
Nado en 1946 (Seoane-Allariz), foi secretario xeral da central sindical nacionalista INTG e membro da Executiva confederal da CIG até o ano 2009.
Na actualidade, é director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza, vinculada á CIG.
Neste intre Grecia é o laboratorio dos remedios que desde o neoliberalismo se queren impor pra saír da crise. Tamén é o país no que a clase traballadora (ou unha importante fración dela) ten contestado con máis combatividade e coherencia todas e cada unha das medidas de retallo de dereitos e condicións sociais.
Neste aspecto tamén son un exemplo a termos en consideración. O último destes paros foi o do 23 de febreiro 'pra frear as políticas de austeridade, que a Unión Europea e o FMI esixen a Grecia', o decimo en trece meses. A folga xeral foi convocada polas dúas grandes centrais sindicais, a GSEE do sector privado e a ADEDY do sector público, nas que ten moito peso a militancia do PASOK, ou sexa do mesmo partido que está xestionado o retallo de dereitos e servizos básicos.
Agora ben, non se pode ignorar que nesta oposición frontal, nas mobilizacións e folgas que acotío se convocan, o Partido Comunista Grego (KKE) e o PAME (a tendencia sindical ligada ao KKE) teñen un papel de fermento e impulsores inequívoco. Poderánselle facer moitas críticas a ambas formacións, porén non a do derrotismo e de non estar na primeira liña da defensa dos intereses da clase obreira, e isto en intres de conxuntura, de prédica da impotencia, é un atributo moi importante de calquera proxecto alternativo ao sistema. Sen dubida, aínda que estes procesos son lentos, e dánse máis cedo na vangarda que no conxunto do movemento, a medio prazo (de manterse a situación) o KKE saíra reforzado deste proceso.
Pra alén da correlación de forzas, o certo é que as medidas impostas a Grecia, e xestionadas submisamente polo PASOK (Partido Socialista Pan Helénico), en vez de permitir recuperar a actividade económica e o emprego, foron agudizando a crise. A taxa de desemprego sitúase hoxe nun 20% segundo os sindicatos, e a economía recuou no ano 2010 nada menos que 4,2%. A inflación era do 5,2% interanual en xaneiro de 2011, e os salarios dos empregados públicos foron reducidos un 20% o ano pasado. Todo este inmenso sacrificio, botado enriba das costas das clases populares, pra pagar os préstamos exteriores e a salvataxe da banca. Porén ademais desta custosa dieta vanse privatizar activos públicos por 50 mil millóns de euros ate o ano 2015. Mesmo houbo un alto cargo alemán que suxeriu vender illas e praias pra pagar débedas.
Desde que encetou o plano de choque imposto pola Unión Europea este foi modificado, unha e outra vez, impoñendo novas condicións máis duras que están debilitando ate a súa total extenuación e dependencia á economía grega. Non foi, como se di, un préstamo solidario pra evitar males maiores, senón que ten como principal finalidade garantir o cobro das débedas a calquera custe por parte dos estados que controlan a Unión Europea (especialmente Alemaña e Francia). Por iso ten tanta importancia seguir o que acontece en Grecia, porque é un adianto práctico de cales son as regras de xogo reais dentro da Unión Europea, pra alén dos discursos pra galería e da escenificación mediatica das reunións da Comisión e do Parlamento.
Tampouco é certo, como se afirma polos governos sometidos a esta presión nos países espoliados, que non existan outras saídas. Hainas, porén implican mudar de preferencias, e buscar a complicidade e apoio das clases populares, en detrimento dos grandes grupos de poder. Que sucedería se Irlanda, Portugal, Grecia e o Estado español saíran do euro? Deste xeito, por exemplo, poderían aumentar a competitividade da economía, sen afectar como hoxe o emprego, e asemade esta recuperación de competencias económicas permitiría negociar desde unha postura forte o pago das débedas exteriores a mais longo prazo. Non é a única posibilidade, en todo caso, a submisión á ditadura da grande burguesía axe en contra da historia e da xente.
[Artigo tirado do xornal ‘La Región’, do 22 de marzo de 2011]