A reelección a finais de 2009 como xefe de Estado do presidente Traian Basescu (do partido demócrata liberal, PDL), nunhas eleccións con sospeita de fraudulentas e por unha pequena marxe de vantaxe, para un segundo mandato de cinco anos supón pór fin a unha crise política de máis de dous meses desde outubro de 2009.
Durante ese período, Romanía, encamiñada cara a unha seria recesión, estivo gobernada por un executivo provisorio. O primeiro ministro Emil Boc, tamén reelixido, acaba de constituír un novo goberno liberal. Romanía, integrada na OTAN desde 2004, é un dos Estados máis pobres da Unión Europea, á que se adheriu en 2007.
É evidente que o acordo concluído en marzo de 2009 co Fondo Monetario Internacional (FMI), a Unión Europea (UE), o Banco Mundial e outros prestamistas para unha axuda de 20.000 millóns de euros non servirá infelizmente para que a poboación pobre se libere da crise financeira que sofre o país. Como é habitual, cada vez que o FMI concede un empréstito, esta institución inmíscese na política económica do país, neste caso para reformar o sistema de pensións e reducir os salarios dos funcionarios públicos, impedindo calquera acto soberano do goberno. Para conseguir isto, asfixiando aínda máis unha economía maltreita, o FMI bloquea xunto á UE unha parte do empréstito, de 2.500 millóns de euros, que Romanía debía recibir desde novembro de 2009. De igual xeito, e no mesmo momento, que no caso de Ucraína(1), o Fondo, despreocupándose dos efectos da crise económica que afectan aos máis pobres, exerce este bloqueo para presionar nas negociacións sobre a satisfacción das súas esixencias neoliberais.
Xa no mes de agosto, Jeffrey Franks, responsábel do FMI e nese momento en plenas conversas sobre o futuro económico do país, anunciaba que as autoridades deben reducir a masa salarial do sector público, do actual 9 % do PIB até chegar a un 6 % do PIB en cinco anos. Mr. Franks calcula entón que as condicións impostas a Romanía son «ambiciosas pero realistas» e «adaptadas ao país». Pero isto non semella ser a opinión da poboación que realizou unha importante mobilización: o 7 de outubro de 2009, saíron á rúa milleiros de persoas para manifestárense en contra das medidas de austeridade do goberno. Ademais, aparecen outras frontes de mobilización -un signo de efervescencia social-, como no seo da multinacional Alcatel Lucent, onde os asalariados decidiron crear o seu primeiro sindicato e comezar unha folga para defender os seus dereitos (a multinacional, presente en Romanía desde hai 18 anos, prevé a transferencia do 30 % dos seus empregados cara ao subcontratista indio Wipro)(2).
Como era necesario facilitar as negociacións en curso co FMI, o presidente Traian Basescu nomeou, o 15 de outubro de 2009, a Lucian Croitoru, ex representante do FMI en Romanía, que traballou tamén no Banco Mundial, novo primeiro ministro. Este propuxo un novo goberno que foi rexeitado polo Parlamento e tivo que demitir. A fins de decembro, Sebastian Vladescu, o próximo ministro de Finanzas do novo goberno de Traian Basescu, confirma o sometemento á institución financeira ao comprometerse a suprimir 100.000 postos de funcionarios durante o ano 2010, ou sexa, o 7,5 % da función pública. As condicións do empréstito do FMI serán respectadas polo tanto polo novo goberno. Aínda que unha gran parte dos postos de traballo serán reducidos ao non ser substituídos os empregados que se acollen á xubilación, é inconcibíbel aceptar un plan que forma parte dunha estratexia que ten como obxectivo reducir á metade a masa salarial da función pública. O FMI e a UE, en misión en Bucarest o 14 de decembro de 2009, interveñen directamente na elaboración do orzamento de 2010, o que é unha condición para conseguir o empréstito. É así como o señor Lyberck, representante do FMI en Bucarest, sinala: «Unha misión técnica restrinxida do FMI e da UE visita Bucarest para continuar as discusións sobre o proxecto de orzamento de 2010 cos expertos do ministerio de Finanzas.»(3). Pola súa banda, o primeiro ministro Emil Boc subliña da forma máis explícita posible: «O orzamento está baseado nos indicadores aceptados polo FMI [...] As miñas prioridades son as seguintes: cumprir cos compromisos que emanan do acordo co FMI e os tomados coa Comisión Europea»(4). Ademais da supresión de 100.000 postos de traballo, están as medidas impostas polo FMI e incluídas no orzamento: unha conxelación das pensións e dos salarios cun mantemento do salario mínimo mensual de 600 lei (145 euros). E a cambio disto, Romanía recibiu en febreiro unha «axuda» de 2.300 millóns de euros do FMI.
A crise financeira na que o FMI ten unha gran responsabilidade non frearía o dinamismo da Institución senón todo o contrario. Nestes últimos anos, varios países reembolsaran anticipadamente as súas débedas co FMI e por conseguinte o Fondo viu como se reducía a súa carteira de empréstitos de preto de 100.000 millóns de dólares a comezos de 2000 a 17.000 millóns xusto antes da crise de 2007, mentres que o seu único empréstito foi para Turquía(5). Nese momento intervén o G20, que, reunido en Londres o 2 de abril pasado, pediu aos Estados (ou sexa, a nós, os contribuíntes) insuflar á institución case un billón de dólares. Deste xeito, o G20 promove ante o público un FMI desacreditado e desprezado polos movementos sociais, suxeito a graves problemas de corrupción e debilitado polos seus problemas de liquidez. Porén, o FMI pode continuar coa súa política lucrativa de empréstitos cara a toda unha serie de novos países en dificultades (Islandia, Ucraína, Letonia, Hungría, etc.) e Dominique Strauss-Kahn, como un banqueiro entusiasmado por atopar novos clientes, explicaba: «O Fondo está alí, foi creado para iso, e estamos prestos a fornecer aos países que o desexen a liquidez necesaria.» Desde entón, os negocios recomezan e a institución anuncia unhas ganancias en alza de preto de 700 millóns de dólares para o exercicio 2009-2010, sen contar os 4.700 millóns de dólares de beneficio xerado pola venda en 2009, de case 212 toneladas de ouro do seu stock. Esa venda continúa en 2010 (o FMI contaba a finais de xaneiro de 2010 cunha reserva de 3.005 toneladas de ouro, que a prezos de mercado valen uns 105.000 millóns de dólares).
De forma similar á crise de 1982, o FMI chega como prestamista de última instancia acompañado das súas funestas consecuencias, chamadas vulgarmente axustes estruturais. Como se pode explicar, daquela, o discurso erróneo de certos economistas, que como Bernard Maris, aparentemente reconciliado co FMI de Dominique Strauss-Kahn, afirmaba o 7 de outubro de 2009: «Pero é certo que con DSK e as súas intervencións puntuais, sen contrapartidas estruturais en Hungría, Irlanda, Polonia, Ucraína, etc., o FMI reconciliouse coa súa modestia e a súa filosofía orixinal. E é por iso polo que DSK é unanimemente eloxiado»(6). Pode ser un economista tan cego ata o punto de non ver nos recentes empréstitos do FMI aos países do Norte a imposición de axustes estruturais devastadores que os acompañan? O Tribunal constitucional de Letonia semella, con todo, detectar correctamente que a diminución das pensións de xubilación estaba condicionada polo empréstito de 7.500 millóns de dólares do FMI e da UE, xa que en decembro de 2009 declarou a medida anticonstitucional e ordenou o reembolso aos xubilados das sumas correspondentes á redución das súas pensións(7).
Ao contrario do que dicía Michel Camdessus (ex presidente do FMI desde 1987 ata 2000), nós non pensamos que é necesario «adaptar o capital»(8) a un mundo en crise para preservalo mellor, senón máis ben atacar o problema de xeito radical, é dicir, ir á raíz do sistema capitalista mortífero e promover unha igualitaria repartición da riqueza. É necesario suprimir o FMI, cuxas políticas ultraliberais están a nos levar de crise en crise, cos mesmos remedios de sempre, que engordan aos mesmos accionistas. É o momento de substituír a esta institución, cuxos múltiples erros demostraron innumerábeies veces a súa incapacidade para estabilizar a economía mundial, mandato que o propio Fondo se adxudicou. Debemos instaurar institucións financeiras democráticas, que funcionen con control cidadán, que rompan definitivamente co Consenso de Washington e que traballen por un verdadeiro desenvolvemento humano dirixido a un decrecemento materialista.
___________________________________________________________________
Notas
|1| Malia a visita dunha delegación ucraína a Washington en decembro, a concesión doutra parte dun crédito de 16.400 millóns de dólares que o lle FMI outorgou a Kiev en novembro de 2008, continúa bloqueada, e fortemente cuestionada polo aumento dun 20 % no salario mínimo a fins de outubro. As negociacións deben continuar en xaneiro de 2010.
|2| Véxase o artigo «Os asalariados de Alcatel-Lucent fan a súa revolución en Timisoara» http://balkans.courriers.info/artic...
|3| Ver Les Echos e AFP, 14 de decembro de 2009.
|4| http://www.lexpress.fr/actualites/2...
|5| Ler a entrevista a Eric Toussaint: http://www.cadtm.org/Cette-crise-vai...
|6| Entrevista por radio: http://sites.radiofrance.fr/francei...
|7| http://fr.reuters.com/article/frEur...
|8| «Produciuse unha separación. Aínda estamos nun sistema baseado nun mundo como o da fin da segunda guerra mundial. O mundo cambiou, polo tanto hai que adaptar o capital», Michel Camdessus, 11/02/2008, RFI.
___________________________________________________________________
[Artigo tirado do sitio web do CADTM, do 14 de marzo de 2010]