
A folga xeral foi un fracaso. Eis o titular da prensa o 29 de xaneiro. Non fai falla ser un visionario. Decatámonos do silencio absoluto que impuxeron os medios de comunicación respecto da Folga Xeral. Xa acordaron o titular no mesmo día da convocatoria.
Os medios de comunicación encárganse de centrar os debates e crear estados de opinión. Son aparellos ideolóxicos. Do que eles falan, fala a xente. Do que non falan, non se debe falar. Fálase só do que os grandes partidos queren que se fale. Os medios escollen a información, para reproducir e interpretar, segundo ideoloxía, o que diga PP ou PSOE.
As persoas, polos motivos que sexan, tampouco adoitan procurar unha información alternativa. Asumen, resignadamente: éche o que hai. Abofé, se a maioría da xente non quere saber de compromisos e pluralismo. E un por outro fan un feixe de persoas. Así, evidentemente, ninguén se pode laiar do noxo do telelixo ou do partidismo exacerbante da radio ou prensa. Ou mesmo de que non exista medios en galego. Sentemos e miremos ao ceo a ver que cae ou o río pasar.
O neoliberalismo é un fracaso. Un titular que non lemos pero que calquera do común sabe que é certo. Sabemos que é o sistema o responsábel da crise. As persoas non seremos honoris causa de estrutura económica, mercado financeiro ou prestixiosos analistas da burbulla inmobiliaria mais sabemos que o sistema é culpábel.
A privatización das caixas é un fracaso. Outro titular que unha boa chea de xente apoiaría. Se cadra volvemos ser limitados nos coñecementos das leis de caixas, do FROB ou da LORCA. Mais sabemos que o estado inxectou cartos públicos para “sanear” quen sabe o que e que agora resulta non saneou nada posto que se precisa de capital privado e, unha vez máis de capital público. É dicir, privatizarán as caixas, inxectarán os nosos cartos e cando haxa beneficios se repartirán entre os accionistas e nós quedaremos fóra da partida.
O debate sobre o aumento na idade de xubilación é un fracaso. Si, sabémolo e non somos parvos. Non hai debate, hai un mandato dende o FMI e o Banco Mundial. Moito máis grave é aumentar os anos de cotización ou de base para as pensións. Os medios só falan dos 67 anos, do outro non. Pero nós sabemos, sen sermos ministros nin conselleiros ou asesores económicos que a reforma será unha afronta ao noso dereito de termos unha xubilación xusta e digna, que gañamos tras anos e anos de vida laboral, de xerarmos riqueza, de crearmos actividade.
As reformas laborais son un fracaso. Máis un titular porque sabemos que nas reformas laborais o único que se produce é un retroceso nos dereitos sociolaborais. Cando foi a reforma en que os traballadores saímos gañando? E todos sabemos, igualmente, que os beneficiados son uns poucos que concentran o poder económico.
As leis do mercado son un fracaso. Dende uns meses aquí soubemos o que é a especulación bursátil e que era iso do “deixar facer” ou “a man invisíbel” que pregoaban os defensores do liberalismo económico. E entón comezamos a preocuparnos pola emisión de débeda, polos altos intereses que ten, polo “que se salve quen poida” dos chamados socios europeos... soubemos que a unión monetaria, a globalización e o “bo rollo” dos países occidentais era unha patraña de profundo calado.
O estado das autonomías é un fracaso. E quen non o sabe? Pero por que é un fracaso, por que se derrochan cartos? Claro, o estado das autonomías é o calcetín furado das finanzas. A crise é culpa das autonomías! Non da banca, non da especulación, non dos excesos e descontrol orzamentario ou da irresponsabilidade dos esquecidos créditos lixo. Os nacionalistas son os culpábeis. As linguas diferentes da española. As culturas alleas ao casticismo central. Tanto ten a evasión fiscal, a fuga de capital, os privilexios, ou os 6.000 mil millóns de euros que o Estado dá á Igrexa ou as facturas dunha ducia de deputados cargadas ao estado. Porén 300.000 euros (nótese que non son millóns) para respectar as linguas representa unha anormalidade.
O estado das autonomías é un fracaso porque non soubo pórlle remedio a un dos graves problemas na historia española: darlle o correcto encaixe ás nacións sen estado. Podían fomentar o estado federal, o confederal ou estabelecer un sistema asimétrico. Non falemos de que recoñezan a soberanía destes pobos. Non, puxeron unha venda a unha doenza interna. Unha cortina de fume porque na esencia da historia española está o centralismo e o militarismo, principios que afortunadamente algúns españois tamén combaten e comprenden o recoñecemento da diferencialidade como un dereito noso. Saben ben que aquel pensamento, centralismo e militarismo, cando se mestura coa demagoxia e o (neo)irracionalismo só ten unha saída: o feixismo.
[Vigo, 23 de xaneiro de 2011]