Non está soa a dereita neste premeditado linchamento de Cuba e a súa revolución. Coma sempre nestes casos, os sectores da esquerda máis sistémica e asimilada vociferan a súa ladaíña condenatoria desde unha suposta suficiencia moral beatificamente impostada. Mais a súa non é unha posición inocente. O que se condena é o acto soberano dun pobo, o cubano, que contra vento e maré exerceu o seu dereito a decidir.
Nos últimos días, e a raíz do infortunado pasamento dun preso folguista na illa, contra Cuba está a se desatar unha feroz campaña político-mediática que procura dobregar o goberno cubano e facer que abandone os vieiros revolucionarios emprendidos no ano 1959. Trátase dun revoltado furacán de dimensión internacional no que se comprometen desde institucións como o Parlamento europeu até gobernos nacionais e forzas políticas, nomeadamente as que se sitúan no espectro da dereita mais tamén algunhas que se autodenominan de esquerdas, malia o seu caudal político estar reducido á versión máis grotesca das antigas socialdemocracias.
Na nosa contorna esta campaña está a liderala o dereitista Partido Popular e busca dous obxectivos fundamentais. Un primeiro é exercer de altofalante dos desexos imperiais acosando virulentamente a soberanía cubana, precisamente por formar parte dese pequeno -e necesario- ronsel de países que non sucumbiron á predación capitalista e non se aliñaron baixo o mandato dese Grande Xendarme chamado imperialismo. Imperialismo que -quéirase ou non- existe, e actúa como tal. Por certo neste momento da Historia, sostendo dúas guerras de ocupación e saqueo polas abruptas terras afgás e os hoxe desolados territorios do Iraq, coa consabida brutalidade exercida contra as poboacións civís de ambos os países.
O outro confeso obxectivo do PP na súa campaña contra Cuba é de índole máis doméstica e vai na liña de contribuír ao desgaste do Goberno do PSOE no Estado, Goberno que timidamente viña traballando na elaboración dunha nova estratexia europea a respecto de Cuba e de cales deberían ser as relacións futuras entre a Unión Europea e o goberno da illa caribeña.
Para os seus espurios fins, a dereita política española conta, máis unha vez, co inestimábel concurso da práctica totalidade dos medios de comunicación e persuasión, a chamada mediática, que actúa dogmática e envilecidamente cando de Cuba e o seu goberno se trata, mentres mantén o máis atroz dos silencios perante violacións, estas si flagrantes, dos dereitos humanos que diariamente se dan en moitos outros países, comezando polos propios Estados Unidos, ou mesmo o Estado español, obxecto de denuncia pública por casos de tortura feita por entidades ou organizacións tan pouco sospeitosas de posicións pro cubanas como a propia Amnistía Internacional.
Porén, non está soa a dereita neste premeditado linchamento de Cuba e a súa revolución. Coma sempre nestes casos, os sectores da esquerda máis sistémica e asimilada vociferan a súa ladaíña condenatoria desde unha suposta suficiencia moral beatificamente impostada. Mais a súa non é unha posición inocente. O que se condena, implícita ou explicitamente, non é un menoscabo dos dereitos humanos, o cal referido á actual democracia cubana é cando menos discutíbel e, en calquera caso, nin de lonxe asimilábel a outras moitas violacións dos dereitos humanos que se producen no mundo. O que se condena, en definitiva, é o acto soberano dun pobo, o cubano, que contra vento e maré exerceu o seu dereito a decidir. E en congruencia con ese dereito, decidiu construírse como sociedade socialista. Sen inxerencias e con independencia.
É, pois, a vía cubana ao socialismo (perfectíbel, mellorábel) a que se está a poñer en causa. Os defectos da Revolución cubana, defectos que eles mesmos asumen e tentan combater, pouco pesan na balanza postos ao carón das bondades dun proceso revolucionario que marcou un fito na Historia, e non só na Historia do pobo cubano, senón na de todo un continente, que viu en Cuba as pegadas desa cousa tan valiosa chamada dignidade.
Fronte acosos, bloqueos e tentativas imperiais de truncar a Revolución cubana, quédanos proclamar o respecto á súa soberanía e, máis unha vez, estender as raíces na nosa solidariedade con Cuba, o seu pobo e a súa Revolución, porque, como dixo a poeta, “a solidariedade é a tenrura dos pobos”.
[Galiza, 23 de marzo de 2010]