
Vigo (1984). Militante nacionalista galego, participou e participa de diversos movementos sociais (estudantil, veciñal...). No eido sindical é membro da Executiva Comarcal de Vigo e do Consello Nacional da Federación de Banca, Aforro, Seguros, Oficinas e Telemárketing da CIG. Forma parte tamén da Dirección Comarcal confederal da CIG en Vigo. Colaborador de opinión en diferentes medios de comunicación é autor do blogue Contradiscurso (www.contradiscurso.net).
O salario social, ou salario de inserción laboral, é unha histórica demanda do sindicalismo nacionalista. A CIG leva anos teimando na súa proposta, que a pesar de ter un fondo carácter social, e unha necesidade evidente, non obtivo o necesario respaldo e semellaba ter caído nunha especie de limbo das iniciativas políticas.
Dende unha concepción xa non de clase, senón esencialmente progresista e de esquerdas, non se pode comprender, nin tolerar, que a actual formulación do suposto estado do benestar, permita que os parados de longa duración, ou aqueles que pola súa precariedade e inestabilidade laboral non puideron optar ao subsidio por desemprego -entre os que destaca a mocidade-, queden literalmente "tirados" sen acceso a ningunha vía de ingresos que garanta a súa subsistencia en termos dignos.
Non estou a describir unha entelequia, nin unha realidade simulada. No cotiá todas e todos somos sabedores, cando non protagonistas, de dramas persoais desta índole, onde no mellor dos casos é a solidariedade familiar ou veciñal a que impide que estas familias traballadoras, invisíbeis aos ollos do sistema de protección social, non sobarden a liña da exclusión, da que é tan difícil retornar.
Esta situación vese agravada pola tremenda dependencia ao crédito, que forzou o propio sistema mediante a redución do poder de compra da clase traballadora e a imposición de dinámicas de consumo irracionais e insostíbeis, coa maior ofensiva da mercadotecnia do capital da historia, e que na actualidade está a afogar a unha grande cantidade de persoas.
En termos económicos nas últimas décadas a queda da capacidade adquisitiva, mediante a conxelación dos salarios, fixo que os traballadores tivesen cada vez unha solvencia máis limitada, e que nos casos máis agudos mesmo se chegase a situacións de falta de toda liquidez. Isto é, traballadores aos que despois de que o capital lles teña extraído no seu beneficio inxentes cantidades de máis-valor, queden na rúa e sen un peso.
O que propón a central sindical nacionalista, é unha medida que ten unha transcendencia revolucionaria, porque ataca un dos eixos máis perigosos do actual sistema: a desprotección da clase traballadora.
O salario social, concíbese como unha prestación de contía equivalente ao salario mínimo interprofesional, á que terían dereito os traballadores que sendo maiores de 21 anos, residan en Galiza durante un mínimo de tres, leven aló menos un dados de alta como demandantes de emprego, e non estean a percibir ningunha outra prestación.
Tratase pois de estender na práctica a cobertura social ao desemprego, que ven sendo recortada e restrinxida sucesivamente, sobre todo no relativo á súa duración, que unicamente conlevaría o compromiso por parte do traballador de asistir a cursos de formación profesional, así como a realizar traballos de carácter social.
En relación a este último aspecto, o dos traballos sociais, é preciso destacar que co desenvolvemento de traballo en beneficio da comunidade, do que habería que concretar a súa natureza e tipoloxía, conseguiríase un duplo beneficio. O traballador percibiría un subsidio ao tempo que se sentiría útil e produtivo por realizar esas tarefas, e o conxunto da sociedade empregaría no seu beneficio esa forza de traballo que o capital rexeita e non utiliza.
Hai poucos días o Bloque Nacionalista Galego, por boca do seu portavoz no Congreso, Francisco Jorquera, ven de asumir a reivindicación dun salario social. De entrada esa asunción é un feito positivo en si mesmo, pero haberá que agardar á constitución do renovado Parlamento Galego, e a coñecer a súa correlación de forzas, para ver si se efectiviza ou non, e en que termos.
En síntese o salario social é unha medida necesaria, e urxente neste escenario de crise sistémica, non só para mellorar a protección social -compre lembrar que son hoxe máis de 30.000 familias galegas as que non perciben ningún subsidio-, senón tamén como elemento con clara vocación de redistribución da renda, de integración social, e que pode potenciar o consumo e o mercado interno, así como o propio emprego.
[Artigo publicado no sitio web ‘GZ Nación’, o 19 de febreiro de 2009]