Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
23/7/2009

Nado en 1946 (Seoane-Allariz), foi secretario xeral da central sindical nacionalista INTG e membro da Executiva confederal da CIG até o ano 2009.
Na actualidade, é director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza, vinculada á CIG.

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Nicaragua: Sandinistas no poder

Fai agora trinta anos, nomeadamente o 19 de xullo, que a Fronte Sandinista de Liberación Nacional (FSLN) chegaba ao poder en Nicaragua por vez primeira, despois de derrotar ao ditador Anastasío Somoza. Remataban deste xeito 43 anos de control deste país de América Central por parte da familia Somoza.

Así recolle unha publicación este feito histórico A euforia que percorreu o país cando se coñeceu a fuxida do ditador, o martes 17, chegou ao clímax nas rúas de Managua ao paso das tropas do FSLN. Desde a entrada de Fidel Castro na Habana, en xaneiro de 1959, non houbo seguramente en América Latina unha maior manifestación de ledicia popular (Crónica do século XX, Plaza y Janes).

A povoación era en 1978 de 2.500.000 persoas e o PIB chegaba a 1.883 millóns de dólares. No ano 1976 a débeda externa atinxía os mil millóns de dólares, había 200.000 parados e 64% da povoación activa adicabase a tarefas agrícolas. A economía estaba controlada polos norteamericanos, a través de 59 compañías transnacionais. Ademais, Somoza era dono das millores terras de cultivo e dos sectores fundamentais da industria manufactureira. A ditadura caracterizouse polo roubo e a corrupción en beneficio da familia Somoza e dos oficiais da Garda Nacional, que explotaban prostíbulos, cabarés, clubes, maquinas de xogo, etc.

Despois de dúas décadas de loita revolucionaria, que no derradeiro ano converteuse nunha insurreción popular caeu a ditadura. Calculase que neste último período a guerra causou 200.000 mortos, 250.000 refuxiados e a destrución dos fogares de 600.000 persoas. A actitude dos Estados Unidos, governaba Cárter, de apoio a Somoza, segundo algúns analistas por temor á chegada ao poder dos sandinista (aínda que é evidente que non só por isto), alongou a loita e os custes da guerra. Despois da queda da ditadura o Departamento de Estado quixo que o FSLN incluirá cinco homes da confianza dos norteamericanos na Xunta de Governo, ao que os sandinistas se negaron. A Xunta estaba integrada por: Sergio Ramirez, Alfonso Robelo, Moises Hasán, Daniel Ortega e Violeta Chamorro.

Coa chegada ao governo da Fronte viñeron tempos de alfabetización, distribución da terra, porén tamén de tensión e guerra, xa que os Estados Unidos apoiaron e armaron aos grupos de oposición con base na Garda Nacional da época de Somoza (a contra) con centro de operacións en Honduras. A economía do país foise resentindo, a queda da Unión Soviética e os problemas que induciu en Cuba debilitaron a axuda exterior.

Nas eleicións de 1990, nunha campaña onde asemade se xogou co medo da povoación e o cansazo da guerra, Violeta Chamorro venceu ao FSLN. Comezaron as privatizacións e, aínda que a inflación reduciuse moito, a situación económica da maioría da povoación agravouse, dando pulo á emigración. Durante dezaseis anos os partidos das clases dominantes aplicaron en Nicaragua todo tipo de medidas neoliberais, que as beneficiaron a elas exclusivamente a costa do aumento da pobreza da maioría da xente, así como do retroceso en aspectos sociais que avanzaran moito durante a etapa de governo sandinista, especialmente o ensino e a saúde.

No ano 2006 o FSLN conseguía a maioría eleitoral e Daniel Ortega era nomeado Presidente da República. Abríase deste xeito unha nova etapa en Nicaragua (que se incorporaba ao ALBA), nun contexto máis complexo que na década do oitenta, xa que ten que se enfrontar as consecuencias da crise actual cunha economía máis dependente. Aínda así, o medre do PIB durante 2008 foi do 3,2%, e as previsións de crecemento do FMI pra o ano 2009 son do 0,5% e no 2010 do 1%, uns dados positivos en comparación coa media mundial, que durante o 2009 estará en números vermellos.

O FSLN ten agora unha segunda oportunidade, na que debe millorar as condicións de vida da xente e combater a corrupción da etapa dos governos conservadores e de dereita e, ademais, manter a distancia as pretensións hexemónicas dos Estados Unidos, que non van desaparecer con Obama. Un reto difícil.

[Artigo tirado do xornal ‘La Región’, do 21 de xullo de 2009]

cig.prensa@galizacig.com