Bolivia é un dos países que, ultimamente, estivo crecendo economicamente máis rapidamente en América Latina. O crecemento media anual do seu PIB é do 5,2% desde que o Goberno de Evo Morales iniciou o seu mandato. E é probábel que este ano teña o maior crecemento económico daquel continente.
Os gobernos de Venezuela e de Bolivia teñen moi mala prensa no Estado español. Os rotativos que teñen maior difusión no país publican con gran frecuencia artigos sumamente críticos dos gobernos presididos por Hugo Chávez e por Evo Morales, acusándoos de todo, mesmo de ter un desexo oculto por establecer réximes semellantes ao cubano. Tales rotativos fan constante referencia a unha suposta redución da liberdade de prensa naqueles países, ignorando que existe e continúa existindo maior liberdade e diversidade de prensa naqueles países que no Estado español, realidade que é doada de ver por aquelas persoas que coñezan ben tales países.
Só un exemplo. Cando o Rei de España insultou o Presidente Chávez na reunión de dirixentes de América Latina en 2007, a prensa venezolana estivo dividida, mentres algúns medios defenderon a Chávez, outros defenderon o Rei de España. Había, e continúa habendo, diversidade de opinións. Non así no Estado español. Todos os medios de maior difusión aplaudiron o Rei, e nin un só (repito, nin un) defendeu a Chávez. Existe moita menos diversidade informativa no Estado español que en Venezuela ou Bolivia. Non se publicou ningún artigo naqueles medios favorables á situación en Bolivia.
En realidade, Bolivia é un dos países que, ultimamente, estivo crecendo economicamente máis rapidamente en América Latina. O crecemento media anual do seu PIB é do 5,2% desde que o Goberno de Evo Morales iniciou o seu mandato. E é probábel que este ano teña o maior crecemento económico daquel continente. Esta situación é, como o informe sobre Bolivia do prestixioso Center for Economic and Policy Research de Washington indica, particularmente meritoria debido á enorme crise que está a afectar a toda América Latina, incluíndo Bolivia, onde EEUU retirou gran parte dos seus investimentos naquel país, atravesando, ademais un período de gran convulsión política, resultado dos intentos golpistas da oposición, co predicíbel apoio do goberno federal de EEUU.
O importante a sinalar sobre este dato económico é que o goberno Morales rachou coas políticas neoliberais dos seus antecesores, seguindo políticas opostas ao Pensamento Único que dominaba (e continúa dominando) gran parte das institucións internacionais, como o FMI e o Banco Mundial. Así, aumentou, en lugar de diminuír, o seu déficit fiscal pasando de ter un superávit dun 5% do PIB en 2008, a un déficit de 0,7 en 2009, engadindo un estímulo económico de case 6 puntos do PIB. Este déficit utilizouse para incrementar o investimento público que alcanzou o 10,5% do PIB en 2009 (en 2005 fora dun 6,3% do PIB). Este gran estímulo económico permitiu que Bolivia non caese na recesión que sufriron moitos países en Latinoamérica.
Outro cambio que fixo o Presidente Morales foi o de controlar o gas natural, tanto a súa produción como os beneficios que derivan da súa explotación. Como consecuencia, os ingresos ao estado creceron desde 2004, alcanzando unha porcentaxe, 20% do PIB, descoñecido até o de agora. Parte destes ingresos foron investidos no sistema escolar, en servizos de atención á infancia e ás súas nais (nun programa extenso que ten como obxectivo reducir a mortalidade infantil) e en aumentar as pensións para previr a pobreza entre os anciáns.
Estes gastos dan abeiro ás clases populares e moi en especial aos sectores máis desproveídos de recursos, o cal contribuíu a que as desigualdades sociais (medidas polo índice Gini) se reducisen. Tamén houbo un notábel incremento en servizos de saneamento (a recollida e tratamentos de lixos), pasando de cubrir o 68% ao 80% da poboación. Nin que dicir ten que Bolivia continúa sendo un dos países máis pobres de América Latina. Pero, por primeira vez, desde hai xa moitos anos, os cambios introducidos polo goberno Morales supuxeron un cambio de rumbo moi importante.
É paradoxal que medios e forzas políticas que din estar preocupadas pola enorme pobreza que existe a nivel internacional, mobilizándose para prover axuda humanitaria aos países pobres -como agora en Haití-, se opoñan tan violentamente a aquelas forzas que están a diminuír exitosamente a pobreza.
[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 23 de febreiro de 2010]