Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
24/2/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Austeridade e prosperidade en tempos de crise

Débese considerar o papel determinante que ten a función especulativa dos axentes financeiros. O mercado ameaza os Estados especulando coa súa débeda. Despois de desencadear episodios terríbeis de fame ao influír sobre o aumento do prezo dos cereais en 2008 -as rebelións do fame estendéronse polo mundo mentres se superaba a barreira dos 1.000 millóns de seres humanos que sofren desnutrición-, os especuladores, desde entón dispostos a facer cambalear os Estados, viraron cara a un sector que ofrecía un maior rendemento do investimento: a chamada débeda «soberana».

«O público debe aprender a tolerar a desigualdade como medio para alcanzar unha maior prosperidade para todos.» Lord Griffiths, vicepresidente de Goldman Sachs, The Guardian, 21 de outubro de 2009 |1|. Os remedios capitalistas administrados en tempos de crise xeran erros que desembocan en novas crises, que estalan regularmente e con maior frecuencia en todos os continentes. En México en 1982 e a finais de 1994, no Sueste asiático en 1997-1998, en Rusia en 1998, en Brasil en 1999, en Turquía en 2000, en Arxentina en 1999-2001 ou en Estados Unidos en 2000-2001, as crises fóronse sucedendo unhas a outras sen provocar ningún cambio estrutural que permitise explorar vías de actuación radicalmente diferentes. Moi a miúdo, os capitais saían do país xusto a tempo para se refuxiaren no exterior, e regresaban cando se recuperaba a calma. Os principais posuidores de capitais saen gañando, mentres que as clases desfavorecidas sofren de cheo esta bategada.

 No verán de 2007, o barco comeza a afundirse e desencadéase unha nova crise que aínda perdura. Pero esta crise difire en diversos aspectos das anteriores. En primeiro lugar, a súa localización xeográfica non é banal, xa que se produce en Estados Unidos, onde se deciden as grandes orientacións económicas mundiais a través de institucións como o Banco Mundial ou o Fondo Monetario Internacional (FMI), con sede en Washington. Isto fixo que se cambalease o «centro financeiro» (en oposición á «periferia» ou «terceiro mundo»), isto é, o punto neurálxico onde o principal mercado financeiro do mundo fixa, día a día, a tendencia ao resto do planeta. Ademais, esta crise é sistémica e multipolar |2|: comezou como unha crise de superproducción no sector inmobiliario residencial en Estados Unidos, que provocou a crise das «subprime» (hipotecas lixo). Esta trouxo aparellada unha crise bancaria e financeira de gran envergadura, que á súa vez afectou ao conxunto da produción dos países máis industrializados. A partir de alí produciuse o retroceso máis brutal rexistrado desde a segunda guerra mundial. Aínda que as economías do terceiro mundo non se viron afectadas directamente por esta tormenta financeira, tamén sentiron os seus efectos. Europa, golpeada de cheo, entrou nunha fase de crise profunda. En moitos países, os gobernos rescataron bancos e compañías de seguros, aumentando deste xeito a débeda pública. Con todo, aínda queda moi lonxe o fin da crise económica. Para rematar, a crise ecolóxica e climática confirma a incapacidade do capitalismo para conservar un planeta viable a curto e a longo prazo, non só para os nosos descendentes senón tamén para as xeracións actuais. Todo isto produce unha crise de confianza, existencial, que ilustra o fracaso do poder político, incapaz de enfrontarse a grandes retos como a eliminación da pobreza ou a resolución dos problemas ambientais e enerxéticos e os problemas derivados do esgotamento dos recursos. Polo tanto, podemos falar dunha crise de civilización, ou sistémica, en tanto e en canto os fundamentos da sociedade quebréntanse.

 As repercusións desta nova crise sistémica son colosais: aumento do desemprego, despedimentos masivos, recorte da protección social, dos salarios e das pensións, explosión da débeda... En Europa, a resposta social non se fixo esperar e en países como Grecia, Romanía, o Estado español, Francia e Portugal producíronse folgas e manifestacións. En ocasións moi radicalizados, estes movementos sociais sofren unha lamentábel falta de unidade e de coordinación a escala europea e mesmo a escala nacional, como no caso de Romanía e Grecia. Efectivamente, para responder a un ataque de orixe supranacional, que ten como actores principais o FMI e a Comisión Europea, conviría actuar da forma máis coordinada posíbel, para poder ofrecer unha resposta á altura do ataque. Só un movemento social decidido e de ámbito europeo podería canalizar o proceso de xeito beneficioso para as poboacións |3| .

 Nin sequera un imperio edificado sobre mentiras -como a de facer a guerra en nome da liberdade-, pode resistir á insurrección dos pobos unidos pola carraxe que suscita a inxustiza capitalista. O totalitarismo das firmas multinacionais erixido en sistema polo dogma do proveito e o mito do crecemento xa non se sostén. Aínda que se repinte de verde, o capitalismo é destrutor. Tomemos as cousas en serio e comecemos por arrincar o mal de xeito radical (radical provén do latín «radix» e este de o grego «rhiza», raíz), co obxectivo de repensar a economía ao servizo do ser humano non dos mercados financeiros.

Revisión rápida sobre a orixe e a evolución da crise actual (2007-2010)

 A crise actual é a prolongación dunha serie de crises que tiveron a súa orixe e epicentro en Estados Unidos: Alan Greenspan, presidente da Reserva Federal (que é o Banco Central dos Estados Unidos) até 2006, aumentou o tipo de xuros do 1 %, tipo correspondente ao 25 de xuño de 2003, ao 4, 5 % o día da súa partida, o 31 de xaneiro de 2006 (alcanzouse un teito do 5, 25 % o 29 de xuño de 2006) |4|. As familias, que foran incitadas por bancos pouco escrupulosos a endebedarse para lograr ser propietarios das súas vivendas atopáronse de súpeto coa imposibilidade de pagar as cotas dunha hipoteca cuxos xuros deran en multiplicarse. A crise hipotecaria estalou en agosto de 2007 por mor da especulación no sector inmobiliario e as súas «subprime», dando por resultado a expulsión de miles de familias das súas vivendas posto que xa non podían pagar as súas hipotecas. Concretamente, en setembro de 2009 calculábase que os embargos inmobiliarios provocaran o desaloxo de 3 millóns de familias nos Estados Unidos |5|.

Cando o contribuínte paga o rescate do seu banco, a débeda privada convértese en pública

 Arrastrado polo estalido da burbulla inmobiliaria estadounidense, o sistema bancario cambaléase, xa que tamén investira amplamente nestas «subprime» e noutros fondos especulativos. O plan Paulson, tamén chamado plan TARP (Troubled Asset Relief Programme), de 700.000 millóns de dólares, aprobado polo Congreso estadounidense en outubro de 2008, serviu fundamentalmente para inxectar fondos no capital dos bancos, para reflotar a compañía de seguros American International Group (AIG) e para axudar o sector automotriz. A fins de novembro de 2009, asignáronse xa 560.000 millóns de dólares no marco deste programa, que se prolongou até outubro de 2010, a pesar de que en principio debía expirar en decembro de 2009. Tras os pasos dos Estados Unidos, a Unión Europea anunciou que se dispuña a inxectar 1,7 billóns de euros para salvar o sistema bancario da zona euro, e o Reino Unido, pola súa banda, ía contribuír con 500.000 millóns de libras. Desde ese momento, os gobernos teiman en rescatar os bancos utilizando o diñeiro público. O 13 de outubro de 2008, Francia aprobou un plan de rescate bancario por un monto de 360.000 millóns de euros, dos que 21.000 millóns foron concedidos aos seis principais bancos privados |6|.

 Como sinala Frédéric Lordon: «A Organización de Cooperación e de Desenvolvemento Económicos (OCDE) avalía en 11,4 billóns de dólares as sumas mobilizadas para o rescate. Ou sexa, 1.676 dólares por cada ser humano?» |7|. De xeito xeral, asistimos á transferencia da débeda privada cara á débeda pública para salvar o sistema bancario. E todo a custo do contribuínte. A poboación pobre, xa penalizada por unha fiscalidade inxusta (IVE, impostos diversos?), é ademais a máis vulnerábel ao desemprego, á caída do poder adquisitivo e aos despedimentos. Pero, ademais de todo iso é realmente necesario pedirlle que pague do seu peto o rescate dun sistema en quebra?

 Contrariamente á publicitada vontade das institucións, a débeda pública continúa aumentando e o seu pagamentos profunda o déficit. Os agasallos concedidos polo Estado ao sector bancario, a miúdo responsábel da crise, agravaron as contas da débeda pública. Segundo os datos de Eurostat publicados o 22 de abril de 2010, a débeda pública dos 27 países membros da Unión Europea pasou do 58,8 % do PIB en 2007 ao 73,6 % en 2009 |8|, o que significa que pasou de 7,3 billóns a 8,7 billóns de euros. Iso representa un enorme aumento de 1,4 billóns de euros en dous anos, o que máis ou menos equivale ao stock da débeda pública externa de todos os chamados países en desenvolvemento (1,5 billóns de dólares), onde habita as tres cuartas partes da poboación mundial; por certo, un monto comparábel ao stock da débeda pública de Francia, que se aproxima a 1,5 billóns de euros.

 Doutra banda, débese considerar o papel determinante que ten a función especulativa dos axentes financeiros. O mercado ameaza os Estados especulando coa súa débeda. Despois de desencadear episodios terríbeis de fame ao influír sobre o aumento do prezo dos cereais en 2008 -as rebelións do fame estendéronse polo mundo mentres se superaba a barreira dos 1.000 millóns de seres humanos que sofren desnutrición-, os especuladores, desde entón dispostos a facer cambalear os Estados, viraron cara a un sector que ofrecía un maior rendemento do investimento: a chamada débeda «soberana». Esta oligarquía capitalista, que se ampara nunha fiscalidade laxa, pode entón continuar a súa carreira cara ao lucro nun contexto de crise que apenas a afecta e cuxo custo non deberá sufragar, posto que, en primeiro lugar, as políticas de austeridade teñen o seu punto de mira nas clases desfavorecidas e a clase media.

En período de crise os bancos e as aseguradoras reflotados polos contribuíntes outorgan para si beneficios escandalosos

 A crise do mercado hipotecario, ou «subprime», que comezou no verán de 2007, rapidamente fixo caer a algunhas institucións de sona, como Northen Rock (nacionalizado no último minuto, sen dúbida antes de poder novamente privatizar os seus futuros beneficios), Bear Sterns (que perdeu 17.000 millóns de dólares en menos de 48 horas), e outras entidades. Pero a crise non afectou a todo o mundo da mesma forma e algunhas multinacionais obtiveron enormes ganancias. Exxon Mobil bateu a marca rexistrando un beneficio neto anual de 41.000 millóns de dólares no ano 2007, o máis importante endexamais obtido por unha empresa |9|.

 Os grandes bancos quedaron moi expostos ás montaxes financeiras dubidosos (fálase de bonos lixo, ou «junk bonds»). A pesar diso, nun contexto de crise que afectaba sobre todo aos fogares humildes que xa non podían garantir o pagamento da súa vivenda, estes ofreceron primas astronómicas e outras vantaxes aos seus directivos. En outubro de 2007, en plena crise das «subprime», Merrill Lynch (nese momento o terceiro banco de negocios de Wall Street) decidiu a saída anticipada do seu presidente e conselleiro delegado, Stan O’Neal, e concedeulle unha indemnización de 160 millóns de dólares (preto de 30 millóns en concepto de xubilación e 129 millóns en stock options). É así como Merril Lynch daba o exemplo, agradecéndolle ao presidente dun gran banco mundial por asumir persoalmente a responsabilidade das perdas ligadas ás hipotecas de risco («subprime»). Algúns días máis tarde, en novembro de 2007, foi a vez de Charles Prince, presidente de Citigroup, a quen lle recoñeceron os servizos prestados cunha prima 12,5 millóns de dólares. En 2007, o presidente e conselleiro delegado do banco Goldman Sachs, Lloyd Blankfein, rompeu a marca de primas concedidas ao primeiro executivo dun banco ao verse recompensado con 68 millóns de dólares. Dous anos máis tarde, en 2009, logo de levar á empresa á quebra (cunha perda marca de 99.000 millóns de dólares en 2008), algúns executivos de AIG (American Internacional Group) embolsáronse 165 millóns de dólares en primas. Por suposto, Edward Liddy, presidente de AIG, defendeu a legalidade desas primas cando estalou o escándalo. Os directivos cobraron esas primas despois de que o Estado federal inxectase máis de 182.000 millóns de dólares en fondos públicos, e rescatado o 80 % da aseguradora.

Primas para os enterradores de Wall Street

 Segundo unha enquisa do Wall Street Journal, en 2007 as principais entidades financeiras estadounidenses embolsáronse ademais 130.000 millóns de dólares en concepto de remuneración (salarios máis primas). Se só se contabilizan as primas, os banqueiros e brókers de Wall Street percibiron 33.000 millóns de dólares en 2007, o que constitúe unha cifra astronómica nunha época na que os países industrializados van cara a unha crise profunda e duradeira. Este importe só é moderadamente inferior á marca de 2006, cando se autoconcedieron máis de 34.000 millóns de dólares, xusto antes do inicio da crise. En 2008, un ano despois, as autoridades do Estado de Nova York anunciaron que as mesmas entidades de Wall Street que recortaran 19.200 postos de traballo en 2008 (isto é, un recorte do 10,3% do persoal do sector financeiro) pagaron 18.400 millóns de dólares en primas aos seus traballadores ese mesmo ano: mesmo se esa cifra é un 44% inferior á do ano anterior (33.000 millóns), queda patente que os despedimentos de moitos prodúcense para manter as primas exorbitantes duns cantos [véxase o cadro seguinte].

Primas e remuneración total (salarios máis primas) de Wall Street entre 2006 e 2010:

 

2006

2007

2008

2009

2010

Primas Wall Street (en millóns de dólares)

34 000

33 000

18 400

20 300

 

Variación porcentual

34 %

- 4 %

- 44 %

+ 17 %

 

Remuneración total (en millóns de dólares)

130 000

117 000

139 000

144 000

 

Cadro elaborado por Jérôme Duval, 2010. Fontes: New York City Securities Industry Bonus Pool, Thomas P. DiNapoli’s Office estimates State Comptroller; Wall Street Journal

 

 Así pois, esas prácticas séguense aplicando mesmo despois de que as entidades financeiras percibisen as axudas do Estado para o seu rescate, nun momento no que o desemprego e a precariedade están en pleno apoxeo da crise. O drástico incremento do desemprego é especialmente notábel nos Estados Unidos, do mesmo xeito que en Letonia ou o Estado español, cuxos índices de desemprego son os máis elevados da Unión Europea. No seu informe Perspectivas do emprego 2010, Superar a crise dos empregos, a OCDE sinala que, «do 5,6 % en 2007, o seu nivel máis baixo nos últimos 25 anos, a taxa de desemprego da zona da OCDE pasou ao 8,3 % en xuño de 2009, un nivel sen precedentes desde a guerra, cun aumento do número de desempregados próximo aos 15 millóns». Un ano despois, o informe de 2010 da OCDE indica que o número de desempregados aumentara en 17 millóns desde o principio da crise, en 2007. |10|

 Nos Estados Unidos, a taxa de desemprego oficial duplicouse en dous anos, e pasou do 4,6 % en 2007 ao 10 % da poboación activa no cuarto trimestre de 2009 (OCDE). Segundo Eurostat, en 2010 cerca do 20 % dos mozos menores de 25 anos carecía de emprego (19,6 % en abril), e o país perdeu máis de 8,5 millóns de empregos a partir de decembro de 2007. Os 55,8 millóns de estadounidenses que perciben unha pensión da seguridade social volverán experimentar por segundo ano consecutivo unha conxelación destas, sen que teñan dereito a unha suba correlativa á inflación.

 Mentres tanto, segundo o publicado polo Wall Street Journal o 11 de outubro de 2010 |11|, as remuneracións totais dos directivos de Wall Street apuntan a unha nova marca de 144.000 millóns de dólares para 2010 e o maior exportador de armas do mundo non deixa de acrecentar o seu gasto militar, que entre 1998 e 2008 incrementouse nun 66,9 % para situarse en máis de 607.000 millóns de dólares en 2008 |12|. Inmune ás esperanzas que espertara, e a pesar da crise financeira mundial, a administración Obama non logra atallar a tendencia belicosa do seu antecesor (durante a súa presidencia, entre 2000 e 2008, Georges W. Bush conseguiu aumentar o orzamento militar nun 63 % |13|). Nada máis chegar ao poder, a administración Obama pactou un orzamento militar de 661.000 millóns de dólares para 2009, dos cales 65.000 millóns se destinaron a financiar a guerra de Afganistán, onde o Pentágono duplicou os seus efectivos militares. Prevese que ese orzamento alcance 719.000 millóns de dólares para 2010 e 739.000 millóns para 2011. Durante a presidencia de Obama, eses gastos representaron en 2009 o 43 % do orzamento militar mundial, fronte ao 41,5 % o ano anterior. En proporción á poboación, o orzamento militar estadounidense superou os 2.000 dólares por cidadán, xa que nun ano pasou de 1.994 a 2.100 dólares por habitante en 2009. Máis aló de encher as arcas das empresas armamentísticas multinacionais, a escalada bélica non fai senón alimentar o odio e pór en perigo as aspiracións de lograr un mundo de paz; ademais, é unha das principais culpábeis do despegamento do déficit público estadounidense. No conxunto do planeta, o gasto militar mundial aumentou en termos reais un 5,9% con respecto a 2008 e un 49% desde 2000, para alcanzar un total estimado en 1,531 billóns de dólares en 2009. |14|

 Os gobernos seguen discurseando

Agora ben, o 29 de xaneiro de 2009 o flamante Presidente dos Estados Unidos non ocultou o seu enfado polas primas distribuídas polos grupos financeiros estadounidenses aos seus traballadores en 2008: «Entre outras cousas, será necesario que a xente de Wall Street que está pedindo axuda amosre moderación, disciplina e un maior sentido da responsabilidade». Malia a súa chamada á moderación, Obama non se pronunciou sobre os 118 millóns de dólares percibidos en concepto de salario, primas e accións entre 1999 e 2008 por un dos seus asesores principais, o antigo responsable de Citigroup, Robert Rubin |15|. Tampouco fixo referencia a aquel a quen nomeou Secretario do Tesouro, Timothy Geithner, cando este “defraudou ao fisco ao ocultar os ingresos que percibira do FMI” |16|. Para rematar, os bonitos discursos só serven para tranquilizar á opinión pública e distraer a súa atención cando fai falta.

 En Europa, Nicolas Sarkozy tampouco quedou curto no discurso que pronunciou en Tolón o 25 de setembro de 2008, pero ninguén pareceu inmutarse. En referencia ao bróker da Société Générale Jérôme Kerviel, acusado por unha fraude histórica por valor de 5.000 millóns de euros, o Presidente francés censuraba entón ás entidades financeiras tratando -sen conseguilo- de se facer eco das palabras de Georges Marchais «demasiados abusos, demasiados escándalos»: «Este sistema, no que os responsábeis dunha desfeita financeir van para a casa con indemnizacións millonarias, no que un bróker pode provocar perdas de cinco mil millóns de euros ao seu banco sen que ninguén se decate, no que se esixe ás empresas uns beneficios tres ou catro veces superiores ao crecemento da economía real, profundou as desigualdades, desmoralizou as clases medias e alimentou a especulación nos mercados». Non cabe dúbida de que, no que atinxe ás desigualdades, e sen sequera facer referencia a esas indemnizacións millonarias, había motivos para denunciar o “escándalo” que constituía o feito de que, en 2007, a renda media anual dos franceses se situase en 15.780 euros para as persoas que vivían soas e en 23.664 euros para as parellas, cando os ingresos medios dos directivos das principais empresas que cotizaban na Bolsa de París aproximábanse aos 5 millóns de euros, segundo o Conseil de l’emploi, des revenus et de la cohésion sociale (CERCS, Consello para o Emprego, a Renda e a Cohesión Social). Agora ben, en 2007 Nicolas Sarkozy non vacilou en “profundar as desigualdades e desmoralizar” os franceses, incluídas as clases medias, ao subir o soldo un 172 % de vez. É ben preguntarse se ao Xefe do Estado lle puido parecer escandaloso que Patrick Kron, directivo de Alsthom, embolsase 12,2 millóns de euros en concepto de plusvalías resultantes da transferencia de activos que a empresa efectuou entre o 1 de xaneiro de 2008 e o 25 de marzo de 2009. Sexa como for, eses bonitos discursos non lle impediron aceptar 4 millóns de euros máis uns meses máis tarde, en novembro de 2009, cando Alsthom volveu transferir activos. En ocasións, o discurso político difundido polos principais medios de comunicación pon de manifesto un control sorprendente, e probabelmente non sería tan fácil pasar da prohibición dos paraísos fiscais, e da imposición de diversos gravames ao sistema financeiro, á austeridade orzamentaria. A cuestión é se os franceses estarán dispostos a pasar polo aro.

A gula capitalista á palestra pública

 Ao producirse a explosión do desemprego e a precariedade, a opinión pública indígnase ante as primas exorbitantes que cobran os directivos das empresas que tiveron que ser rescatadas co diñeiro do contribuínte. Por mor da presión mediática e do consecuente escándalo, John Mack, o Presidente e conselleiro delegado do banco estadounidense Morgan Stanley renunciou temporalmente a cobrar as súas primas; Alex Miller, antigo administrador delegado do banco franco-belga Dexia tamén renunciou en outubro de 2008 a percibir unha indemnización por cesamento que ascendía a 3,7 millóns de euros. Logo de ter embolsado preto de 14 millóns de euros en 2007, en plena tormenta financeira, Josef Ackermann, directivo do primeiro banco alemán, o Deutsche Bank, tamén renunciou en 2008 ás súas primas «por motivos de solidariedade», co que o seu salario dese ano «quedou limitado» a 1,4 millóns de euros. Dito isto, esa austeridade «solidaria» non foi lonxeva, xa que en 2009 Ackermann cobrou unha prima de 8,2 millóns de euros que, sumada ao seu soldo de 1,3 millóns de euros, lle garantiu unha remuneración de 9,55 millóns de euros. En 2008, o Director do Royal Bank of Scotland, Fred Goodwin, provocou perdas por valor de 27.000 millóns de euros (24.137 millóns de libras), o que obrigou ao Estado británico a reflotar o banco inxectando 22.000 millóns de euros (20.000 millóns de libras) para evitar a súa quebra, e viuse obrigado a reducir en 212.500 libras a súa pensión de xubilación, que inicialmente negociara en 703.000 libras anuais (máis de 800.000 euros). Aínda que só tiña 50 anos, Goodwin negouse categoricamente a rebaixar a pensión que cobraba -e segue cobrando- desde o seu cesamento, en outubro de 2008, o que provocou a ira da poboación e o consecuente saqueo do seu opulenta vivenda, situada no elegante barrio de Morningside, en Edimburgo, en marzo de 2009. Con todo, o Estado acudiu ao rescate do banco, que nacionalizou nun 84%. Desde ese rescate, a entidade eliminou 27.000 postos de traballo, na súa meirande parte en Gran Bretaña, e a finais de setembro de 2010 anunciou a supresión doutros 500 empregos en Londres (Les Echos, 29 de setembro de 2010).

 Aínda que a lista de salarios, indemnizacións por cesamento e primas satisfeitos á oligarquía capitalista en tempos de crise é interminábel, en canto se esvae a atención mediática polas escandalosas remuneracións dos directivos da industria financeira estes non tardan en renovar os seus vellos costumes. Na páxina 3 do seu informe titulado Recuperación e crecemento baixo o signo do traballo decente, de xuño de 2010, o chileno Juan Somavia, Director Xeral da OIT (Organización Internacional do Traballo) explícao con claridade: «En 2009, os gobernos rescataron as institucións financeiras nas que naceu ese risco sistémico, os famosos bancos «demasiado grandes para crebar». Desde aquela, estas entidades recuperáronse, as súas cotizacións, beneficios e primas aumentaron, e nos mercados financeiros raíña un clima de volta á rutina, coma se non pasase nada».

 Cando, medorentas do escándalo, non poden percibir primas demasiado avultadas, as entidades financeiras compensan o lucro cesante dos seus banqueiros a través dun incremento significativo do salario fixo. Escudándose no pretexto dunha competencia feroz, cada banco trata de reter aos suxeitos mellor cualificados mediante o aumento dos ingresos fixos ou variábeis en función da lexislación e as cargas vixentes no país no que operan.

«Se o clima fose un banco, xa o terían salvado»

 Esa dilixencia por salvar os bancos resulta verdadeiramente abraiante. O frenesí dos nosos dirixentes políticos pasou bastante máis desapercibido durante a crise alimentaria de 2007-2008, cando o número de persoas famentas no mundo aumentou en 150 millóns e en 2008 se produciron disturbios por fame nunha vintena de países. Esa dilixencia por salvar os bancos contrasta ademais coa apatía da que se fixo gala durante o cume de Copenhague, en decembro de 2009, cando as paredes da cidade e as pancartas dos manifestantes lucían esta inscrición, cuxa veracidade resulta aterradora: «Se o clima fose un banco, xa o terían salvado» |17|.

________________________________________________________________________

Notas:

|1| The Guardian, 21 de outubro de 2009, Public must learn to ‘tolerate the inequalit’ of bonuses, says Goldman Sachs vice-chairman, http://www.guardian.co.uk/business/2009/oct/21/executive-pay-bonuses-gol...

2| Véxase sobre este tema o libro de Damien Millet e Eric Toussaint, La crise, quelles crises, Aden, 2010.

|3| Véxanse as propostas do CADTM: A débeda, maná do ceo para os acredores e unha traxedia para os pobos, orixinal en francés... Disponíbel en: http://www.cadtm.org/IMG/pdf/La_deuda_mana_del_cielo.pdf

|4| Gilles Bonafi, Crise systémique: les USA au bord du gouffre, http://www.mondialisation.ca/index.php?context=va&aid=19946

|5| Stéphanie Treillet, De la crise de las subprime à la crise bancaire, http://www.npa2009.org/content/de-la-crise-des-subprime-%C3%A0-la-crise-...

|6| «Este empréstito comprende unha suma de 40.000 millóns de euros para recapitalizar os bancos que o necesiten. O 20 de outubro de 2008, concedeuse unha primeira partida de 10.500 millóns de euros aos seis bancos privados franceses máis grandes para reforzar os seus fondos propios. O Estado prestaba este diñeiro aos bancos a un tipo de xuro do 8 % e o seu reembolso faríase a medida que mellorase a situación económica». A parte seguinte figuraba na web pero foi suprimida: «Pero a situación é ben distinta no que incumbe a eses 40.000 millóns previstos para a adquisición de participacións, pois, certamente, isto afectará á débeda. Para dispor deses fondos, o Estado deberá pedir un empréstito, sen estar seguro de recuperalos; unha garantía de 320.000 millóns de euros para prover aos bancos da liquidez necesaria para poder conceder créditos. Tamén neste caso se trata de empréstitos que os bancos deberán devolver segundo os prazos previstos.» http://www.gouvernement.fr/gouvernement/plan-de-soutien-aux-banques-nico...

|7| Frédéric Lordon, Et se on fermait la bourse, Le Monde Diplomatique, febreiro de 2010. http://www.monde-diplomatique.fr/2010/02/LORDON/18789

|8| Eurostat, 22 de abril de 2010, http://epp.eurostat.ec.europa.eu/cache/ITY_PUBLIC/2-22042010-BP/FR/2-220...

|9| Les Echos, 2-3 de maio de 2008.

|10| «Do 5,6 % a finais de 2007, o seu nivel máis baixo nos últimos 28 anos, a taxa de desemprego da zona OCDE alcanzou 8,5 % no primeiro trimestre de 2010, o que corresponde a 17 millóns máis de persoas desempregadas, isto é, un incremento da taxa de desemprego lixeiramente superior ao 50 % (..)»

|11| Wall Street Pay : A Record $144 Billion, Wall Street Journal, 11 de outubro de 2010. http://online.wsj.com/article/SB1000142405274870451810457554654246374656...

|12| Dépenses militaires, production et transferts d’armes, Compendium 2010, Groupe de recherche et d’information sur a paix et la sécurité, GRIP 2010

|13| Media Background-Military expenditure, SIPRI Yearbook 2010, páx. 2 : “US military expenditure rose by 63% in real terms between 2000, just before George W. Bush took office as president, to 2008, his last full year in office” http://www.sipri.org/media/pressreleases/pressreleasetranslations/storyp...

|14| Instituto Internacional de Estocolmo de Investigación para a Paz, SIPRI Yearbook 2010, Estocolmo, xuño de 2010. http://www.sipri.org/yearbook/yearbook/2010/files/SIPRIYB10summaryES.pdf

|15| Damien Millet e Eric Toussaint, La crise, quelles crises ?, Aden, 2010, páx. 59.

|16| Ibid, páx. 62.

|17| Hugo Chávez retomou este eslogan en varios dos seus discursos. Tamén se publicou na prensa.

________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web ‘CADTM’, do 5 de febreiro de 2011]

cig.prensa@galizacig.com