
Nado en 1946 (Seoane-Allariz), foi secretario xeral da central sindical nacionalista INTG e membro da Executiva confederal da CIG até o ano 2009.
Na actualidade, é director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza, vinculada á CIG.
Neste intre a rifa a escada planetaria pola distribución da renda estase dando tanto entre as vellas potencias hexemónicas, cos Estados Unidos como imperialismo dominante, e destas como grupo con aquelas novas potencias que xurdiron nas últimas décadas, ben por ter grandes recursos primarios ou unha inmensa man de obra cualificada e barata.
Neste intre, a diferenza da etapa de Bush, a malia que parecía o contrario, a iniciativa está de novo en maus de Washington. Obama sen ningún tipo de complexo, arroupándose da vestimenta democrática, forzou o golpe de estado en Honduras e despois instalou un governo subordinado aos seus intereses, envía tropas a Iemen, prepara unha maior presenza en Colombia e Panamá, e despraza vinte mil soldados a Haití, co argumento pouco críbel da axuda humanitaria.
Os Estados Unidos amosa un especial interese por Oriente Medio, Asia Central, e os países da ribeira do Mar Caribe. Son as zonas con grandes recursos en petróleo e gas. Nestes obxectivos hai un interese común coa Unión Europea e Xapón pra seguir espoliando estas áreas, aínda que Toquio semella manter agora unha política máis independente de Washington. A estas potencias a competencia venlle da banda de China, en rápida expansión industrial e de aumento do consumo interno (alentado en principio pola cobiza das clase dominantes ocidentais, que agoa se laian), e en menor medida de India.
Asemade, tamén hai disputa da torta por parte dalgunhas nacións produtoras de materias primas e enerxía que queren manter altos os prezos, decidir os ritmos de explotación, e aproveitar esta riqueza pra dar pulo ao desenvolvemento nacional. Este é o caso de Rusia, Venezuela, Irán e tamén de Brasil; a diferenza de modelo social e político está marcada polo ALBA. Por esta razón, e só por esta, toda a maquinaria mediática (de alienación), financeira e militar, demoniza a todos e cada un destes países, mentres que considera un estado democrático a Israel, que marxina e reprime aos palestinos e ocupa (ignorando as resolucións da ONU) gran parte deste territorio de xeito ilegal.
Que esta batalla non lle vai moi ben aos Estados Unidos e á Unión Europea é evidente, tanto pola crise que padece o sistema neoliberal, como porque ademais vese obrigada a facerlla pagar en boa medida ás clases populares dos seus propios estados (co que isto ten de conflito e agudización da loita de clases), amosando que non foi quen transferir totalmente ao exterior os custes como noutras etapas históricas (cando menos polo dagora). Neste novo escenario hai que entender o anuncio de Obama, e tamén de Angela Merkel, de que están dispostos a recorrer á enerxía atómica, malia os importantes perigos que isto conleva. Unha decisión que ten moito que ver, non só coa escaseza de petróleo, senón co ascenso de China e un maior custe das materias primas estratéxicas (e daquela cun millor reparto territorial da riqueza). Claro que non podemos esquecer que ante todo Estados Unidos é un imperio militar, coa metade do gasto do mundo, con centos de miles de soldados en 900 bases fóra, e que polo tanto seguirá procurando restablecer a vella orde internacional. Por iso, máis que nunca, inza de bases militares os arredores de China, Rusia, Brasil, Venezuela, Cuba, etcétera.
Moitos pensan que non hai máis remedio que pelexar polos recursos e o mercado (competir), precarizando o traballo e baixando salarios, privatizando e reducindo servizos esenciais, desfacendo a natureza, e mesmo provocando guerras en todos os cantos do mundo, xa que non hai unha vía alternativa ao neoliberalismo. Porén hai outra andaina posíbel. Claro que esta outra vía non permite a acumulación e centralización da riqueza actual, non sacraliza o individualismo, e rexeita a lei da selva.
Esta alternativa ten como alicerces: transferir libremente o coñecemento; potenciar o mercado nacional e local; limitar e controlar as transferencias financeiras; pular polos intercambios solidarios e a axuda humanitaria; colocar á economía ao servizo da sociedade; non disociar á persoa da colectividade na que mora... Mais, hai quen prefire a competencia, porén baixo este sistema a última palabra téñena os donos das armas... e, tamén, parte da responsabilidade aqueles que padecen submisamente.
[Artigo tirado do xornal ‘La Región’, do 23 de febreiro de 2010]