
Sociólogo e científico social histórico estadounidense, nado en Nova York en 1930. De filiación marxista, ntre as súas achegas está a teoría do sistema-mundo. Foi profesor de socioloxía na Universidade de Binghamton até a súa xubilación en 1999, así como director do Centro Fernand Braudel para os estudos económicos, sistemas históricos e civilización. Na actualidade, escribe os seus comentarios quincenais no sitio web do Fernand Braudel Center.
Entre os seus numerosos libros pódense salientar: The Modern World-System (vol. 1, 2 e 3), Historical Capitalism (1983), The Politics of the World-Economy. The States, the Movements and the Civilizations (1984), Geopolitics and Geoculture: Essays on the Changing World-System (1991), After Liberalism (1995), Decline of American Power: The U.S. in a Chaotic World (2003) ou European Universalism: The Rhetoric of Power (2006).
A esquerda chegou ao poder en América latina debido á distracción estadounidense e aos bos tempos económicos. Agora enfronta unha distracción continuada, pero os tempos económicos son malos e comezan a culpala porque está no poder, aínda que hai pouco que poidan facer os gobernos de centroesquerda respecto da economía mundial…
A presidencia de George W. Bush foi o momento de maior arrasamento electoral por parte dos partidos de centroesquerda en América latina nos últimos dous séculos. A presidencia de Barack Obama corre o risco de ser o momento da vinganza da dereita en América latina. A razón ben pode ser a mesma: a combinación da decadencia do poderío estadounidense coa continuada centralidade de Estados Unidos na política mundial. Ao mesmo tempo, Wahington é incapaz de imporse en por si e todo o mundo espera que entre ao terreo de xogo no bando deles.
Que foi o que ocorreu en Honduras? Hai moito que este país é un dos alicerces máis seguros das oligarquías latinoamericanas: ten unha clase dominante arrogante e sen arrepentimento, garda vínculos próximos con Estados Unidos e é o sitio dunha importante base militar estadounidense. Nas últimas eleccións, Manuel “Mel” Zelaya foi electo presidente.
Sendo un produto das clases dominantes, esperábase que continuase xogando o xogo na forma en que os presidentes hondureños o xogaron sempre. En cambio, inclinou as súas políticas cara á esquerda. Emprendeu programas internos que en verdade fixeron algo pola ampla maioría da poboación: construíronse escolas en áreas rurais remotas, aumentouse o salario mínimo, abríronse clínicas de saúde.
Comezou o seu período apoiando o tratado de libre comercio con Estados Unidos, pero dous anos despois uniuse ao ALBA, a organización de Estados que creou o presidente Hugo Chávez. O resultado foi que Honduras obtivo petróleo barato procedente de Venezuela. Logo propuxo a celebración dun referendo para saber se a poboación pensaba que era boa idea revisar a Constitución. A oligarquía berrou que este era un intento de Zelaya de cambiar as leis e facer posíbel que el accedese a un segundo período. Dado que se prevía que a consulta ocorrese o día en que o seu sucesor fose electo, esta é claramente unha razón inventada. Por que entón escenificou o exército un golpe de estado co respaldo da Suprema Corte, o Congreso hondureño e a xerarquía católica?
Dous factores conflúen aquí: a súa visión de Zelaya e a súa percepción de Estados Unidos. Nos anos trinta, a dereita estadounidense atacou a Franklin Roosevelt como “traidor á súa clase”. Para a oligarquía hondureña, iso significa que Zelaya, “un traidor á súa clase”, é alguén que debería ser castigado como exemplo para outros.
E que pasa con Estados Unidos? Cando ocorreu o golpe, algúns comentaristas da esquerda vociferante na blogosfera chamáronlle “o golpe de estado de Obama”.
Nin Zelaya nin os seus simpatizantes na rúa, nin tampouco Chávez ou Fidel Castro teñen esa visión tan simplista. Todos eles notan a diferenza entre Obama e a dereita estadounidense (líderes políticos ou figuras militares). Parece claro que a última cousa que o goberno de Obama quería era este golpe de estado. Foi un intento por forzarlle a man. Sen dúbida isto recibiu alento de figuras chave da dereita estadounidense, como Otto Reich (o cubano-estadounidense e ex conselleiro de Bush) e o International Republican Institute.
Sexamos testemuñas dalgunhas das aseveracións máis desorbitadas dos golpistas. O ministro de Relacións Exteriores do goberno de facto, Enrique Ortez, dixo que Obama era un “negriño que non sabe ren”. En calquera caso, o embaixador estadounidense protestou tallantemente ante o insulto. Ortez desculpouse pola súa “desafortunada expresión”, e cambiouno a outro posto no goberno. Ortez concedeu unha entrevista á televisión hondureña dicindo: “Non teño prexuízos raciais, gústame o negriño que está presidindo Estados Unidos”. Sen dúbida, a dereita estadounidense é máis cortés, pero non menos denunciatoria de Obama. O senador republicano Jim DeMint, a deputada republicana cubanoestadounidense Ileana RosLehtinen e o avogado conservador Manuel A. Estrada, todos insistiron en que o golpe estivo xustificado porque non foi un golpe de estado, senón xustamente unha defensa da Constitución hondureña. E a blogueira dereitista Jennifer Rubin publicou un texto o 13 de xullo titulado: “Obama está mal, mal, mal respecto de Honduras”. O seu equivalente hondureño, Ramón Villeda, publicou unha carta aberta ao presidente estadounidense o 11 de xullo, onde dicía: “Non é a primeira vez que Washington erra e abandona, en momentos críticos, a un aliado e amigo”. A dereita hondureña fai o seu xogo buscando gañar tempo, até que o período de Zelaya termine. Se logran o seu obxectivo, gañarían. E a dereita guatemalteca, a salvadoreña e a nicaraguana observan polos costados, e xa lles proen as ganas de comezar os seus propios golpes de estado contra os seus gobernos que non son xa de dereita.
É posíbel que a dereita gañe as eleccións este ano e o ano entrante en Arxentina e Brasil, e se cadra en Uruguai e Chile. Tres analistas importantes do Cono Sur publicaron as súas explicacións. Atilio Boron fala da “futilidade do golpe”. O sociólogo brasileiro Emir Sader di que América latina enfronta unha encrucillada: “A profundación do antineoliberalismo ou a restauración conservadora”. O xornalista uruguaio Raúl Zibechi titula a súa análise “A irresistíbel decadencia do progresismo”. Zibechi pensa que as débiles políticas de Lula, Vázquez, Kirchner e Bachelet (Brasil, Uruguai, Arxentina e Chile) fortaleceron a dereita (que enxerga adoptando un estilo Berlusconi) e dividiron a esquerda. Penso que hai unha explicación máis directa e simple. A esquerda chegou ao poder en América latina debido á distracción estadounidense e aos bos tempos económicos. Agora enfronta unha distracción continuada, pero os tempos económicos son malos e comezan a culpala porque está no poder, aínda que hai pouco que poidan facer os gobernos de centroesquerda respecto da economía mundial. Pode Estados Unidos facer algo a respecto deste golpe de estado? Abofé. Primeiro, Obama pode oficialmente cualificar o golpe como un golpe de estado. Isto podería disparar unha lei estadounidense que lle cortase toda a asistencia de Estados Unidos a Honduras. Pode cercenar as continuadas relacións do Pentágono cos militares hondureños.
Pode retirar ao embaixador estadounidense. Pode dicir que non hai nada que negociar no canto de insistir na “mediación” entre o goberno lexítimo e os líderes golpistas. Por que non fai todo iso? É moi simple, tamén. Ten polo menos outros catro súper puntos pendentes na súa axenda: a confirmación de Sonia Sotomayor na Suprema Corte; unha lea continuada no medio Oriente; a súa necesidade de aprobar a lexislación de saúde este ano (se non é en agosto, en decembro), e de súpeto unha presión enorme por abrir as investigacións dos actos ilegais do goberno de Bush. Síntoo, pero Honduras ten o quinto lugar na lista. Así que Barack Obama, constrinxido entre dúas posturas fortes, non fai senón gañar tempo facendo chiscadelas a uns e a outros, sen asumir unha actitude clara. E ninguén quedará contento. Zelaya pode ser restaurado no cargo, pero se cadra só tres meses a partir de agora. Demasiado tarde. Póñanlle atención a Guatemala.
[Artigo tirado do xornal mexicano ‘La Jornada’, do 18 de xullo de 2009]