolios. Son, xa que logo, unha falsa alternativa.

Segunda resposta: un retorno aos modelos da posguerra

 Estas respostas alimentan unha tripla saudade: (i) a reconstrución dunha verdadeira “socialdemocracia” en Europa occidental, (ii) a resurrección de “socialismos” baseados nos principios que gobernaron o século XX, (iii) o retorno a fórmulas de nacionalismo popular na periferia do Sur. Estas saudades imaxinan que é posíbel obrigar a retroceder o capitalismo monopólico, forzándoo a regresar ao que era en 1945. Pero a historia nunca permite tales retornos ao pasado. O capitalismo debe ser confrontado tal e como é hoxe, non como nós desexásemos que fose imaxinando un bloqueo na súa evolución. Con todo, estes devezos seguen atormentando a unha boa parte da esquerda global.

Terceira resposta: a procura dun consenso “humanista”

 Eu defino este piadoso desexo do seguinte xeito: a ilusión de que un consenso entre intereses en conflito pode ser posíbel. Algúns inxenuos movementos ecoloxistas, entre outros, comparten esta ilusión.

Cuarta resposta: as ilusións do pasado

 Estas ilusións invocan “a especificidade” e “o dereito á diferenza” se sen preocupar de entender o seu alcance e significado. O pasado xa nos respondeu as preguntas do futuro. Estes “culturalismos” poden adoptar varias formas étnicas ou para-relixiosas. Teocracias e etnocracias convértense en convenientes substitutos das loitas sociais democráticas que viron baleirada a súa axenda.

Quinta resposta: a prioridade da “liberdade persoal”

 A gama de respostas baseadas nesta prioridade, considerada o “valor supremo”, inclúen entre as súas fileiras os retrógrados defensores da “democracia electoral representativa”, á que equiparan con democracia en si mesma. A fórmula separa a democratización das sociedades do progreso social, tolerando mesmo unha asociación de facto coa regresión social con tal de non poñer en risco e desacreditar a democracia, reducida agora ao status dunha tráxica farsa.

 Pero hai variacións desta posición ata máis perigosas. Refírome aquí a algúns típicos “posmodernos” actuais (como Toni Negri en particular) que imaxinan que o individuo se converteu xa no protagonista da historia, coma se o comunismo, que permite ao individuo ser emancipado da alienación e converterse en protagonista da historia, xa fose instaurado.

 Está claro que todas as respostas de arriba, incluíndo aquelas de dereita (como as “regulacións” que non afectan á propiedade privada dos monopolios) aínda atopan poderosos ecos nunha maioría da xente de esquerda.

6. A guerra declarada polo xeneralizado capitalismo monopólico do imperialismo contemporáneo non ten nada que temer das falsas alternativas que acabo de perfilar.

E logo que facermos?

Este momento ofrécenos a oportunidade histórica de irmos moito máis lonxe; demándanos como única e efectiva resposta unha audaz e atrevida radicalización na formulación de alternativas capaces de mobilizar traballadores e pobos para se situar á ofensiva e se defender da estratexia de guerra dos seus inimigos. Estas formulacións, baseadas na análise do capitalismo actualmente existente, deben afrontar directamente o futuro a ser construído, e sacarnos da saudade do pasado e das ilusións da identidade ou o consenso.

Programas audaces para unha esquerda radical

Vou organizar as seguintes formulacións baixo tres ideas centrais: (i) a socialización da propiedade dos monopolios, (ii) a des-financeirización da economía, (iii) a des-globalización das relacións internacionais.

Socialización da propiedade dos monopolios

 A efectividade da resposta alternativa require necesariamente do cuestionamento do principio da propiedade privada do monopolio do capital. A proposta de “regular” as operacións financeiras, o retorno dos mercados á “transparencia” para permitir que as expectativas dos “axentes” se convertan en “racionais” e definan os termos dun consenso destas reformas sen abolir a propiedade privada dos monopolios non é máis que un claro intento de confundir a unha sociedade inxenua. Os monopolios son chamados a “xestionar” reformas contra os seus propios intereses, ignorándose o feito de que os monopolios manteñen mil e un xeitos de burlar os obxectivos destas reformas.

 O proxecto social alternativo debería reverter a dirección da actual orde social (desorde social) producido polas estratexias dos monopolios, co propósito de fornecer emprego pleno e estábel, garantindo salarios decentes ao mesmo tempo que xera a produtividade do labor social. Este obxectivo é simplemente imposíbel sen a expropiación do poder dos monopolios.

 O "software dos teóricos da economía" debe ser reconstruído (en palabras de François Morin) así como a absurda e imposíbel teoría económica de que as "expectativas" promoven a democracia porque permiten un maior control na toma de decisións económicas. A audacia neste momento require de reformas radicais na educación para a formación non só de economistas senón tamén daqueles chamados a ocupar cargos de xestión.

 Os monopolios son corpos institucionais que deben ser xestionados de acordo aos principios da democracia, en conflito directo con quen santifica a propiedade privada. A pesar de que o termo “bens”, importado da palabra anglosaxona, é en si mesmo ambiguo porque está desconectada do debate sobre o significado dos conflitos sociais (a linguaxe anglosaxona ignora deliberadamente a realidade das clases sociais), o termo aquí pode ser utilizado especificamente para denominar os monopolios como parte dos “bens”.

 A abolición da propiedade privada dos monopolios debe ter lugar a través da súa nacionalización. Este primeiro paso legal é inevitábel. Pero a audacia implica neste punto ir máis aló deste paso legal para propoñer a socialización da xestión dos monopolios nacionalizados e a promoción das loitas sociais democráticas articuladas neste proceso.

 Darei un exemplo concreto que podería incluírse nestes plans de socialización.

 Tanto os propietarios de terra ‘capitalistas’ (aqueles de os países desenvolvidos) como os propietarios ‘campesiños’ (maiormente do Sur) son prisioneiros tanto dos monopolios que fornecen inputs[1] e créditos, como dos que dependen do proceso de transporte e comercialización dos seus produtos. Pero ningún dos dous grupos ten autonomía real na toma de decisións. A isto súmase que a produtividade alcanzada é apropiada polos monopolios que reducen os produtores ao status de "subcontratistas". Fronte a isto, cal é a alternativa posíbel?

 Os monopolios deberían ser substituídos por institucións públicas que traballen dentro dun marco legal como parte da súa forma de gobernar. Estas institucións deberían ser constituídas por representantes de: (i) campesiños (os principais interesados), (ii) unidades ascendentes (manufactura de inputs, bancos) e descendentes (industria alimentaria, cadeas comerciais), (iii) consumidores, (iv) autoridades locais comprometidas co medio ambiente e a sociedade (escolas, hospitais, planificación urbana, vivenda, transporte), (v) o Estado (os cidadáns). Estes representantes deberían ser seleccionados de acordo a procedementos correspondentes ao seu propio xeito de xestión social, por exemplo unidades de produción de inputs xestionadas por consellos de administración conformados por traballadores directamente empregados polas unidades concernentes así como polos que están empregados por unidades de subcontrato. Estas estruturas deberían estar deseñadas de tal xeito que asocien a xestión do persoal con cada un destes niveis, así como con centros de investigación que busquen unha investigación independente, e tecnoloxía apropiada. Poderiamos mesmo concibir unha representación dos provedores de capital ("pequenos accionistas") herdados da nacionalización, se é que o consideramos útil.

 Estamos falando, xa que logo, de aproximacións institucionais que son máis complexas que as reformas de autoxestión ou cooperativas coñecidas até o momento. É necesario inventar os camiños deste proceso de tal xeito que promovan o exercicio dunha democracia verdadeira no manexo da economía, exercicio baseado en negociacións abertas entre todos as partes interesadas. Requírese unha formula que vincule sistematicamente a democratización da sociedade co progreso social, en contraste coa realidade do capitalismo que disocia a democracia, reducíndoa á xestión formal da política, coas condicións sociais abandonadas ao "mercado" dominado polo que produce o monopolio do capital. Aí e só aí poderemos falar dunha verdadeira transparencia dos mercados, cando estes sexan regulados baixo formas institucionalizadas de xestión socializada.

 O exemplo pode parecer marxinal nos países capitalistas desenvolvidos debido a que os pequenos propietarios de terra e campesiños son só unha pequena proporción dos traballadores (3-7%). Porén, este tema é central para o Sur, onde a poboación rural seguirá sendo significativa por algún tempo. Aquí, o acceso á terra, que debe ser garantido para todos (coa maior equidade posíbel na súa distribución) é fundamental para avanzar na agricultura campesiña. Esta “agricultura campesiña” non debe ser entendida como sinónimo de "agricultura estática" ou “tradicional e folclórica”. O progreso necesario da agricultura campesiña implica unha certa "modernización" (a pesar de que este termo é pouco apropiado debido a que inmediatamente suxire modernización a través do capitalismo). Máis inputs efectivos, créditos, e cadeas de produción e distribución son necesarias para impulsar a produtividade do traballo campesiño. As fórmulas propostas aquí teñen por obxectivo avanzar na modernización baixo formas e orientadas por un espírito "non-capitalista", é dicir, baixo un horizonte socialista.

 Obviamente, o exemplo específico escollido aquí neste artigo é un dos que necesita ser institucionalizado. A nacionalización / socialización da xestión dos monopolios nos sectores da industria e o transporte, bancos e outras institucións financeiras, deben ser imaxinadas baixo o mesmo espírito, tomando as especificidades das súas propias economías e funcións sociais na constitución dos seus consellos de administración. Como xa se sinalou, estes consellos deben incluír os traballadores da compañía, así como aos subcontratistas, representantes das industrias, bancos, institutos de investigación, consumidores e cidadáns.

 A nacionalización/ socialización dos monopolios sinálanos unha necesidade fundamental como eixo central do reto que deben encarar os traballadores e pobos baixo un capitalismo contemporáneo de monopolios xeneralizados. Este é o único camiño para deter a acumulación por desposesión á que nos está levando o manexo da economía por parte dos monopolios.

 A acumulación dominada polos monopolios pode ser de feito reproducida soamente se a área suxeita á “xestión do mercado” está en constante expansión. Isto é posíbel pola excesiva privatización dos servizos públicos (desposesión dos cidadáns), e o acceso a recursos naturais (desposesión dos pobos). A extracción das ganancias das unidades económicas “independentes” por parte dos monopolios é tamén unha desposesión (entre capitalistas!) da oligarquía financeira.

Des-financeirización: un mundo sen Wall Street

 A nacionalización/ socialización dos monopolios debería abolir o principio de "valor das accións" imposto pola estratexia de acumulación ao servizo da renda monopólica. O obxectivo é esencial para calquera axenda que queira escapar do anquilosamento baixo o cal nos ten apreixados a actual xestión da economía. O desenvolvemento dun proceso de nacionalización trastorna a financeirización da xestión da economía. Pero estariamos regresando á famosa "eutanasia da renda" acuñada por Keynes na súa época? Non necesariamente, e desde logo non completamente. Pódese fomentar o aforro, pero baixo a condición de que a súa orixe (aforros dos traballadores, negocios, comunidades) e as condicións das ganancias, sexan ben definidas. O discurso do aforro macroeconómico na teoría económica convencional agocha a pretensión do acceso exclusivo ao mercado de capital por parte dos monopolios. A tan chamada “ganancia xerada polo mercado” non é outra cousa que o medio para garantir o crecemento da renda monopólica.

 Por suposto a nacionalización / socialización dos monopolios tamén se pode utilizar para os bancos, polo menos para os máis grandes. Pero a socialización da súa intervención ("políticas de crédito") ten características específicas que requiren de máis precisión na constitución dos seus consellos de administración. A nacionalización no sentido máis clásico refírese unicamente á substitución de consellos de administración conformados por accionistas privados por outros definidos polo Estado. Isto permitiría, en principio, a implementación de políticas de crédito formuladas desde o Estado, o cal non é pouco. Pero non é suficiente se consideramos que a socialización require da participación de accionistas sociais relevantes na xestión do banco. Aquí a xestión dos bancos polos seus propios traballadores non sería o máis apropiado. O persoal afectado debe ser incorporado nas decisións sobre as súas propias condicións laborais, pero pouco máis, debido a que non lle corresponde determinar as políticas de crédito que deben ser desenvolvidas.

 Se os consellos de administración deben lidar co conflito de intereses entre os que provén empréstitos (os bancos) e aqueles que os reciben (as "empresas"), a fórmula para a composición dos consellos de administración debe ser deseñada tomando en conta cales son estas empresas e que é o que necesitan. Necesitamos unha restruturación do sistema bancario, sistema que se converteu en algo excesivamente centralizado desde que os marcos regulatorios dos últimos dous séculos foron abandonados nas últimas catro décadas. Este é un argumento forte que xustifica a reconstrución da especialización bancaria en función dos requirimentos dos beneficiarios dos créditos, así como da súa propia función económica (provisión de liquidez a curto prazo, contribuír ao financiamento de investimentos a medio e longo prazo). Deberiamos entón por exemplo, crear un " banco agrícola" (ou un conxunto coordinado de bancos agrícolas) que incluiría entre a súa clientela incluír non só pequenos propietarios de terra e campesiños senón tamén a todos os involucrados nas diferentes entidades da agricultura descritas arriba. O consello de administración do banco podería incorporar por unha banda os “bancarios” (persoal do banco, os que foron recrutados polo consello de administración) e outros clientes (pequenos propietarios de terra ou campesiños, e outras entidades.

 Podemos imaxinar tamén outros tipos de sistemas articulados de bancos, adecuados para diferentes sectores industriais, onde os consellos de administración poderían incluír clientes industriais, así como centros de investigación, tecnoloxía e servizos, para asegurar o control do impacto ecolóxico da industria, e deste xeito garantir o mínimo risco (recoñecendo está claro que ningunha acción humana está completamente libre de riscos), e vinculalo a un debate transparente e democrático.

 A des-financeirización da xestión económica require así mesmo de dous tipos de lexislación. A primeira referente á autoridade dun Estado soberano para prohibir que fondos especulativos (fondos de cobertura) operen no seu propio territorio. A segunda é a referida aos fondos de pensións, os cales se converteron actualmente nos maiores operadores na financeirización do sistema económico. Estes fondos foron designados, en Estados Unidos en primeiro lugar por suposto, para transferir aos traballadores os riscos normalmente asumidos polo capital, e que constitúen as razóns ás que se adoita apelar para xustificar a remuneración do capital! Isto constitúe unha argallada escandalosa, en clara contradición mesmo coa defensa ideolóxica do capitalismo! Pero esta "invención" é un instrumento ideal para as estratexias de acumulación dominadas polos monopolios.

 A abolición dos fondos de pensións é necesaria para o beneficio de sistemas redistributivos de pensións, os cales, pola súa propia natureza, requiren dun debate democrático para determinar as cantidades e períodos de contribución así como a relación entre as cantidades das pensións e os pagamentos. Nunha democracia que respecta dereitos sociais, os sistemas de pensións son universalmente accesíbeis para todos os traballadores.

 Todas as medidas de des-financeirización suxeridas aquí lévannos a unha conclusión obvia: Un mundo sen Wall Street, collendo prestado o título dun libro de François Morin, é posíbel e desexábel.

 Nun mundo sen Wall Street, a economía está aínda controlada polo mercado. Pero por primeira vez estes mercados son verdadeiramente transparentes, regulados por unha negociación democrática entre actores sociais xenuínos (actores que por primeira vez xa non son adversarios, como ocorre baixo o capitalismo). É o “mercado” financeiro, opacado pola natureza e o carácter dos requirimentos da xestión para beneficio dos monopolios, o que desaparece. Poderiamos mesmo explorar se é que é útil ou non terminar co intercambio de accións, dado que os dereitos á propiedade (tanto na súa forma privada como social) serían dirixidos doutro xeito. O simbolismo en calquera caso -un mundo sen Wall Street- conserva todo o seu poder.

 Des-financeirización non significa en calquera caso a abolición da política macroeconómica e en particular a xestión macro do crédito. Pola contra, restaura a súa eficiencia ao liberándoa da subxugación a estratexias que buscan a maximización das rendas dos monopolios. A restauración dos poderes dos bancos centrais nacionais, xa non máis “independentes” senón dependentes tanto do Estado como dos mercados e regulados pola negociación democrática entre os accionistas sociais, outórganos a formulación dunha política macro de crédito capaz de permitir unha xestión social da economía.

No nivel internacional: desconexión

 Neste punto vou utilizar o termo “desconexión” que propuxen hai medio século, un concepto que o discurso contemporáneo aparentemente substituíu polo sinónimo "des-globalización". Nunca conceptualicei desconexión como unha forma autárquica de refuxio, senón como un cambio estratéxico de cara tanto ás forzas internas como externas en resposta aos requirimentos inevitábeis do desenvolvemento autodeterminado. A desconexión promove a reconstrución dunha globalización baseada na negociación, no canto dunha subordinación aos intereses exclusivos dos monopolios imperialistas. A desconexión fai tamén posíbel a redución das desigualdades internacionais.

 A desconexión é necesaria porque sen esta, as medidas definidas nas dúas seccións previas deste artigo non poderán ser endexamais implementadas a escala global, ou mesmo tampouco a nivel rexional (por exemplo en Europa). Estas medidas unicamente poderán empezar a realizarse no contexto dos estados / nacións a partir de loitas sociais e políticas, comprometidas cun proceso de socialización da xestión da súa economía.

 O imperialismo, baixo a forma adoptou ata xusto logo da Segunda Guerra Mundial, xerou un forte contraste entre centros imperialistas industrializados e periferias dominadas onde a industria foi prohibida. As vitorias dos movementos de liberación nacional iniciaron o proceso de industrialización das periferias, mediante o desenvolvemento de políticas de desconexión necesarias para alcanzar o desenvolvemento endóxeno. Asociadas con reformas sociais, que para aqueles tempos eran reformas radicais, estas desconexións crearon as condicións para un eventual "xurdimento" dos países que máis lonxe chegaran nesa dirección, obviamente con China á cabeza deste bloque de países.

 Mais o imperialismo do actual momento histórico, o imperialismo da Tríade, está forzado a renegociar e “axustarse” ás condicións deste novo momento, e polo tanto a reconstruírse baixo novas bases, baseadas en "vantaxes" mediante as cales búscase manter o privilexio da exclusividade que clasifiquei en cinco categorías. Estas refírense ao control de:

· tecnoloxía

· acceso a recursos naturais do planeta

· integración global dos sistemas monetarios e financeiros

· sistemas de comunicación e información

· armas de destrución masiva.

 Actualmente, a principal forma de desconexión é aquela definida precisamente por estes cinco privilexios do imperialismo contemporáneo. Os países emerxentes están destinados á desconexión destes cinco privilexios, con distintos graos de control e autodeterminación. Mentres que o éxito temperán nas pasadas dúas décadas de desconexión permitiu a aceleración do seu desenvolvemento, en particular a través do desenvolvemento industrial dentro do sistema "liberal" globalizado, é dicir "capitalista", este éxito alimentou a desilusión sobre a posibilidade de continuar por este camiño, é dicir, emerxendo como os novos “socios capitalistas de igual nivel”. A intención de "cooptar" os máis prestixiosos destes países mediante a creación do G20 fomentou estas ilusións.

 Pero coa actual implosión do sistema imperialista (chamado "globalización"), estas ilusións deben esvaerse. O conflito entre os poderes imperialistas da Tríade e os países emerxentes xa é visíbel, e espérase que empeore. Se queren avanzar, as sociedades dos países emerxentes veranse forzadas a avanzar cara a modelos de desenvolvemento autosuficientes mediante plans nacionais e a través do fortalecemento da cooperación Sur-Sur.

 A audacia, nestas circunstancias, inclúe un compromiso fondo e coherente até o final, que vincule as medidas requiridas de desconexión cos avances desexados no progreso social.

 O obxectivo desta radicalización implica: a democratización da sociedade; o consecuente progreso social asociado; e a toma de posicións antiimperialistas. Un compromiso nesta dirección é posíbel, non só para as sociedades dos países emerxentes, senón tamén para os "abandonados" ou os “invisibilizados” do Sur global. Estes países foron recolonizados a través dos programas de axuste estrutural dos anos 80. Os seus pobos están actualmente mobilizados, e ou ben alcanzaron algunhas vitorias (en América do Sur) ou non o lograron aínda (no mundo árabe).

 Audacia significa que a esquerda radical destas sociedades debe ter a coraxe necesaria para medir os retos que afronta e apoiar a continuación e radicalización das necesarias loitas actualmente en marcha.

 A desconexión do Sur prepara o camiño para a deconstrución do propio sistema imperialista. Isto é especificamente obvio claro en áreas afectadas pola xestión do sistema monetario e financeiro global, resultado da hexemonía do dólar.

 Mais coidado: é unha ilusión esperar que a este sistema o substitúa “outro mundo monetario e outro sistema financeiro” que sexa máis equilibrado e favorábel para o desenvolvemento das periferias. Como adoita ocorrer, a procura dun “consenso” baseado na reconstrución internacional e producido desde arriba, é un mero desexo en espera de que ocorra un milagre. O que está na axenda agora é a deconstrución do sistema existente -a súa propia implosión- e a reconstrución de sistemas nacionais alternativos (para países, continentes ou rexións), algo que xa comezou a suceder en América do Sur. Audacia é ter a coraxe de avanzar coa maior determinación posíbel, sen se preocupar demasiado por como vaia reaccionar o imperialismo.

 A mesma cuestión da desconexión é igualmente importante para Europa, que é unha especie de subescenario de globalización dominado por monopolios. O proxecto europeo foi deseñado desde fóra e construído sistematicamente para desposuír a xente da súa capacidade para exercer o seu poder democrático. A Unión Europea foi establecida como un protectorado dos monopolios. Coa implosión da zona euro, a subordinación á ganancia dos monopolios significou a abolición da democracia, que foi reducida ao status de farsa e que adopta formas extremas, concentrándose só na pregunta: como o “mercado” (ou sexa os monopolios) e as “axencias de cualificación de riscos” (é dicir, de novo os monopolios) reaccionan? Actualmente ese é o único asunto formulado. Xa non é un tema a ser considerado o como a xente reacciona.

 Está claro que nin aquí nin alí existe unha alternativa á audacia: é necesario "desobedecer" as regras impostas pola "Constitución Europea" e o ficticio Banco Central Europeo. Noutras palabras, non existe outra alternativa que deconstruír as institucións europeas e a zona euro. Este é o pre requisito indeclinábel para a eventual reconstrución de "outra Europa" de pobos e nacións.

 En conclusión: Audacia, máis audacia, sempre audacia.

 En definitiva isto é o que quero dicir con audacia:

(i) Para a esquerda radical das sociedades da Tríade imperialista, a necesidade dun compromiso para construír un bloque social anti monopólico.

(ii) Para a esquerda radical das sociedades da periferia, o compromiso de construír un bloque social alternativo anti-comprador.

 Vai levar tempo avanzar na construción destes bloques, pero poderíase dar unha aceleración se é que a esquerda radical se move con determinación e se compromete en avanzar polo longo camiño ao socialismo. É con todo necesario propor estratexias non para “saír da crise do capitalismo” senón para “saír do capitalismo en crise”, como di o título dun dos meus recentes traballos.

 Estamos nun período crucial da historia. A única lexitimidade do capitalismo é crear as condicións para transitar ao socialismo, que debemos entendelo como unha fase máis avanzada da civilización. O capitalismo é xa un sistema obsoleto, a súa continuidade só pode levarnos á barbarie. Non é posíbel outro capitalismo. A posibilidade dun choque de civilizacións é, como sempre, incerto. Ou a esquerda radical triúnfa mediante a audacia das súas propias iniciativas para elaborar avances revolucionarios, ou a contrarrevolución gañará.

 Todas as estratexias da esquerda non radical non son de feito estratexias, senón tan só axustes conxunturais aos altibaixos dun sistema que implosiona. E se o poder que se quere, como Il Gatopardo, é o de "cambiar todo para que nada cambie", e se os candidatos da esquerda cren que é posíbel "cambiar a vida sen tocar o poder dos monopolios", a esquerda non radical non deterá o triunfo da barbarie do capitalismo. Xa perderon a batalla por non querer enfrontalo.

 Audacia é o que fai falta para provocar o outono do capitalismo, outono que será anunciado pola implosión do propio sistema e polo nacemento dunha auténtica primavera dos pobos, unha primavera posíbel.

____________________________________________________________________________

[1] Sobre os inputs: “Empézase considerando, por razóns de simplificación, que se produce un só ben (ou servizo) por unha empresa e que para producilo é necesario unha serie de elementos denominados factores de produción (tamén poden ser denominados insumos ou inputs). O ben ou servizo producido recibe o nome de output. A función que relacionaría as cantidades da cantidade de factores produtivos utilizados co output obtido recibe o nome de función de produción. Os inputs utilizados serían as materias primas, produtos intermedios (comprados a outra empresa ou obtidos noutro proceso de produción da mesma empresa), o traballo humano usado, as subministracións de enerxía, auga e similares, o custo de repor o capital utilizado, maquinaria, ferramentas), xa que sofre desgaste polo uso no proceso de fabricación. Unha simplificación frecuente é reducir a dous os factores: capital e traballo. Traballo representaría o traballo humano, capital o resto”. en http://es.wikipedia.org/wiki/Microeconom%C3%ADa

____________________________________________________________________________

Referencias:

Samir Amin, Sortir de la crise du capitalisme ou sortir du capitalisme en crise; Le temps des cerises, 2009.

Samir Amin, Ending the crisis of capitalism or ending capitalism. Pambazuka Press 2011

Samir Amin, Du capitalisme à la civilisation; Syllepse, 2008.

Aurélien Bernier, Désobéissons à l’Union Européenne; Les mille et une nuits, 2011.

Jacques Nikonoff, Sortir de l’euro; Mes mille et une nuits, 2011.

François Morin, Un monde sans Wall Street; Le seuil, 2011. ____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web ‘América Latina en Movimiento’, do 13 de decembro de 2011]

cig.prensa@galizacig.com